Conversas coa dirección: Rosario Sarmiento

Arte + Muller + Galicia

ARTE+MULLER+GALICIA, é unha peza audiovisual reivindicativa do papel clave das artistas mulleres na Arte Contemporánea Galega. Rosario Sarmiento, fai un percorrido pola vida e obra de diferentes xeracións de artistas e conta co relato en primeira persoa de 10 destacadas creadoras galegas.

O documental ARTE+MULLER+GALICIA, expón un achegamento ao traballo daquelas artistas mulleres cuxa obra resulta fundamental para entender o desenvolvemento da historia da Arte Contemporánea en Galicia. A través das biografías, as obras e fundamentalmente os testemuños destas artistas pertencentes a diferentes ámbitos creativos e xeracionais, ARTE+MULLER+GALICIA debuxa un amplo e plural escenario de reflexión sobre as circunstancias que rodearon a súa carreira como creadoras.

Proxectos culturais pola Igualdade

O filme foi un dos proxectos culturais galardoados no I Concurso de Ideas ‘Luisa Villalta’ de Iniciativas Culturais pola Igualdade, convocado pola Área de Cultura da Deputación da Coruña. Neste senso, a súa directora destacou que recoller as opinións destas creadoras, como mulleres e como artistas, supón unha chamada de atención sobre os factores que marcan a desigualdade: a falta de seguridade en si mesmas e o seu traballo, as dificultades para conciliar a vida persoal e profesional e, especialmente, a eterna necesidade non só de mostrar senón de demostrar as propias capacidades profesionais”. “O feito de ser muller marcou para moitas delas o desenvolvemento da súa traxectoria profesional e, sobre todo, a súa presenza e protagonismo nos espazos de poder e decisión”, recalcou Sarmiento.

Difusión de figuras clave na Arte Contemporánea galega

O documental divídese en dúas partes, un primeiro percorrido histórico a través da vida e a obra de diferentes xeracións de artistas ata chegar a aquelas creadoras que realizan por primeira vez os seus estudos superiores en Galicia, trala creación da Facultade de Belas Artes en 1990. Un percorrido que reflexiona sobre cuestións como o seu insignificante protagonismo nos movementos de Vangarda anteriores á Guerra Civil, a Posguerra e a obrigada emigración cara a outros centros artísticos fóra do seu país; a chegada da Democracia e a Autonomía; o impulso dinamizador das artes plásticas en Galicia e, finalmente, os novos escenarios formativos nos que as nosas artistas comezarán as súas traxectorias nos inicios do século XXI.

Na segunda parte toman a palabra, nos seus obradoiros, oito creadoras que participaron na exposición ‘Mulleres do silencio’: Fina Mantiñán, Rosalía Pazo, Elena Colmeiro, Berta Cáccamo, Soledad Penalta, Mónica Alonso, María Xosé Díaz, Almudena Fernández Fariña, Menchu Lamas e Tatiana Medal. De diferentes tendencias artísticas e xeracionais, relatan as circunstancias que rodearon o seu traballo, a súa proxección profesional, e cal é a súa opinión sobre o que significa ser muller artista en Galicia.

Datos técnicos

Formato: documental
Dirección: Rosario Sarmiento
Idioma: Galego
Duración: 45 minutos
Ano: 2018

 

Proxeccións:

Mércores 20 de marzo ás 19:30 h. en Normal, campus de Riazor, A Coruña

Xoves 21 de marzo ás 19:00 h.no Centro Cultural Universitario, campus de Esteiro,Ferrol

A entrada é de balde