Precedencia

A precedencia é a orde ou posición que corresponde a cada autoridade nun acto, segundo o seu cargo, categoría ou antigüidade, de acordo coa normativa vixente e as tradicións da universidade.

A orde de precedencia das persoas asistentes aos actos establecerase segundo estes criterios:

  1. As persoas académicas terán precedencia sobre as non académicas.
  2. Entre as persoas académicas, a orde determínase primeiro polo rango do corpo ao que pertenzan, e, se teñen o mesmo rango, pola antigüidade na UDC.
  3. Agás excepcións, a presidencia dos actos estará formada por autoridades académicas.
  4. As persoas da comunidade universitaria con responsabilidades de goberno ou dirección, aínda que non pertenzan ao ámbito académico, ocuparán un lugar destacado.
  5. As autoridades externas á universidade colocaranse, por norma xeral, á dereita da presidencia (desde o punto de vista do público).

A orde de precedencia entre as autoridades académicas e representantes será a seguinte:

  1. A reitora ou o reitor
  2. As exreitoras ou os exreitores, por orde de antigüidade
  3. A presidenta ou o presidente do Consello Social
  4. A secretaria ou o secretario xeral, e a xerenta ou o xerente
  5. As vicerreitoras e os vicerreitores
  6. A valedora ou o valedor universitario
  7. A presidenta ou o presidente do Consello do Estudantado
  8. As decanas ou os decanos, e as directoras ou os directores de facultade ou escola
  9. As directoras ou os directores da Escola Internacional de Doutoramento da Universidade da Coruña e dos centros de investigación
  10. As directoras ou os directores de departamentos
  11. As directoras ou os directores de institutos universitarios de investigación e centros adscritos
  12. As persoas adxuntas de vicerreitorías e as/os vicexerentas/es
  13. As vicedecanas ou os vicedecanos, e as subdirectoras ou es subdirectores de facultade ou escola
  14. A secretaria ou o secretario do Consello Social
  15. A secretaria ou o secretario do Consello do Estudantado
  16. As secretarias ou os secretarios académicos dos centros
  17. As secretarias ou os secretarios de departamentos 

Nos actos académicos, as persoas que integran o corpo docente universitario terán precedencia sobre o resto das persoas asistentes.

A prelación entre os membros do equipo de goberno farase de acordo co disposto na Resolución reitoral do 10/07/2024, pola que se establece a estrutura orgánica dos servizos centrais da Universidade da Coruña e as competencias dos seus órganos directivos. A reitora ou o reitor poderá modificar esta prelación, en función das necesidades do acto ou da representación institucional.

A colocación das persoas asistentes e das autoridades nun acto dependerá do espazo e da súa configuración. Establécense os seguintes criterios xerais (todas as referencias á colocación dos asentos enténdense desde a perspectiva do público asistente):

  • Cando o salón dispoña de corredores centrais, os asentos da zona central terán maior precedencia.
  • En actos con filas de asentos impares, o posto central reservarase para a autoridade de maior rango, e o resto colocaranse de esquerda a dereita.
  • En filas pares, entre os dous asentos centrais, ocupará o da dereita a autoridade de maior rango. As demais colocaranse tamén de esquerda a dereita.

A colocación das autoridades realizarase conforme ao establecido no Real decreto 2099/1983, do 4 de agosto, polo que se aproba o ordenamento xeral de precedencias no estado. Nos casos en que as autoridades ou persoas convidadas non estean incluídas no devandito decreto, a súa colocación determinarase segundo os criterios da Secretaría Xeral para cada acto. Teranse en conta o rango que ocupen dentro do seu colectivo e os usos e costumes institucionais da Universidade.

En actos nos que se realicen homenaxes ou entregas de premios, as persoas distinguidas e os seus acompañantes ocuparán lugares destacados, con visibilidade directa cara ao escenario ou mesa presidencial.

O equipo organizador poderá establecer zonas diferenciadas (reservadas, protocolo, xeral) para garantir a orde, a fluidez de entrada e saída e a accesibilidade para o público asistente.

Precedencia

Presidencias

A presidencia é o lugar, cargo ou función que ocupa a persoa encargada de dirixir, moderar ou representar un acto académico. No ámbito do protocolo, determina quen exerce a autoridade principal durante o desenvolvemento dun acto e define a súa posición central dentro da orde establecida.

Na Universidade da Coruña, establécense os seguintes criterios:

a. Actos organizados pola Secretaría Xeral

A presidencia corresponderalle á reitora ou ao reitor, agás nos actos nos que participe a Casa Real, a presidenta ou presidente do Goberno de España e á presidenta ou presidente da Xunta de Galicia, nos que a reitora ou reitor poderá ceder a presidencia.

b. Resto de actos da UDC

A presidencia recaerá na persoa titular do decanato ou dirección de centro ou da unidade promotora, segundo o caso. Se asiste a reitora ou o reitor, corresponderalle a ela ou a el exercer a presidencia.

c. Actos compartidos con outras institucións

Poderá establecerse unha presidencia dobre ou compartida, previa coordinación da Oficina da Secretaría Xeral coas entidades participantes.

A persoa que presida ocupará o lugar central da mesa ou do espazo principal, agás nos casos de presidencia dobre ou compartida, nos que se aplicarán os criterios que correspondan segundo o tipo de acto e os usos habituais.

A reitora ou o reitor poderá delegar a presidencia nunha persoa do equipo de goberno ou persoa titular dun decanato ou dirección.

A representación da Universidade en actos externos será determinada pola reitora ou reitor, que poderá delegar a asistencia noutra persoa da comunidade universitaria en función da temática, localización ou carácter do acto.

Presidencias

Organización dos actos

A mesa presidencial acollerá un máximo de cinco (5) persoas e a súa composición debe ser paritaria.

A reitora ou o reitor, ou de ser o caso a persoa do Equipo de Goberno en quen delegue, presidirá o acto.

A posición das autoridades na mesa presidencial será a seguinte, vista a mesa desde a perspectiva do público:

  • Se a mesa presidencial é impar, a reitora ou o reitor ocupará o lugar central. O resto de persoas integrantes situaranse segundo a súa precedencia ou o seu grao de implicación no acto, alternándose da esquerda á dereita do lugar ocupado pola presidencia (2-1-3).
  • Se a mesa presidencial é par, a reitora ou o reitor ocupará o lugar central da esquerda. O resto de persoas integrantes ocuparán os postos segundo a súa precedencia ou o seu grao de implicación no acto, alternándose da dereita á esquerda do lugar ocupado pola presidencia (3-1-2-4).

As demais autoridades convidadas ocuparán asentos reservados nas primeiras filas do auditorio e poderán subir ao estrado para a entrega de diplomas, recoñecementos, insignias etc., de ser o caso.
As persoas representantes de institucións alleas á Universidade poderán ocupar un lugar na mesa presidencial sempre que se respecten as regras de paridade.

Unha persoa designada polo centro, unidade ou servizo organizador/a do acto exercerá as funcións de mestra ou mestre de cerimonias desde o atril.

A mestra ou o mestre de cerimonias abrirá o acto e dará paso ás distintas intervencións, que se realizarán desde o atril.

As autoridades e as persoas representantes de institucións alleas á Universidade ocuparán asentos reservados nas primeiras filas do auditorio.