Educando para a Sustentabilidade

Campus, Casa, Cidade: Laboratorios do cambio

Campus, Casa, Cidade: Laboratorios do cambio é unha iniciativa da Oficina de Medio Ambiente da UDC para a formación e participación da comunidade universitaria en materia de sustentabilidade ambiental e social. Combina actividades individuais e en grupo, e fai uso da vivenda, a cidade e o campus ou centro escolar como lugares de estudo e experimentación. Incluída no módulo “Educando para a sustentabilidade”, esta iniciativa ten por obxectivo desenvolver a capacidades para actuar nas cuestións ambientais hoxe prioritarias.  

Convocatorias

VIII Edición Educando para a Sustentabilidade 2025

Memoria e resultados

O proxecto 'Educando para a Sustentabilidade UDC', acadou no curso 2024-2025 na súa oitava convocatoria na UDC, co obxectivo de promover a formación e participación da comunidade educativa en materia de sustentabilidade ambiental e social. O programa difunde a transferencia de coñecemento de traballos propios da UDC e tamén externos a ela e relacionados coa súa área de influencia. 

Os resultados obtidos no proxecto foron neste curso académico os do ciclo Marzo Ambiental 2025, que desenvolveu entre o 6 e 31 de marzo un total de 24 actividades diversas coa participación de 879 persoas, en módulos de mesas redondas, palestras, voluntariado, obradoiros e visitas técnicas. A esta participación súmanselle accións coma o rexistro nas ferramentas de cálculo da pegada de carbono, na presentación aos concursos de fotografía, ou a implicación nunha xornada de intercambio de plantas. En total, ascendeu a 1.158 persoas da comunidade universitaria participantes.

A valoración do Marzo Ambiental 2025 obtivo un 4,42 de puntuación media sobre 5, cun 93% de persoas que consideraron o programa "Ben" e "Moi ben".

Así mesmo, analizouse a capacidade de estimulación do contido formativo ofertado, cunha dobre pregunta, do “antes” e o “despois” de ter participado, encontrando a seguinte distribución: Aínda cando o 62% das persoas enquisadas consideraron os seus coñecementos iniciais como bastantes ou moitos, o ciclo Marzo Ambiental conseguiu sensibilizar en grande medida, ascendendo ao 88% das persoas que os contidos recibidos neste ciclo de formación melloraron e foron clave para a súa percepción da sustentabilidade.

VII Edición Educando para a Sustentabilidade 2024

Memoria e resultados

O proxecto 'Educando para a Sustentabilidade UDC + Fundación Alcoa', realizado durante o curso 2023-2024 na súa séptima convocatoria (sexta convocatoria co cofinanciamento da Fundación Alcoa), desenvolveuse en dúas áreas galegas: os Campus da Universidade da Coruña, e os centros de ensino da Mariña de Lugo, co obxectivo de promover a formación e participación da comunidade educativa en materia de sustentabilidade ambiental e social. O programa difunde a transferencia de coñecemento cara ás comunidades da UDC, que afecta a toda a zona norte galega, incluíndo provincias da Coruña e Lugo.

Conformáronse dous bloques ou módulos de formación, o primeiro na propia UDC baixo o nome de 'Marzo Ambiental 2024', e o segundo co de 'A Mariña Ambiental', aos que se sumaron accións e actividades presenciais e telemáticas de formación.

Os resultados obtidos no proxecto foi de 4.142 persoas participantes e 3.944 horas de formación. O tempo dedicado dende o alumnado a actividades presenciais nos campus da UDC e na comarca da Mariña foi equilibrado (42 e 36%, respectivamente), cun 22% do tempo restante dedicado ás actividades en liña. 

Memoria proxecto (resumo en inglés):

Documentos Marzo Ambiental 2024:

Documentos Curso  Pegada Ecolóxica 2024:

Documentos Mariña Ambiental 2024:

 

VI Edición Educando para a Sustentabilidade 2023

Memoria e resultados

O proxecto 'Educando para a Sustentabilidade UDC + Fundación Alcoa', realizado durante o curso 2022-2023 na súa quinta convocatoria co cofinanciamento da Fundación Alcoa, desenvolveuse en dúas áreas galegas: os Campus da Universidade da Coruña, e os colexios da Mariña de Lugo, co obxectivo de promover a formación e participación da comunidade educativa en materia de sustentabilidade ambiental e social. O programa difunde a transferencia de coñecemento cara ás comunidades da UDC, que afecta a toda a zona norte galega, é dicir, o norte das provincias da Coruña e Lugo.

