Programa Green Campus na UDC

Que é o programa Green Campus?

A Universidade da Coruña (UDC) asinou en febreiro de 2014 un convenio de colaboración coa Asociación de Educación Ambiental y del Consumidor (ADEAC), como membro da internacional Fundation for Environmental Education (FEE) para a implantación dos procedementos de xestión ecolóxica baixo a bandeira verde GreenCampus.

A presentación do programa e primeira reunión de traballo tivo lugar en marzo dese ano, e contou coa participación ds direccións dos cinco centros da UDC que inicialmente se incorporarán ao Green Campus: ETS Arquitectura, EU Arquitectura Técnica, Facultade de Ciencias e Facultade de Ciencias da Educación, situadas no campus central de Elviña e a A Zapateira, xunto coa Facultade de Ciencias da Saúde, en Oza. Na mesma tamén participaron José Ramón Sánchez Moro, presidente de ADEAC, Amalia Blanco Louro, vicerreitora de Planificación Económica e Infraestruturas da UDC e Manuel Soto, director da OMA-UDC.

Obxectivos e metodoloxía do programa Green Campus

A Fundation for Environmental Education (FEE), agrupa como membros a ONG de 65 países, e desde a súa fundación en 1982 ven creando e desenvolvendo programas internacionais como Bandeira Azul (Blue Flag), Xoves Reporteiros para o Medioambiente (YRE), Bosques na Escola (LEAF), Chave Verde (Green Key) ou Ecoescolas (Eco-schools). No caso de Ecoescolas, suma uns 38.000 centros educativos en 52 países, e conta co apoio expreso del PNUMA. GreenCampus é un novo programa que recolle a filosofía, metodoloxía e experiencia de Ecoescolas, adaptada ás necesidades e problemática específica do ámbito universitario. En Europa máis de 40 universidades, entre elas a Universidade de Cork e o Trinity College de Dublín en Irlanda ou a Escola Superior de Tecnoloxía da Saúde de Lisboa, participan desde 2007 no programa.

A creación dun Comité Ambiental, a realización de eco-auditorías, a elaboración dun Plan de Acción e dunha declaración do compromiso ambiental, xunto co asesoramento, información, comunicación e avaliación continua, son os elementos chave da metodoloxía do GreenCampus.

Os obxectivos a acadar xiran arredor de dez áreas de actuación: 1) optimización do consumo de auga e enerxía, 2) redución da xeración de residuos e mellora da recollida selectiva, 3) correcto tratamento e xestión dos RAEE (residuos de aparatos eléctricos e electrónicos) e dos RPA (residuos de pilas e acumuladores), 4) contaminación atmosférica, acústica e luminosa, 5) mobilidade sustentábel, 6) hábitos, rutinas e estilos de vida saudábeis, 7) biodiversidade, 8) compra verde, comercio xusto e consumo responsábel, 9) participación, sensibilización e voluntariado ambiental, e 10) cambio climático.


Documentos Green Campus UDC (actualizados en 2020)

Ligazóns Green Campus aos centros da UDC

Os seguintes centros da UDC contan con un apartado Green Campus na súa web, onde se pode consultar a situación e documentación concreta de cada facultade e escola:


Seguimento do programa Green Campus 2020

  • Enquisa de percepción do programa Green Campus ao alumnado da UDC: Enquisa anónima composta por 28 preguntas que se lanzou en maio de 2020 e recibiu 256 Respostas. A valoración global do programa foi positiva para o 86%, con puntuación media de 5,8 (escala 1-10). Un 27% valorouno cun notable (7-8) e un 10% con máis de 9.
    Resumo Green Campus Enquisa Alumnado 2020 | Informe completo Green Campus Enquisa Alumnado 2020
  • Enquisa sobre o funcionamento do programa Green Campus para Coordinadorxs de centros UDC: Enquisa anónima na que participaron 15 persoas implicadas na coordinación ou co-coordinación. A valoración global do programa foi do 80% Boa/Moi boa. A práctica totalidade das respostas se mostraron a favor da coordinación entre centros e tamén o 47% considera positivo o contacto con outras universidades. Considérase no 40% que para unha maior eficiencia nas tarefas do Comité Ambiental, sería necesaria unha maior implicación das persoas e con recoñecemento formal da dedicación.
    Resultado da enquisa a Coordinadorxs Green Campus 2020
  • Palestras presentación do Programa Green Campus incluíndose na convocatoria Marzo Ambiental 2020, programación na que tamén participaron varios comités GC da UDC incluíndo conferencias e obradoiros de sustentabilidade nos seus centros.
    • 04/03/2020.O programa Green Campus na UDC (I), para o coñecemento da situación actual do programa na UDC, contou coa intervención de Francisco García, Auditor Green Campus de ADEAC-FEE.
    • 09/03/2020. O programa Green Campus na UDC (II), coas intervencións de persoas implicadas na coordinación e desenvolvemento de cuestións do programa a nivel intracentros da UDC.

