Pautas para a realización segura de avaliación do 1º cuadrimestre (Curso 2021/22)

Tendo en conta a evolución da sexta onda da pandemia, imos ter que nos enfrontar ao período de exames cunha situación que non era a esperada nin a desexada. Temos que recuperar as medidas preventivas que aplicamos o curso pasado, é dicir, máscara obrigatoria, distancia social, hixiene de mans e ventilación dos espazos. Solicitamos aos equipos decanais e de dirección dos centros, ao profesorado e ao estudantado, un especial interese no estrito cumprimento dos protocolos no que atinxe a impedir aglomeracións ao comezo e finalización das probas, así como á planificación de probas nunha nova data para aquel estudantado positivo ou en corentena pola covid-19.

O profesorado e o estudantado positivos en covid-19 ou que foran contacto estreito dun positivo en COVID deben notificalo ao Servizo de Prevención de Riscos Laborais a través do enderezo info.covid@udc.gal e mais ao decanato do seu centro, coa indicación da data de realización do test ou, no seu defecto, a do comezo dos síntomas compatibles coa enfermidade ou ben o día en que se produciu o contacto coa persoa positiva.

O ano pasado para a realización dos exames do primeiro cuadrimestre pedíaselle ao alumnado en illamento por COVID-19 ou en corentena por contacto estreito certificar debidamente a súa situación e poñerse en contacto co profesorado responsable de cada unha das materias afectadas, co fin de articular as accións que correspondan para a programación dunha nova data de exame. Porén, este ano o seguimento de casos positivos e contactos estreitos por parte das autoridades sanitarias está a cambiar totalmente, de tal modo que é difícil xustificar unha corentena, tanto para o profesorado e PAS como para o alumnado, ou conseguir unha proba PCR ou test de antíxenos de confirmación. Por tanto, en caso de non poder presentar ningún tipo de certificación ou resultado dun test, a mensaxe enviada a info.covid@udc.gal e ao centro será a que o alumnado envíe ao/á profesor/a para solicitar unha nova data de exame.

En definitiva, os/as estudantes deben lembrar a necesidade de notificar e contactar: en primeiro lugar, notificar a info.covid@udc.gal e ao centro a súa situación e, en segundo lugar, poñerse en contacto co profesorado da materia ou materias cuxas probas é preciso adiar.

O Servizo de Prevención de Riscos da UDC está a proporcionar as seguintes recomendacións, que quedan supeditadas aos eventuais cambios das condicións sanitarias actuais.

 

Positivo/a en COVID

Unha persoa é positiva en covid cando ao realizar unha proba (PCR, antíxenos...) esta dá positivo.

Se a proba a realiza o SERGAS ou autoridade sanitaria competente, a información do positivo xa está incluída no expediente da persoa.

Se a proba é un test de antíxenos mercado na farmacia, a persoa positiva debe comunicar esta situación a través do 881 54 00 45, da páxina web ou da aplicación móbil do SERGAS ou a través do seu médico de cabeceira, co fin de que se adopten as medidas oportunas.

Débese seguir en todo momento as instrucións das autoridades sanitarias. O resultado positivo debe notificarse a info.covid@udc.gal e ao centro académico.

Inicialmente, a persoa contaxiada debe estar en corentena un mínimo de 7 días.

Se entre o 5.º e 7.º día da corentena non ten síntomas compatibles coa covid, poderá retomar a actividade universitaria extremando as precaucións, limitando no posible as interaccións sociais, utilizando constantemente a máscara e evitando o contacto con persoas vulnerables.

Se entre o 5.º e 7.º día de corentena segue a ter síntomas compatibles coa covid, deberá contactar coas autoridades sanitarias (en caso de que estas non contactasen xa con ela), e manterse en corentena seguindo as instrucións e recomendacións dadas polo persoal sanitario.

A UDC recomenda que aínda que non se teñan síntomas o 7.º día se realice un test de antíxenos de farmacia e se este dá negativo se recupere a actividade normal.

 

Contacto estreito cun positivo

Se unha persoa é contacto estreito cun positivo, a normativa sanitaria indica que, se hai pauta completa de vacinación, pódese facer vida normal extremando as precaucións e limitando no posible as interaccións sociais utilizando constantemente a máscara e evitando o contacto con persoas vulnerables. A condición de contacto estreito cun positivo debe notificarse a info.covid@udc.gal e ao centro académico.

A UDC a día de hoxe recomenda, co fin de evitar a transmisión na comunidade universitaria, quedar en corentena ata que transcorran 5 días sen síntomas despois do contacto co positivo. Sempre que sexa posible, deberase facer un test de antíxenos de farmacia o quinto día que, se é negativo, permitiría recuperar con maiores garantías a actividade normal.

Se ese test é positivo débese contactar coas autoridades sanitarias a través do 881 54 00 45, da páxina web ou da aplicación móbil do SERGAS ou a través do médico de cabeceira, co fin de que adopten as medidas oportunas.

Se o test é negativo, poderase retomar a actividade normal.

 

Ligazóns: