Lingüística

A Área de Lingüística Xeral ocúpase da docencia de materias relacionadas co estudo da linguaxe e das linguas nas suas dimensións estrutural, social, comunicativa e cognitiva, así como da orixe, expansión e distribución das linguas do mundo, e das aplicacións do saber lingüístico para a resolución de problemas e tarefas nos campos da comunicación, da política e planificación lingüística, da tecnoloxía e do ensino e aprendizaxe de linguas. A Área ten docencia nos Graos de Estudos Lingüísticos e Literarios en Galego e Portugués, en Español e en Inglés da Facultade de Filoloxía, no Grao de Logopedia da Facultade de Ciencias da Educación, e no Mestrado Interuniversitario en Lingüística Aplicada (MiLA), das Universidades da Coruña, Santiago de Compostela e Vigo.

Entre as temáticas de interese e investigación dos membros da Área de Lingüística Xeral cóntanse a análise do discurso, a análise crítica do discurso, a análise da conversa, a comunicación multimodal, a sociolingüística da interacción, a lingüística e a sociolingüística das linguas en contacto, o bilingüismo lingua de signos / lingua oral, as linguas pidgins e crioulas, o mercado lingüístico e o capital, a lingua e o poder simbólico, a política lingüística, o estudo da complexidade, a lexicoloxía, a lingüística computacional, a lingüística de corpus, a adquisición da fraseoloxía en estudantes de ELE/2, o desenvolvemento de ferramentas de axuda á redacción, e a extracción da información.