A Área de Cultura da Universidade da Coruña continúa en xaneiro co ciclo de cine Conversas coa dirección, un proxecto de cita mensual que achega ao público a obra fílmica dos/as distintos/as realizadores/as de cine e documentais convidados/as, e a posibilidade de conversar con eles/as no coloquio posterior á proxección dos seus traballos.
Nesta sesión contaremos co documental Tecido Resistente e a súa directora Marina Chiavegatto.
Tecido Resistente achega a historia dos centos de mulleres que cambiaron a economía e a organización social de toda unha comarca nos primeiros anos do século XX en Galicia. Traballaban na fábrica Hilados y Tejidos de Vilasantar e cos cartos que gañaban encargábanse de manter a economía familiar. Axiña descubriron que o salario que recibían era algo máis que só un feixe de billetes: era a súa independencia, o empoderamento feminino antes incluso de que ese concepto chegase a Galicia.
MARINA CHIAVEGATTO é brasileira de nacemento, portuguesa de crianza e galega de adopción. Marina é xornalista e traballou en varios medios de comunicación nacionais e internacionais. Desde hai oito anos dedícase ao audiovisual e á comunicación dixital. Traballou en Bambú Producciones e en V Televisión e actualmente é xestora de contidos dixitais para distintas marcas. Foi codirectora do documental “ante aquel silencio mudo: Rosalía y Cantares Gallegos” e ten varias curtametraxes premiadas.
Dirección: Marina Chiavegatto
Edición: Marina Chiavegatto e Millán Castro
Fotografía: J. S. Raimundi
Posprodución de imaxe: Millán Castro
Posprodución de son: Alberto Blanco
Duración: 40:26
Pódese ver o tráiler en: www.tecidoresistente.com
Martes, 22 de xaneiro ás 19:00 h. no Centro Cultural Universitario, campus de Esteiro, Ferrol
Mércores, 23 de xaneiro ás 19:30 h. en Normal, campus de Riazor, A Coruña
