Eu, Ti, Tod@s... Facemos futuro! Cada xesto conta.
Exposición elaborada pola OMA-UDC e o Concello da Coruña. En 15 paneis, mostra o modelo de recollida de Nostián e os seus resultados actualizados no ano 2023. Trata cuestións coma os impactos da mala xestión dos residuos, ou as vantaxes de separarmos ben en orixe e os beneficios da compostaxe.
A exposición está dispoñible para o préstamo, podendo solicitarse no correo-e oficina.sustentabilidade@udc.gal.
No ano 2011 implantouse a recollida selectiva e a compostaxe in situ dos residuos orgánicos dos comedores da Facultade de Filoloxía e da Escola Técnica Superior de Arquitectura, con excelentes resultados en canto a calidade do compost obtido e a participación dos diferentes axentes implicados, desde o persoal dos servizos de comedor, até a empresa de xardinería.
Desde ese momento o número de áreas de compostaxe para os residuos de comedor da UDC foi aumentando até contarse 9 áreas no ano 2021 para dar servizo a perto do 90% dos comedores da UDC, e ademais recolle tamén a fracción vexetal ou triturado de podas da xardinaría da UDC, que é empregada como estruturante.
O destino do compost producido é as hortas urbanas da UDC, un total de 40 parcelas de 20 m2 situadas no Campus de Elviña. Esta práctica supón a prevención de 20 toneladas anuais na xeración de residuos, que non precisan de recollida nin de vertido ou incineración, e a substitución de fertilizantes químicos nas hortas, coa conseguinte redución dos impactos ambientais e consumo de recursos.
A UDC conta co Plan de Xestión de Residuos no Campus de Elviña e A Zapateira (2013), que describe a situación da xestión dos residuos asimilábeis a urbanos (excluídos por tanto os residuos de laboratorios e outros residuos perigosos especiais) e fai propostas de actuación para o futuro inmediato. RESUMO DO PLAN DE XESTIÓN DE RESIDUOS (2013)
Para a mellora na recollida separada de residuos na UDC, organízase cada ano unha serie de accións para ampliar a información da comunidade universitaria e promover a sensibilización na importancia da recollida separada do lixo conforme ao Modelo Nostián para o ámbito da UDC nos seus campus da Coruña. A recollida separada (RS) dos residuos é fundamental para conseguir unha xestión eficiente e acorde cos actuais obxectivos de reutilizacióne reciclaxe.
Cada curso académico, a UDC participa na Semana Europea para a Redución dos Residuos (EWWR).
Informes de caracterizacións de residuos e campañas de sensibilización, EWWR
O 30 de marzo de 2023 foi o primeiro Día Internacional do Residuo Cero das Nacións Unidas. O 14 de decembro de 2022, a Asemblea Xeral das Nacións Unidas aprobou unha resolución para proclamar o 30 de marzo como Día Internacional do Residuo Cero, o que significa que cada ano nesta data, a comunidade mundial reunirase para concienciar e impulsar estratexias para adoptar o Residuo Cero.
A OMA-UDC faise eco das campañas de GAIA e de Zero Waste Europe, entidades que estiveron á vangarda das solucións de residuos cero en todo o mundo, demostrando que un enfoque de residuos cero baseado na xustiza social e ambiental é unha forma asequible e eficaz de reducir as emisións climáticas, construír economías locais resilientes e aumentar benestar comunitario.
Despois de ter usadas as follas por unha soa carilla, aínda lle queda media vida de utilidade!
Re_utilizando é a iniciativa da OMA dirixida a reutilización do papel, e polo tanto, ao seu mellor aproveitamento.
A campaña esténdese por todos os centros da UDC incluídos no Programa Green Campus, e consiste na colocación de caixas de cartón identificadas co seu logotipo e eslogan, en puntos estratéxicos como son a aula net, a biblioteca, a planta de acceso (para a presentación e publicidade da campaña) e outros lugares en función da produción de papel en cada centro.
Resumo seminario "A sanguenta verdade sobre os produtos menstruais dun só uso”