O proxecto
A Universidade da Coruña restaurou en 2006 o espazo situado entre as Facultades de Ciencias e Filoloxía, eliminando os eucaliptos e reforestándoo con especies autóctonas representativas dos ecosistemas galegos. Unha década despois incorporouse a este espazo a figura de Custodia do Territorio, coa participación do Concello da Coruña a través do “Convenio especifico de colaboración entre o Concello da Coruña e a Universidade da Coruña para a execución do proxecto de custodia e voluntariado ambiental no Monte da Fraga”, asinado por primeira vez no ano 2017, e renovado anualmente ata a actualidade.
Os usos universitarios do espazo, particularmente aqueles relacionados coa docencia, a investigación e a sensibilización ambiental de toda a comunidade universitaria, son un factor a termos en conta, e outro piar da custodia do espazo é a participación da cidadanía local.
O valor do Monte da Fraga
Pola súa potencialidade paisaxística e os elementos de interese natural, este espazo converteuse en referencia verde da Universidade da Coruña, excelente miradoiro do Castro de Elviña, da cidade, e da inmensidade do océano que a rodea.
Desde o inicio da restauración, a UDC está a aplicar criterios de xestión ecolóxica e sustentábel deste espazo, que condicionan tanto as prácticas de xardinería e usos do espazo, como a realización de actividades formativas e de divulgación ambiental.
O Monte da Fraga é un laboratorio de sustentabilidade na UDC: Coa restauración creáronse elementos destinados ao estudo e a investigación: depuradora por humidal, área de compostaxe, sistemas urbanos de drenaxe sustentable, entre outros.
Un sendeiro con premio: Recoñecido como “Sendero Azul” por ADEAC-FEE (Asociación de Educación Ambiental e do Consumidor- Foundation for Environmental Education): O Monte da Fraga é un lugar do litoral escollido para a posta en valor dos recursos naturais e a sensibilización ambiental, unha ferramenta que contribúe ao cambio social.
Os equipamentos e características
O Monte da Fraga conta coa infraestrutura necesaria para a visita segura con grupos de todas as idades. Está equipado con balizas de sinalización nas que se localizan códigos QR que levan a breves explicacións da historia do Monte e os seus valores ecolóxicos, concibido para realizar o traxecto na modalidade autoguiada. Ademais, dispón de dous paneis informativos, localizados na Praza da Fraga e na praza da F. Filoloxía.
As actividades
Neste contexto, a OdS-UDC pon a disposición dos centros de ensino da contorna a o coñecemento do Monte da Fraga, a través de actividades que poderán ser concertadas a través do correo-e oficina.sustentabilidade@udc.gal:
- Roteiro interpretado do Monte da Fraga, dirixido a alumnado de Educación Secundaria.
- Ginkana didáctica do Monte da Fraga, dirixido a alumnado de Educación Primaria.
Máis info:
- Web Monte da Fraga UDC: Memorias anuais, informes sectoriais.
- Cómic 'Un día no Monte da Fraga': Publicación divulgativa con unidade didáctica asociada.