Obxectivo
O servizo de préstamo interbibliotecario (PI) ten como obxectivo localizar e solicitar a outras institucións aqueles documentos (orixinais ou copias) que non forman parte dos fondos das bibliotecas da UDC, e ademais, proporcionar a outras bibliotecas ou centros externos documentos que se atopan nas nosas coleccións.
Persoas usuarias
Poden ser usuarias do servizo todos os membros da comunidade universitaria da UDC: alumnado, persoal docente e investigador (PDI), o persoal técnico de xestión e de administración e servizos (PTXAS) e as persoas usuarias autorizadas externas da biblioteca.
Documentos que poden solicitarse
Pódense solicitar libros, capítulos ou partes de libros, artigos de revista, actas de congresos, teses, material audiovisual etc. Non todas as bibliotecas prestan todo tipo de documentos.
Non se poden solicitar: patentes, normas, números enteiros de revista ou obras de referencia (dicionarios, enciclopedias...).
Os documentos solicitados pódense utilizar unicamente para uso privado, docente ou de investigación, e a súa reprografía e utilización aterase á lexislación vixente de dereitos de autoría e de propiedade intelectual.
Tarifas
O préstamo interbibliotecario está suxeito ás tarifas que establezan as bibliotecas subministradoras.
Para os membros da comunidade universitaria, os custos do PI son asumidos polo Servizo de Biblioteca Universitaria sempre que a reprodución non supere a cantidade de 60 €.
As persoas usuarias autorizadas externas teñen que correr cos gastos dos documentos que soliciten a través deste servizo.
Normativa
Pódese consultar a normativa básica do servizo.
Antes de solicitar calquera documento, o usuario/a ten que consultar sempre o catálogo da biblioteca (CRUNIA) para asegurarse de que non se encontre dispoñible na UDC.
Se o documento se atopa nalgunha biblioteca da Universidade, utilice a opción reserva e préstamo intercentros.
Se é a primeira vez que utiliza este servizo, debe solicitar previamente a alta nel, utilizando o formulario de alta.
Se é membro da comunidade universitaria pode asociar as súas claves de validación do PI coas credenciais de servizos da UDC. Consulte a guía de uso do servizo.
Unha vez dentro do sistema, deberá encher un formulario por cada documento. Se teñe o DOI ou PubMed ID a solicitude enche automaticamente os datos do documento. Para axilizar o trámite recoméndase achegar a maior cantidade de información bibliográfica posible. Pode consultar a guía de uso.
A maior parte das solicitudes tramítanse nun prazo máximo de 24 horas e desde ese momento o tempo de recepción depende do centro subministrador.
No apartado “As miñas peticions” da súa conta persoal en préstamo interbibliotecario, recibirá unha detallada comunicación da tramitación das súas solicitudes: onde se solicitan, cando se reciben, as reclamacións que se fagan, a fonte de referencia (se os datos non abondan para identificar o documento), etc.
A maioría dos artigos e partes de libros sérvense en soporte electrónico. Recibirá unha mensaxe no seu correo electrónico notificándolle a URL onde o ten que descargar.
O resto de documentos chega por correo postal, por iso é polo que o tempo de recepción será maior. Unha vez recibidos, enviaranse á biblioteca do seu centro para que o poida levar en préstamo durante o tempo que se lle indica. Se o libro vén dalgunha biblioteca que non presta os libros ao usuario/a final, tería que vir consultalo á Biblioteca Central (Campus de Elviña, A Coruña) ou á Biblioteca da Casa do Patín (Campus de Ferrol).
Os/as usuarios/as deben tratar os documentos con especial coidado e respectar os prazos de devolución e as condicións do préstamo, que son establecidos polo centro subministrador. Os libros de préstamo interbibliotecario levan unha banda amarela na que se indica a data de devolución. Poderase solicitar unha prórroga do préstamo se fose necesario, pero sempre a decisión dependerá do centro subministrador.
Os atrasos na devolución dos libros ou non recollelo por parte do usuario, poden implicar sancións.
Instrucións para bibliotecas externas
Admítense solicitudes de calquera biblioteca de España ou do estranxeiro, de titularidade pública ou privada.
As bibliotecas ou institucións externas que precisen documentos da Biblioteca da Universidade da Coruña e que non estean dadas de alta no programa Gtbib-SOD, teñen que rexistrarse neste servizo, indicando os seus datos de contacto e de facturación. Enviaráselles un correo de aceptación cun código que engadido ao contrasinal que elixisen, daralles acceso para poder realizar peticións.
As tarifas vixentes pode consultalas na seguinte ligazón.