Literatura gris

A literatura gris engloba a documentación xerada por institucións locais, rexionais, estatais e internacionais de todo tipo de ámbitos e sectores. Distínguese das demáis por ofrecer datos orixinais (moitas veces brutos) e recentes que a fan moi valiosa e porque non circula nin se adquire polos circuitos de venda convencional.

Tradicionalmente era difícil de consultar pero desde a chegada de internet, a partir dos 90, é moito máis accesible (máis aínda que as publicacións editadas). A meirande parte dos informes, estatísticas, anuarios, enquisas, trends, nomeclátors, indicadores, censos, research papers, working papers, dictames e estudios que conservamos no depósito son anteriores ao século XXI en formato papel.

Actualmente, como indicamos, os datos máis recentes son case sempre accesibles xa a través da rede, pero outros, cun nivel máis detallado de desagregación, como os Microdatos do INE, teñen un acceso restrinxido e só se poden consultar a través dun procedemento controlado. Na nosa biblioteca estes datos están dispoñibles para o persoal docente e investigador (PDI). Por outro lado, desde o 2017, o PDI da nosa universidade pode solicitar directamente, sen a nosa intermediación, os Microdatos do Eurostat á Oficina de Estatística Europea grazas a que a Universidade da Coruña foi recoñecida por Eurostat como entidade investigadora (requisito previo para poder realizar unha petición individualizada).