Préstamo

O servizo de préstamo réxese polas Normas de préstamo do Servizo de Bibliotecas da Universidade da Coruña e está aberto a todos os membros da comunidade universitaria: o estudantado , o persoal docente e investigador (PDI) e o persoal de administración e servizos (PAS). Tamén pode acceder a el calquera persoa que solicite ser usuario/a autorizado/a.

Acceso: a tarxeta

Para acceder ao servizo tes que identificarte mostrándonos a túa TIU ou Tarxeta de Identificación Universitaria (no caso de pertencer á comunidade universitaria), ou ben a túa Tarxeta de Usuario Externo. En todo caso, se aínda non tes a túa tarxeta sempre poderás utilizar o teu DNI, ou pasaporte, para identificarte.

tiuTIU - Tarxeta de identificación Universitaria

TUETUE - Tarxeta de Usuario Externo

 

Características do préstamo

Préstamo normal: o número de obras que podes levar e a duración varía segundo o tipo de usuario que sexas:

 

Na nosa biblioteca atoparás tres tipos de material segundo o seu tipo de préstamo: préstamo normal, préstamo de tres días e material exclusivamente de consulta en sala, que se distinguen pola cor da súa etiqueta e dos seus códigos.

Préstamo normal

Préstamo normal - Etiqueta branca/ Letras negras:

A meirande parte da colección ten este tipo de préstamo. A duración do préstamo vai en función do tipo de usuario (ver táboa)

Préstamo de 3 días

Préstamo de 3 días - Etiqueta amarela/ Letras negras:

Algúns exemplares de bibliografía recomendada, dicionarios e enciclopedias temáticas e a colección audiovisual ao completo.

Consulta en sala

Consulta en sala - Etiqueta branca/ Letras vermellas:

Normalmente adoitan ser dicionarios e enciclopedias xerais, ou documentos non publicados (TFG/TFM) ou difíciles de repoñer. Tamén entran dentro do material non prestable as publicacións periódicas.

 

Préstamo especial en períodos de vacacións: en verán, 21 días; en Nadal e Semana Santa, axustado ao período non lectivo.

 

Pode que mentres consultas o catálogo atopes material con outro tipo de restriccións noutras bibliotecas da UDC como o préstamo fin de semana ou o préstamo de 30 días (para obras incluídas na colección de interese cultural). Ten en conta esta información á hora de os solicitar.  

 

Préstamo intercentros

Os/As usuarios/as, a través da súa biblioteca, poden solicitar en préstamo os fondos doutras bibliotecas da UDC sen necesidade de desprazarse de xeito que recibirás e poderás devolver os documentos solicitados na biblioteca do teu centro.

As condicións do préstamo intercentros son as mesmas polas que se rexe o préstamo habitual, coa salvedade do tempo que transcorre entre o pedido do libro e a súa recepción, que normalmente non supera as 48 horas. Recibirás un correo indicando que o documento que solicitaches está dispoñible para ser recollido.

Unha vez que chegue o documento á biblioteca solicitante, este reterase durante o día da súa recepción e o seguinte, e devolverase á biblioteca prestataria o terceiro día. No caso de obras con préstamo de 3 días devolverase ao segundo día.

As obras de consulta en sala ou de préstamo de fin de semana non se poden solicitar por préstamo intercentros.

Podes solicitar por préstamo intercentros as obras que vexas dispoñibles noutras bibliotecas no mostrador da biblioteca ou por teléfono. As xestións online a través de O meu rexistro están limitadas á reserva de obras prestadas.

 

Xestións (Renovacións e reservas)

 
Renovacións

Podes facer tantas renovacións como necesites sempre que os libros non teñan unha reserva. Nese caso non será posible renovar e terás que devolvelos o antes posible. Excepción: os documentos con préstamos de 3 días (fundamentalmente toda a nosa colección audiovisual) só admiten dúas renovacións.

Reservas

Os documentos prestados poden ser reservados por calquera usuario. Podes facer tantas reservas como exemplares poidas retirar en préstamo (segundo a túa tipoloxía de usuario). Cando o documento chegue á biblioteca enviarémosche un aviso á túa conta de correo electrónico da UDC. Dispós de 48 horas para recoller o documento desde a recepción do aviso (24 horas no caso dos documentos con préstamo de 3 días). De non vir por el a reserva será cancelada e devolverase ao seu lugar ou pasará a mans do seguinte usuario que o reservara.