Conformáronse dous bloques ou módulos de formación, o primeiro na propia UDC baixo o nome de 'Marzo Ambiental 2023', e o segundo co de 'A Mariña Ambiental', aos que se sumaron accións e actividades presenciais e telemáticas de formación.

Aproximadamente o 50% da participación tivo lugar durante o ‘Marzo Ambiental 2023' na UDC, cun total de 32 actividades durante o mes de marzo, as cales involucraron a case 1.800 persoas da comunidade universitaria para a súa formación teórica e práctica en sustentabilidade ambiental.

No bloque de formación 'A Mariña Ambiental' traballouse en 11 centros dos niveis educativos de primaria, secundaria e bacharelato, desenvolvendo 25 actividades nos centros e 6 visitas á UDC, coas que se chegou a case 1.100 persoas da comunidade escolar, incluíndo alumnado e o seu profesorado.

Outras accións e actividades que completaron o proxecto 'Educando para a sustentabilidade' na presente convocatoria, foron o Curso on-line 'Pegada ecolóxica e emerxencia climática: achegas desde a UDC', e os avances na xestión de residuos e área de compostaxe no Campus Industrial de Ferrol. Ademais, 525 persoas procedentes tanto da universidade como dos centros escolares visitados, participaron nas ferramentas web Emapic-OMA para o cálculo da pegada ecolóxica persoal.

Estas cifras mostran o interese na sustentablidade ambiental nas distintas etapas educativas, e a afinidade crecente polas actividades máis prácticas. O 79,5% das persoas participantes salientou unha valoración global de Boa/Moi boa, porcentaxe que ademais recomenda a outras persoas a participar en futuras edicións do programa.

Ademais, aínda que o 46% das persoas dixeron ter nulos ou baixos coñecementos previos, logo da súa participación nalgún módulo de formación, o 88% acadou unha percepción de mellora dos seus coñecementos, do queo 31% considerouno clave para a súa formación.

O programa en detalle de cada módulo de formación e as fichas de actividades con imaxes, poden consultarse nos seguintes documentos:

V Edición Educando para a Sustentabilidade 2022

Memoria e resultados

Este proxecto de formación desenvolto pola OMA-UDC, contou por cuarta vez co co-financiamento da Fundación Alcoa. Organizouse en actividades eminentemente prácticas co obxectivo de formar tanto ao estudantado de todos os niveis educativos, así como ao profesorado e persoal traballador dos centros, nos conceptos básicos relacionados coa sustentabilidade ambiental para actuar en cuestións hoxe prioritarias como a economía circular e o cambio climático.

Cuestións prioritarias tratadas nesta edición 2021/2022:

Alimentación sustentábel e saudábel | Enerxía eólica | Bioconstrución | Crise climática e emerxencia ecolóxica |Eficiencia enerxética | Exercicio e saúde | Voluntariado ambiental | Contaminación acústica | Eco-deseño | Biodiversidade | Menstruación eco-consciente | Asociacionismo e poder cidadá | Mobilidade responsable | Dereito, economía e perspectiva social da transición verde | Compostaxe e residuos | Consumo responsábel e ecolóxico | Pegada ecolóxica e hídrica | Eco-auditorías

Seguindo o esquema de edicións anteriores, Educando para a Sustentabilidade na UDC contou con dous chamamentos principais: ‘Marzo Ambiental 2022’, e Curso en liña ‘Pegada ecolóxica e emerxencia climática: achegas desde a UDC’, ademais de actividades e iniciativas espalladas durante o curso 2021/2022.

Ademais, nesta edición incorporouse ao proxecto unha área de acción en centros educativos da Mariña Lucense, baixo o nome de ‘Mariña Ambiental 2022’, co obxectivo de achegar a formación en sustentabilidade ás xeracións máis novas desta área xeográfica.

Os resultados de participación foron un total de 3.262 horas de dedicación por conta de 2.876 persoas, sendo 1,13 horas por persoa de formación en sustentabilidade.

Máis do 50% da participación tivo lugar durante o ‘Marzo Ambiental 2022’, que conseguiu preto de 1.600 persoas implicadas nun mes de actividades diversas.

