María Jesús Movilla Fernández

Vicerreitora do Campus de Ferrol e Responsabilidade Social

É directora do Departamento de Ciencias da Saúde desde 2017. Doutora pola Universidade da Coruña no 2009. Profesora axudante de Escola Universitaria (1999-2003). Profesora titular de Escola Universitaria (2003-2015). Profesora titular de Universidade da Área de Enfermaría do Departamento de Ciencias da Saúde (2015-actualidade). Actualmente imparte docencia no Grao de Enfermaría e no Grao de Podoloxía na Facultade de Enfermaría e Podoloxía do Campus de Ferrol, e no Grao de Terapia Ocupacional na Facultade de Ciencias da Saúde no Campus de Oza. Participa como docente no Máster en Asistencia e Investigación Sanitaria (MAIS) na especialidade de Investigación Clínica. No eido da xestión universitaria ocupou o posto de subdirectora de Enfermaría na Escola de Enfermaría e Podoloxía (2009-2011) e de vicedecana de Enfermaría da Facultade de Enfermaría e Podoloxía (2011-2015). Coordinou a implantación do Máster Universitario en Investigación, Ordenación e Avaliación dos Servizos Sociosanitarios (MIOESS) no curso 2011/2012. Pertence ao grupo de investigación da UDC GRINCAR, no marco do cal cofundou o Laboratorio de Investigación Cualitativa en Ciencias da Saúde (LICcs).

A súa actividade investigadora céntrase no eido da investigación cualitativa dos problemas de saúde complexos e das vulnerabilidades e iniquidades que condicionan o proceso de saúde-enfermidade-atención, tendo especial interese na saúde das mulleres como construción social desigual. É autora de publicacións en revistas da área das ciencias da saúde, tamén ten participado en monografías e libros. Asiste activamente a congresos nacionais e internacionais vinculados a área de coñecemento de enfermaría. Ten especial interese na internacionalización da investigación en coidados, o que lle fixo xerar unha rede de colaboración con investigadoras da Universidade de Stavanger (Noruega), da Universidade Samuel Merritt (California, USA), e da Universidade de Toronto (Canadá) na Bloomberg Faculty of Nursing e na Dalla Lana School of Public Health. No ámbito nacional traballa con investigadoras da Universidade de Barcelona estudando a vulnerabilidade e a violencia institucional na atención sanitaria da saúde sexual e reprodutiva das mulleres. Dirixiu dúas teses de doutoramento que recibiron o premio extraordinario de doutoramento da UDC, unha de elas con mención internacional.

Equipo

Rocío Arias Vázquez

Secretaria