Tes que saber que se atopas un documento que che interesa que ten como data de devolución xuño do ano que vén, trátase de material prestado ao profesorado ou a persoal investigador, o cal ten dereito a préstamo por curso académico, como queda reflexado na táboa de préstamos. Non por iso tes que renunciar a el. Segundo o Anexo I da Normativa de Préstamo da UDC, se outro usuario solicita algún documento prestado ao persoal docente e investigador (PDI) háselle de poder prestar nun prazo de 4 días. Fáinolo saber e nós poñerémonos en contacto coa persoa que o ten en préstamo para que o devolva. Finalizado o período de préstamo, o documento será enviado de novo ao PDI no caso de lle interesar.

Vías para realizar as xestións

• Achegándote ao mostrador da biblioteca.
• Por teléfono, chamando ao 981 167 000, extensión 4815.
• Por Internet, na ligazón O meu rexistro. Podes realizar as túas reservas online antes ou despois de entrar. No apartado A miña conta atoparás información sobre como realizar estas xestións no caso de ter dúbidas.

 

Historial de préstamo

Podes consultar o teu historial de préstamos para saber que libros levaches ata o momento:

Por defecto esta opción ven desactivada. Entra en O meu rexistro para activar o teu Historial de lectura:

Préstamo interbibliotecario

O Servizo de Préstamo Interbibliotecario permite localizar e obter o préstamo de obras orixinais ou a reprodución de documentos que non se encontran na Biblioteca Universitaria da UDC (BUDC). Ademais subminístra a outras institucións documentos que estean dispoñibles nas nosas coleccións.

Para utilizar este servizo o primeiro paso é rexistrarse no menú do usuario no programa de xestión de Préstamo Interbibliotecario. Os membros da comunidade universitaria poden validarse coa súa conta da UDC.

Cando recibas as túas claves xa podes acceder ao sistema:

Poden utilizar este servizo os membros da comunidade universitaria da UDC. Os alumnos de grao (agás os que estean realizando o Traballo Fin de Grao), para solicitar a alta, teñen que presentar a autorización dun profesor que xustifique a necesidade de utilizar este servizo: Impreso de autorización.

Tamén poden utilizar este servizo os usuarios autorizados que dispoñan do carné de usuario externo, que asumirán os gastos derivados deste servizo.

Para máis información podes consultar as Normas de uso.

 

Devolucións

Como parte do servizo de préstamo intercentros, podes devolver os teus libros en calquera das 17 bibliotecas da UDC. Nós encargarémonos de envialos ao centro ao que pertencen. Segundo as normas de préstamo é obrigatorio devolver os libros dentro da data límite. Mantén os teus préstamos en orden devolvendo e renovando dentro do prazo. Desta forma pódese garantir o bo funcionamento do servizo en beneficio de todos.

Sancións

Tendo en conta as facilidades de renovación de que dispoñen os usuarios e a flexibilidade xeográfica que ofrece o préstamo intercentros, que permite a devolución en calquera biblioteca da UDC, non hai excusas para a falta de puntualidade. O incumprimento reiterado da normativa de préstamo e devolucións suporá unha suspensión temporal do servizo de préstamo, de xeito que o usuario non poderá levar ningún documento durante tantos días como puntos de penalización teña, a razón dun punto por documento e día, agás fins de semana e festivos. O sistema funciona en tramos de 10: 9 multas non penalizan, pero 11 multas penalizan durante 10 días.

Ademais, o deterioro ou perda de libros suporá a súa reposición por outro exemplar da mesma edición. A dirección da biblioteca escollerá un de características similares no caso de estar esgotado. A secretaría do centro pode requerir ao estudantado e aos traballadores da UDC (PDI ou PAS), no momento en que solicitan o seu título ou rematan a súa relación laboral coa universidade, que regularicen a súa situación coa biblioteca no caso de ter préstamos pendentes coa fin de asegurar a devolución ou reposición dos documentos (art. 5.4 das Normas de préstamo da biblioteca da UDC).

Na vosa conta de correo electrónico da UDC recibiredes avisos de reclamación de documentos non devoltos e de notificación de sancións. Procurade manter a conta de correo libre de espazo para que os emails non nos cheguen devoltos.