Táboa que detalla a participación no Proxecto 'Educando para a sustentabilidade' do curso 2021/2022, diferenciando por iniciativa de formación:

 

Nº Persoas

Nº Horas

Marzo Ambiental 2022

1.596

2.067

A Mariña Ambiental 2021/2022

471

809

Curso on-line pegada ecolóxica

12

120

Ferramentas para o cálculo da pegada ecolóxica

797

266

TOTAL

2.876

3.262

 

Documentación para consulta e descarga:

MARZO AMBIENTAL (UDC)

A MARIÑA AMBIENTAL (LUGO)

 

IV Edición Educando para a Sustentabilidade 2021

Memoria e Resultados

Cuestións prioritarias tratadas:

Eficiencia enérxetica | Plásticos e Covid | Exercicio e saúde Voluntariado ambiental | Contaminación acústica | Eco-deseño Naturaleza e toponimia | Re-zero menstruación | Mobilidade e Covid Consumo resposábel e ecolóxico | Compostaxe e residuos | Pegada ecolóxica e hídrica | Eco-auditorías | Cambio climático | Biodiversidade | ...e máis

No curso 2020/2021 organizáronse dúas convocatorias de formación intensivas: o Marzo Ambiental 2021, que logrou a implicación de1.368 persoas, e o curso Pegada ecolóxica e emerxencia climática: achegas desde a UDC, con 42 persoas inscritas. Ademais promoveuse o uso das ferramentas desenvoltas pola OMA-Emapic para o cálculo da pegada ecolóxica, nas que se rexistraron 476 novas contribucións. 

En total sumouse a participación de 1.886 persoas da comunidade universitaria interesada en algún módulo de formación en sustentabilidade, cunha dedicación total de 2.055 horas. 

Memoria Marzo Ambiental 2021

Tríptico Marzo Ambiental 2021

Cartaz Marzo Ambiental 2021 | Cartaz curso Pegada ecolóxica

Ficha de resultados do curso 'Pegada ecolóxica e emerxencia climática: achegas desde a UDC'

III Edición Educando para a Sustentabilidade 2020

Memoria e resultados

Cuestións prioritarias tratadas:

Emerxencia climática, Exercicio e saúde, Impactos ambientais, Green Campus, Residuos e compostaxe, Ecodeseño, Pegada ecolóxica, Mapas de ruído, Auditorías de auga e enerxía.

No curso 2019/2020 organizáronse dúas convocatorias de formación e participación intensivas: o Marzo Ambiental 2020, e o Curso on-line Campus, Casa, Cidade: Laboratorios do cambio, ás que se sumaron actividades complementarias concretas. Sumouse en total a implicación de 2.421 persoas durante o curso 20219/2020.

O 42% da participación fíxoo vía telemática, superando o curso de formación on-line e co emprego das ferramentas TIC.

As actividades presenciais do Marzo Ambiental (conferencias, obradoiros, visitas técnicas, exposicións) desenvolvéronse durante 10 días, ficando o resto canceladas por Covid-19. A elas asistiu o 39% das persoas participantes durante o curso 2019/2020.

Memoria completa Campus, Casa, Cidade: L.aboratorios do cambio 2020
Memoria Marzo Ambiental 2020

Cartaz Marzo Ambiental 2020  |  Cartaz curso on-line

II Edición Educando para a Sustentabilidade 2019

Memoria e resultados

Cuestións prioritarias tratadas:

Economía circular, mobilidade, xestión de residuos, contaminación e saúde, emerxencia climática.

Estas e outras temáticas foron contido das conferencias, obradoiros e actividades do curso, que contou coa convocatoria intensiva do Febreiro Ambiental 2019, ademais de actividades complementarias durante todo o curso académico.

Nos resultados rexistráronse 2.370 persoas participantes en algunha das iniciativas, das que aproximadamente o 50% o fixeron durante o Febreiro Ambiental 2019, que ao longo de 15 días incluíu unha programación intensa e sumou a participación de 1.057 persoas. 

Memoria completa Campus, casa, cidade: Laboratorios do cambio 2019

Tríptico programación Febreiro Ambiental 2019

Cartaz Febreiro Ambiental 2019

I Edición Educando para a Sustentabilidade 2018

Memoria e resultados:

Cuestións prioritarias tratadas:

Contaminación, residuos, cambio climático, recursos, saúde, cálculo da pegada ecolóxica, a pegada hídrica, mapas de ruído e consumo de auga.

Estas e outras temáticas foron contido das conferencias, obradoiros e actividades do curso distribuídas entre os meses de marzo a xuño do curso 2018/2019. Rexistrouse a participación de 1.394 persoas, o 38% delas asistiron a algunha das conferencias propostas.

Os resultados da primeira edición do proxecto foron presentados o 18 de xullo de 2018 na Sala de Prensa da Reitoría, nun acto que contou coa participación do reitor da Universidade da Coruña, Julio Abalde, e o representante de Alcoa A Coruña, Alberto Carvajal, xunto co vicerreitor de Economía, Infraestruturas e Sustentabilidade, Domingo Calvo, e o adxunto para Sustentabilidade, Manuel Soto.

Memoria completa Campus, casa, cidade: Laboratorios do cambio 2018

Tríptico programación Campus Casa Cidade 2018

Cartaz 2018