Servizo de Control Interno

O control interno da UDC configúrase como un conxunto de procedementos tendentes a proporcionar un grao de seguridade razoable respecto da fiabilidade da información financeira, o cumprimento da normativa aplicable e a eficacia e eficiencia das operacións que desenvolve a universidade. É un conxunto de procedementos que, relacionados entre si, teñen por obxecto salvagardar os activos da entidade, outorgar fiabilidade aos rexistros contables e garantir o funcionamento da mesma de acordo coa normativa de aplicación e polos principios da boa xestión. En definitiva, asegurar que as contas anuais e as actividades desenvolvidas están libres de incumprimentos debidos a erro ou fraude.

A UDC dotouse de normativa específica para a realización do control interno. Trátase de varias resolucións reitorais, as principais son a do 2002 que aprobaba as normas de control interno dos expedientes de gasto, e as de 2018 e prorrogas posteriores que modifican esta e que son a que establece o importe exceptuado da fiscalización limitada previa nos expedientes de gasto e a que establece o plan de control interno. Finalmente, con data 1 de agosto de 2025, publicouse na Sede Electrónica da UDC a Resolución reitoral do 30 de xullo de 2025 pola que se establece o réxime de control interno na Universidade da Coruña.

E así estableceuse que sen prexuízo do control da execución do orzamento que corresponde ao Consello Social da UDC e ao Consello de Contas de Galicia, no ámbito das súas respectivas competencias, os procedementos de xestión da UDC que dean lugar a actos, documentos e expedientes de contido económico son obxecto de control polo Servizo de Control Interno, para o que emprega un procedemento que desenvolve os principios legais recollidos no texto refundido da Lei de Réxime Financeiro e Orzamentaria de Galicia, así como aqueles establecidos con carácter específico pola UDC.

O Servizo de Control Interno figura na nova relación de postos de traballo (RPT) segundo a Resolución do 25 de xuño de 2024 pola que se fai pública a relación de postos de traballo do persoal técnico, de xestión e de administración e servizos (DOG do 8 de xullo de 2024).

As súas funcións comprenden, como resumo, esta importante área de actuación:

O control interno da actividade económico-financeira, que vela polo cumprimento da legalidade e do procedemento administrativo establecido en todos os actos, documentos e expedientes de contido económico da UDC.

O principal obxectivo do servizo é converterse nun instrumento de perfeccionamento da actividade económico-financeira da Universidade da Coruña.


Enderezo/correos:

Reitoría. Rúa da Maestranza, 9, 2.º andar (15001 - A Coruña)
Tel.: +34 981 167 000
servizo.controlinterno@udc.gal
seccion.controlinterno@udc.gal 


Contactos/persoal:

Xefe de Servizo
Ramón José Noguerol Gómez. Teléfono: 881 01 1036 

Xefe de Negociado
Francisco Javier Montero Santos. Teléfono: 881 01 1096

Posto base
Margarita Couso González. Teléfono: 881 01 1088
Irene Mesías Vázquez. Teléfono: 881 01 1090