Exposicións itinerantes

As exposicións itinerantes son ferramentas educativas de divulgación que promoven o coñecemento de temas relacionados coa sustentabilidade ambiental e social. Elaboradas ou asesoradas desde a propia UDC, pretenden achegarse á comunidade universitaria, en primeiro lugar, mais tamén á cidadanía, a través de todas aquelas institucións, centros educativos, concellos, asociacións ou colectivos interesados e que dispoñan dun espazo habilitado para a súa exhibición. 

Na actualidade a Oficina de Sustentabilidade conta con 6 exposicións dispoñibles. A cesión é gratuíta, non sendo os gastos de transporte, en caso de habelos. O período de préstamo é de 3 semanas por defecto, podendo adaptarse a duración en función da demanda. 

As solicitudes han de dirixirse a oficina.sustentabilidade@udc.gal, enviando cuberto e asinado o DOCUMENTO DE CESIÓN

 


Exposición sobre a pegada ecolóxica na UDC

→ Exposición: A pegada ecolóxica na UDC. Conta con varios bloques temáticos, un primeiro relativo a conceptos transversais como a crise ambiental, a débeda ecolóxica, sustentabilidade e equidade, e como exemplo: a perca do Nilo. A continuación desenvólvense os bloques da pegada ecolóxica no mundo, en Galiza e na UDC. Tamén promove a interacción coa persoa visitante e permite facer unha aproximación ao cálculo da pegada ecolóxica persoal.

Esta exposición foi composta pola Sociedade Galega de Educación Ambiental (SGEA) a partir do informe “Pegada e débeda ecolóxica. Situación en Galiza” (2007), elaborado pola Federación Ecoloxista Galega (FEG). Os datos propios da UDC foron obtidos pola Oficina de Medio Ambiente (OMA) e actualizados no ano 2016. 

Información técnica: 16 paneis formato roler despregable, 80x180 cm cada un.


 

Exposicións sobre alimentación saudable e sustentable
A alimentación é un dos principais contribuíntes á nosa pegada ecolóxica individual. Hai múltiples cuestións a ter en conta á hora de reducir o impacto da nosa dieta. En colaboración coa UDC Saudable, desenvolvéronse dúas exposicións para a promoción de hábitos de alimentación saudables e sustentables:
→ Exposición: 'Prato de Harvard'. Trátase dunha guía de axuda para levar a cabo unha dieta saudable, centrándose nas proporcións dos tipos de alimentos. Ademais, recolle múltiples opcións dentro de cada grupo de alimentos, analizándoos segundo a súa orixe, pegada hídrica... E tamén achegando ideas de receitas. 

Información técnica: 5 paneis formato X-banner, 80x180 cm cada un.

→ Exposición: 'Compra saudable e sustentable'. Hai múltiples cuestións que poden favorecer que a nosa cesta da compra sexa máis sustentable. Desde os lugares onde mercamos e os envases que consumimos, ata a conservación dos alimentos unha vez no fogar teñen un impacto na pegada ecolóxica relacionada coa alimentación. Saber como reducila está nas nosas mans. 

Información técnica: 5 paneis formato roler despregable, 80x180 cm cada un.


 

Exposicións sobre mobilidade sustentable

→ Exposición: Aproximación a mobilidade universitaria na Coruña. Esta exposición xurdiu do traballo "Estudo de medios: Aproximación á mobilidade no campus universitario" (2009), elaborado por Mobi-Liza, Asociación especializada en mobilidade sustentable na Coruña. Dun total de 5 percorridos para chegar aos Campus universitarios desde a cidade, elixiuse como exemplo para a exposición o desprazamento desde Santa Lucía a Elviña. Ofrécense os datos de distancias percorridas, tempos e velocidades en medios alternativos, motorizados (coche, moto, autobús) ou non motorizados (bicicleta, a pé), xunto cos obstáculos que en diferentes áreas da cidade dificultan unha mobilidade máis sustentábel. Os mapas de isócronas, os 10 motivos para utilizar a bicicleta e un avance das liñas do plan de mobilidade da UDC completan os contidos.

Información técnica: 6 paneis formato roler despregable, 80x180 cm cada un.

→ Panel: 10 motivos para andar en bici. No ano 2019 elaborouse un panel para promover o uso da bicicleta como vehículo para a mobilidade sustentábel. O uso da bicicleta como medio de transporte reduce a conxestión do tráfico, mellora a calidade ambiental nas cidades, contribúe a reducir as emisións de gases de efecto invernadoiro, e mellora a saúde das persoas que fan uso delas.

Información técnica: 1 panel formato roler despregable, 80x180 cm.


 

Exposición sobre residuos

→ Exposición: O lixo na UDC: Modelo Nostián. Elaborada pola Oficina de Medio Ambiente e o Concello da Coruña no ano 2020, e actualizada no ano 2023. A Exposición mostra o modelo de recollida que atinxe á Coruña e polo tanto aos Campus da UDC localidazos nesta cidade. Ademais, o contido educativo da exposición, trata cuestións coma os impactos da mala xestión dos residuos, ou as vantaxes de separarmos ben en orixe e os beneficios da compostaxe.

Información técnica: 15 paneis formato roler despregable, 80x180 cm cada un.