Somos un Centro de Innovación Tecnolóxica en Edificación e Enxeñería Civil da Universidade da Coruña, creada co obxectivo de mellorar a investigación e estudo no ámbito da construción, na súa vertente de edificación e de enxeñaría civil, desde a óptica da análise experimental.
Con motivo da conmemoración do vixésimo quinto aniversario da inauguración do Centro de Innovación Tecnolóxica en Edificación e Enxeñaría Civil (CITEEC), organizamos o concurso de fotografía CITEEConto... o que vexo!.
O CITEEC ten actualmente dez áreas de actividade, representadas polos seguintes laboratorios:
Cada un destes laboratorios xera os seus propios proxectos e utiliza os seus propios equipos, os cales forman parte do equipamento do centro.
O CITEEC posúe infraestruturas capaces de abordar ensaios de gran envergadura, ao nivel dos centros máis avanzados da Unión Europea
O Centro de Innovación Tecnolóxica en Edificación e Enxeñaría Civil (CITEEC) é unha unidade de investigación única en Galicia —e singular no conxunto do Estado español— polo seu foco temático e as súas capacidades científico-tecnolóxicas ao servizo da investigación, a innovación e a sociedade. Desde a súa inauguración en xuño do 2000, no CITEEC desenvolven a súa actividade científico-técnica un amplo conxunto de investigadores e investigadoras, para os cales o uso destas instalacións e equipamentos constitúe un factor clave e absolutamente imprescindible para acadar resultados de excelencia nos seus respectivos campos.Sobre esta base, defínese en 2017 un primeiro proxecto para artellar os grupos máis vencellados ao centro, definir unha primeira axenda de investigación conxunta e sentar as bases dun proceso de desenvolvemento institucional, todo isto coa visión a medio prazo de chegar a ser un centro de investigación de excelencia do Sistema Universitario de Galicia. Pola súa calidade e potencial, conséguese o recoñecemento da Xunta de Galicia como Agrupación Estratéxica de Investigación, obtendo financiamento basal para o período 2018-2020.
Finalizada esta etapa, apostouse por continuar cara á consolidación como centro de investigación da UDC, obtendo finalmente o recoñecemento como centro de excelencia colaborativo na convocatoria Centros de investigación do Sistema universitario de Galicia de 2023 (CIGUS 2023). Sobre a base deste equipo científico, e dotado cuns equipamentos tecnolóxicos ao nivel dos centros máis avanzados da UE, os obxectivos do CITEEC diríxense a avanzar na consecución dun posicionamento científico referencial, como piar fundamental para mellorar a competitividade dos sectores estratéxicos vencellados á enxeñaría civil e á edificación sustentable de Galicia, España e Europa, acadando impacto social, ambiental e económico.