Os detalles das palestras poden consultarse na Memoria do Marzo Ambiental 2020, páxinas 13-14.


Informes Green Campus Centros UDC 2019

Novembro 2019

O xurado do programa Green Campus, na súa convocatoria 2019, avaliou as candidaturas ao galardón Bandeira Verde por parte da UDC. Tralo exame da documentación achegada e a visita ás instalación por parte do persoal de ADEAC, o xurado decidiu conceder a Bandeira Verde ao Campus de Ferrol e á Facultade de Fisioterapia da UDC, polo seu exitoso desenvolvemento do programa GC nos cursos 2017/18 e 2018/19.

Do mesmo modo, renovouse a Bandeira Verde da Facultade de Ciencias da Educación, Ciencias da Saúde, EU Arquitectura Técnica, ETS Arquitectura, ETS Camiños, Canais e Portos, para os cursos 2019/20 e 2020/21.

Sumando así un total de 7 Bandeiras Verdes, a UDC avanza no camino da sustentabilidade.

Informes dos centros outorgados coa Bandeira Verde, novembro 2019:


Xornada Green Campus en centros da UDC 2017

27-29 de setembro

A UDC asinou en febreiro de 2014 un convenio de colaboración coa Asociación de Educación Ambiental y del Consumidor (ADEAC), membro da internacional Foundation for Environmental Education (FEE), para a implantación dos procedementos de xestión ecolóxica baixo a bandeira verde Green Campus. Tres anos despois, en febreiro de 2017, catro centros tiñan acadado este recoñecemento externo e independente: Facultade de Ciencias da Saúde, EU Arquitectura Técnica, ETS Arquitectura e Facultade de Ciencias da Educación.

Os elementos chave da metodoloxía do Green Campus son a creación dun Comité Ambiental, a realización dunha eco-auditoría, a elaboración e realización dun Plan de Acción, unha declaración do compromiso ambiental e o asesoramento, información, comunicación e avaliación continua.

Ademais dos 4 centros con bandeira Green Campus, neste momento están incorporados a este programa outros 4 centros: Facultade de Ciencias, ETS de Enxeñaría de Camiños, Canais e Portos, Facultade de Filoloxía e Facultade de Fisioterapia, centros que xa teñen un percorrido neste programa de ao menos un curso escolar.

O curso 2016-2017 iniciase coa incorporación de novos centros, en particular de todos os de Ferrol, agrupados baixo Green Campus UDC-Ferrol. En Riazor, incorpóranse a ETS Náutica e Máquinas, e os centros Normal + CUR. E en Elviña, a Facultade de Economía e Empresa. Tamén está prevista a incorporación da Facultade de Ciencias do Deporte e a Educación Física, situada en Bastiagueiro. Con isto, máis do 50% da comunidade universitaria estará acollida a esta figura de xestión da sustentabilidades ambiental.

Nas seguintes ligazóns podes acceder aos contidos das presentacións realizadas nesta xornada:


Bandeira verde 2015 para EUAT e FCS

Bandeira_Verde_FCSENTREGA_BANDEIRA_R0010660

Desde o pasado 19 de decembro, estes dous centros da UDC contan coa Bandeira Verde como distintivo

A Escola Universitaria de Arquitectura Técnica (EUAT) e a Facultade de Ciencias da Saúde (FCS) son os dous primeiros centros da Universidade da Coruña en recibiren o pasado mes de novembro o recoñecemento ao seu traballo pola sustentabilidade e a mellora ambiental, acadando a Bandeira Verde do programa Green Campus. Con eles, a UDC e a Uvigo convértense nas primeiras universidades do Estado español en contar con este recoñecemento. O programa Green Campus comezou nestes centros en marzo de 2014, téndose sumado ao mesmo outros tres centros da UDC (ETSA, Ciencias e Ciencias da Educación).

