#UDCnonPara

Grazas ao esforzo e colaboración de toda a comunidade universitaria, estamos a adaptarnos á nova situación para non parar.

De seguido, móstranse gráficos e datos da actividade que se está a producir na UDC estes días e que son clara testemuña de que a #UDCnonPara. Estes datos iranse actualizando e ampliando segundo vaian pasando os días.

A UDC está a adaptarse á nova situación provocada polo confinamento ocasionado pola expansión do virus COVID-19. Para iso estanse poñendo todos os medios posibles para dar soporte á repentina demanda de recursos de novas tecnoloxías, ao mesmo tempo que se están realizando campañas formativas para axudar a todos os membros da comunidade. Grazas a este esforzo, aos poucos vaise desenvolvendo a actividade con relativa normalidade, permitindo aproveitar as vantaxes que as novas tecnoloxías proporcionan e que, sen dúbida, proporcionará unha experiencia de gran utilidade no futuro.

A actividade da UDC canalízase polos seguintes medios que se reforzaron como se indica a continuación:

Campus virtual

As plataformas de docencia virtual reforzáronse para permitir o incremento de actividade e usuarios. Por unha banda, a docencia semipresencial, onde o alumnado pode recoller material docente, entregar os seus traballos e participar en foros de debate co profesorado. Por outro, as ferramentas de mensaxería e videoconferencia que tiveron unha explosión no seu uso e están a proporcionar unha experiencia ata o de agora descoñecida na nosa Universidade.

Accesos a postos de traballo

Por razóns de seguridade, moitas ferramentas residen nas redes da Universidade. Para acceder a estas reforzáronse os sistemas de escritorio remoto ( VDI) duplicando a súa capacidade. Así mesmo, multiplicáronse por seis a capacidade de acceso por VPN. Desta forma, o persoal administrativo e docente pode acceder aos recursos informáticos da UDC desde calquera sitio no que se atopen e, os estudantes que o necesiten, poden acceder a servidores de docencia.

Formación

Como apoio a toda a comunidade universitaria están a elaborarse diferentes tipos de materiais: guías, titoriais, webinars, cursos online, ...