Monelos River Revival

5/12/19 12:05
  • Cultural e social Orzamentos participativos

Orzamentos participativos 2019

Monelos River Revival (MonRiveR) é un proxecto que ten como obxectivo recuperar o río Monelos da cidade da Coruña, mediante a análise técnica e a implicación da cidadanía para descubrir e revivir o río que actualmente está soterrado en gran parte do seu percorrido. Este proxecto desenvólvese desde cartoLAB, Laboratorio de Cartografía da ETS de Enxeñaría de Camiños, Canais e Portos da Universidade da Coruña, con financiamento maioritario da Alcoa Foundation.

 

Ademais de definir as metodoloxías necesarias para unha recuperación integral da cunca fluvial do río Monelos, un dos aspectos importantes deste proxecto é recuperar o interese social do río Monelos para os diferentes axentes da cidade. Así nace a iniciativa para a "Restauración fluvial cultural do río Monelos: difusión e valorización do río Monelos a través da arte urbana aberta á sociedade", que conta co apoio da Área de Cultura da UDC, a través dos seus orzamentos participativos. Mediante diferentes actividades participativas en que tratamos de implicar a comunidade, reflexionamos sobre a traxectoria histórica que levou a soterrar un río na cidade, valorando todos os servizos ecosistémicos que se perderon, e a posibilidade de os recuperar en parte e quizais engadir outros novos.

 

Unha das iniciativas destacadas consistirá na realización dun mural gráfico que rememore o río, e que cubrirá parte dun muro na rúa Montes, diante do IES Monelos. Realizáronse charlas informativas co alumnado de 3° da ESO e 2° de Bacharelato deste instituto para presentar o proxecto e procurar as opinións da mocidade sobre os beneficios dun río nun contorno urbano, e ideas para plasmar no que se grafe. Este mural, coa autorización pertinente do Concello da Coruña, debuxarase de forma participativa entre o 16 e 19 de decembro de 2019, e contará coa dirección artística do Obradoiro de Arte Urbana Vella Escola.

 

Será unha primeira acción que se pretende continuar con novos e diversos graffitis sobre as beirarrúas, prazas e fachadas de lugares por onde transcorría o curso fluvial, que hoxe non vemos por se encontrar soterrado. Escolleranse diferentes espazos que por algunha razón histórica, social ou cultural sexan relevantes e poidan servir para lle dar a coñecer o proxecto á cidadanía, e visualizar a presenza do río, aínda que sexa de forma gráfica. En todos estes traballos, ademais de usar materiais e pinturas respectuosas co medio ambiente durante todo o proceso creativo, empregarase de xeito especial, unha pintura fotocatalítica. Este tipo de pintura contribúe á redución da polución ambiental e á diminución de substancias contaminantes e nocivas para a saúde ao transformalas en elementos máis sinxelos e inocuos para mellorar deste xeito a pureza do aire nese contorno.

Existe unha páxina web específica Monriver con máis información sobre o proxecto e na que, ademais, están dispoñibles ferramentas de participación mediante mapas interactivos en liña

Publicado por: Cultura

Novas relacionadas (8)