Durante ano e medio de traballo, os centros agora galardoados coa Bandeira Verde analizaron o seu impacto ambiental, seleccionaron, desenvolveron e implantaron diversas melloras encamiñadas tanto a reducir a pegada ecolóxica do centro como a concienciar á comunidade universitaria sobre a necesidade e a viabilidade das melloras ambientais. A xestión de RAEE, a compostaxe, a recollida selectiva, o aforro enerxético, o aforro de auga, a divulgación e o voluntariado ambiental destacan entre as iniciativas levadas a cabo. O traballo realizado nestes centros é un exemplo para toda a universidade, e tamén para a sociedade.

O programa Green Campus, a través da ecoauditoría ambiental nos centros acollidos, a creación dun comité ambiental, a elaboración dun plan ambiental, a súa realización práctica e a súa avaliación permítenos comezar o traballo pola base, dunha forma sólida, e gañando experiencia a medida que avanzamos no traballo. Agardamos acadar novos recoñecementos e incorporar novos centros a este programa ao longo do presente curso.

Nas seguintes ligazóns pódese acceder ao traballo realizado nestes dous centros.


Bandeira Verde 2016 para a ETSAC

green

A bandeira Green Campus ondea desde o pasado decembro de 2016 no vestíbulo da Escola Técnica Superior de Arquitectura da UDC.

O xurado Green Campus fixo esta concesión á ETSAC o 19 de outubro de 2016, un recoñecemento ao traballo do centro no programa Green Campus que abrangue diferentes medidas nos eidos de educación ambiental e o desenvolvemento sustentable. O equipo de traballo, coordinado pola subdirectora Amparo Casares, contou coa colaboración de Victoria Otero, secretaria da ETSAC, María Luisa Mongil (PAS), o profesor Jorge Rodríguez e os alumnos, Álvaro Villamil, Carlos Gayoso, Marta Fernández e Fátima Gago.

Os nosos parabéns!

+INFO: Programa Green Campus ETSA


Bandeira Verde 2017 para a Facultade de Ciencias da Educación

Bandeira2017

Saudamos a 4ª Bandeira Green Campus na UDC, a conseguida en febreiro de 2017 pola Facultade de Ciencias da Educación. Un recoñecemento ao traballo do centro no programa Green Campus, tanto por parte da dirección como do Comité Ambiental. O estudo da pegada ecolóxica, a reciclaxe de residuos, o aforro de enerxía e a ambientalización curricular son algúns dos aspectos a salientar destes dous anos de traballo Green Campus. Un traballo que continúa durante o presente curso.

Bandeira Verde 2017 para a ETSE de Camiños, Canais e Portos

etse2017

Comunicado do Comité Ambiental

A Coruña, 24 de xaneiro 2018
A ETS de Camiños, Canais e Portos da UDC vén de recibir a acta que confirma a concesión do galardón Bandeira Verde do programa Green Campus

A creación dun Comité Ambiental, a realización de eco-auditorías, a elaboración dun Plan de Acción e dunha declaración do compromiso ambiental, xunto co asesoramento, información, comunicación e avaliación continua, son os elementos chave da metodoloxía do Green Campus desta iniciativa liderada pola Universidade dende a Oficina de Medio Ambiente
O proxecto Green Campus na nosa ETS de Camiños, Canais e Portos comezou no curso 2015-16 e dende entón, o programa implementou importantes melloras como o cambio de tecnoloxía fluorescentes por LEDs nas aulas, aforro dun 70% da auga grazas ó cambio das billas, creación dun punto limpo de separación de residuos, o aforro enerxético na calefacción coa xestión automatizada e controlada remotamente con parámetros de temperatura, a recollida de RAEE, a destrución confidencial de documentos, a reciclaxe de aceite doméstico, a eliminación de papeleiras non selectivas do despacho do profesorado... entre outras medidas.

A finais do pasado mes de setembro realizouse a avaliación mediante un auditor externo (ADEAC) e despois de elevar o seu informe final a un comité estatal, chega por fin o recoñecemento a varios anos de traballo en prol dunha Escola más eficiente e sostible. Noraboa a todos.

O Comité Ambiental
Escola Técnica Superior de Enxeñería de Camiños, Canais e Portos.
Greencampus Camiños

Nota: Na reunión do xurado, ademais de outorgar a Bandeira Verde á ETSE de Camiños, Canais e Portos, renovou as bandeiras da FCS e EUAT.

Acta do xurado