Benvida á Universidade da Coruña

A Universidade da Coruña foi creada en 1989. É unha institución pública que ten como finalidade esencial a xeración, a xestión e a difusión de cultura e de coñecemento científico, tecnolóxico e profesional a través do desenvolvemento da docencia e da investigación básica e aplicada que contribúan ao progreso científico, tecnolóxico, económico e social. É unha institución moderna, innovadora e dinámica a está fortemente comprometida coa educación integral dos seus estudantes: á súa ampla e sólida oferta académica se lle unen específicos programas culturais, de cooperación, igualdade, de ocio, deportivos… Estrutúrase en dous Campus: o da Coruña e o de Ferrol, con diferentes titulacións en cada un de eles, e radicados en dous estupendas cidades ao carón do mar.

A Universidade da Coruña considera prioritaria a súa internacionalización. A través dos diferentes programas internacionais ofertados impúlsase a mobilidade internacional da comunidade universitaria como experiencia académica, que se complementa coa crecente presenza de estudantes estranxeiros nos nosos campus universitarios. Máis de 500 estudantes e investigadores internacionais visitan anualmente a UDC creando un ambiente internacional plural e aberto, enriquecido coa nosa cultura e linguas propias. Ademais, a UDC está inmersa no proceso de implantación dunha oferta estable de cursos e materias ofrecidos en inglés.

Unha oferta plurilingüe que aumenta o atractivo da nosa universidade para os estudantes e profesores estranxeiros e supón un valor curricular engadido para os estudantes da UDC. A UDC impulsa a colaboración con outras institucións para ofrecer titulacións conxuntas e dobres titulacións internacionais, tanto con países do EEES, como con outras áreas estratéxicas. Desde o verán de 2014 a nosa oferta de cursos internacionais estenderase máis aló da tempada académica, coa creación da International Summer School.

Desde esta web queremos visibilizar os programas e oportunidades internacionais que a Universidade da Coruña oferta, actuando como punto de información e integración tanto para a comunidade universitaria da UDC como para os estudantes, investigadores, profesores ou persoal internacional que desexe integrarse nos mesmos. A Vicerreitoría de Relacións Internacionais e Cooperación e a Oficina de Relacións Internacionais invítante a contactar con nós para obter toda a información e apoio necesario para atopar o programa que mellor se adapte ás túas necesidades.

Benvid@ á Universidade da Coruña!