Revistas/ Hemeroteca

As revistas, xunto cos libros, forman o eixo central da colección das bibliotecas. Na BUDC contas cun importante número de revistas electrónicas accesibles desde casa (nalgúns casos necesitarás utilizar as túas claves para acceder ao seu contido) e tamén cunha boa colección de revistas en papel.

Con frecuencia os usuarios queren consultar artigos (que é a unidade de información por excelencia no eido da investigación a día de hoxe) e non unha revista ao completo. O catálogo da biblioteca permíteche buscas por título de revista, mais non por artigo, polo que se o que che interesa é atopar o artigo dunha revista o primeiro que temos que saber é a que revista pertence. Se non tes o dato, aconsellámoste en primeiro lugar que busques en recursos como Google Académico para completar a información (título da revista, volume ou número e ano no que se publicou o artigo, páxinas...) ou en Dialnet se é en castelán.

Xa coa referencia completa aconsellámoste que primeiro comprobes se tes acceso electrónico á revista no buscador de Pórtico, e de non ser así que uses o catálogo para saber se a temos en formato papel. Alí atoparás a información sobre a biblioteca que recibe a revista, os números que temos, se está aberta (séguese a recibir na biblioteca) ou pechada (é dicir, é unha subscrición que xa non se recibe), e tamén enlaza coa suscrición electrónica se a hai.

Podes consultar as revistas en papel que están no noso centro na Hemeroteca, que está ao fondo do primeiro andar. Están ordenadas alfabéticamente e a cartelería axudarache a atopalas. Algunhas están pechadas e outras están abertas. Os últimos números están no expositor esquerdo da entrada da biblioteca.

As revistas non se prestan pero pódense fotocopiar, así que localiza onde está o número da revista que che interesa e fai a consulta no centro correspondente. Solicita que che escaneemos o artigo que che fai falta no caso de que a revista estea en Ferrol.