Os Campus universitarios son fragmentos de cidade, fragmentos urbanos, auténticos BARRIOS a escala da cidade moderna. Unha "cidade" que, ignorando os límites administrativos dos termos municipais, se expande no territorio constituíndose nunha aglomeración urbana/rural de fronteiras imprecisas en que se está a construír o novo espazo político cidadán do século XXI. No interior, e formando parte desa aglomeración urbana, os Campus Universitarios son espazos perfectamente definidos, con límites precisos, ámbitos especializados de reflexión e de coñecemento, de investigación, de desenvolvemento e de experimentación ao servizo do conxunto da sociedade. Como tales, convértense en ámbitos cualificados que, pola súa especificidade no conxunto, xogan o papel de referentes, de modelos a imitar nas prácticas urbanísticas a impulsar nas diferentes escalas de que participan:
na escala territorial: como pezas que forman parte e dan servizo a áreas territoriais amplas e que, polo tanto, precisan de políticas que, incidindo nos elementos urbanísticos propios da escala territorial (redes territoriais de infraestruturas e transportes) posibiliten unha mellor eficacia da peza e do conxunto a que pertence para a consecución dos seus obxectivos.
na escala urbana: como fragmentos urbanos que precisan de políticas urbanísticas que o engarcen na estrutura urbana de forma coherente, co obxecto de o dotar da cohesión necesaria coas diferentes pezas do contorno, dotándoo de accesibilidade cos tecidos urbanos ou asentamentos rurais próximos, estabelecendo a permeabilidade precisa coas áreas naturais e paisaxísticas, co obxecto de reforzar a súa vontade de se constituír en "barrio" a escala urbana e evitar o seu illamento.
na escala do deseño urbano, na configuración e cualificación do espazo público, dos espazos verdes, dos espazos naturais, lugares de encontro e de relación cuxa formalización debe dotar o conxunto dunha imaxe urbana propia, acorde coa singularidade do ámbito universitario.
na escala do proxecto arquitectónico dos edificios administrativos, das Facultades, das Escolas, dos laboratorios, das instalacións deportivas, dos edificios de servizos..., lugares de formación e de traballo en que a procura de confort dos usuarios, da protección e adaptación ao lugar, da utilización racional da enerxía, en fin, da cualificación estética deben ser obxectivos irrenunciábeis.
É a singularidade dos Campus, entendidos como auténticos BARRIOS da nova aglomeración urbana, cun estatus xurídico-político propio, a que esixe a posta en práctica de iniciativas que incorporen decididamente os retos propostos nas diferentes escalas por un desenvolvemento sostíbel que foron enunciados en 1992 na Cimeira de Río e asumidos pola Comunidade Europea a partir do Primeiro Congreso de Cidades Sostíbeis, celebrado en Aalborg en 1994, onde moitas cidades europeas se comprometeron a elaborar a súa propia Axenda XXI.
1- Unha Planificación sostíbel do Campus a escala territorial.
1.1.- Na escala territorial será preciso visualizar as necesidades dos seus usuarios principais, aqueles que, desprazándose desde múltiples puntos do territorio, se concentran diariamente nun ámbito de reducidas dimensións, convertido nun POLO de atracción. A problemática do transporte e dos desprazamentos tórnase, así, unha peza fundamental de calquera discurso urbanístico que pretenda a eficacia do equipamento a escala a que presta servizo. En consecuencia, é imprescindíbel a elaboración dun Plano Universitario de Desprazamentos a escala territorial que, definindo os principios de organización dos transportes, a circulación e o aparcamento, permita detectar os ámbitos territoriais dos movementos que xera o Campus para, a partir de aí, impulsar as medidas precisas no campo do transporte público que, facilitando a accesibilidade aos usuarios, optimice a eficacia da rede viaria e das infraestruturas. Para a consecución deste obxectivo é preciso comprender que os Campus son equipamentos a escala da Rexión Urbana A Coruña- Ferrol e que, polo tanto, as respostas deberán de producirse a esta escala. Para isto será imprescindíbel a participación das diferentes administracións afectadas (Autonómica, Provincial, Municipais) xunto coas Empresas de Transporte Público (autobuses metropolitanos, tranvía, trens...) sexan estas municipais ou concesionarias privadas.
1.2.- Os Campus son organismos vivos e dinámicos en que a aplicación dos principios de sostenibilidade a escala territorial esixen a súa correcta integración na ESTRUTURA TERRITORIAL. Unha certa capacidade de dispor de solo, non só en cantidade suficiente, senón tamén coa posición e características axeitadas dentro do marco territorial, é unha condición previa para impulsar MODELOS acordes cunha concepción progresista da produción do espazo urbano. Os Campus, como parte da nova urbanidade, deben de ser exemplos de INTEGRACIÓN, de FORTALECEMENTO DA ESTRUTURA URBANA fronte aos procesos de fragmentación, de desintegración e de descohesión propios da ideoloxía do neoliberalismo a ultranza no campo do urbanismo e da ordenación do territorio. A focaxe medioambiental para o deseño de modelo de Campus a escala territorial debe ser un referente para a construción dunha nova alternativa en que materializar os principios do desenvolvemento sostíbel a grande escala. Reservar solo cunha proxección de futuro a longo prazo, non comprometer o futuro dos Campus con decisións tomadas desde a focaxe sectorial das grandes infraestruturas do transporte ou das iniciativas inmobiliarias do sector privado (as máis das veces de carácter especulativo), máis atentas á visión, espacialmente fragmentaria e temporalmente ligada ao curto prazo, da produción do espazo urbano, que á imprescindíbel necesidade de adoptar focaxes que visualicen a totalidade do SISTEMA de que os CAMPUS forman parte.
Un modelo de Campus ligado a unha política territorial eficaz debe anticiparse e participar nas decisións estratéxicas, impulsar o aproveitamento de oportunidades, estean ou non incluídas nun marco normativo, e comprender a enorme capacidade de CUALIFICACIÓN DO SISTEMA URBANO, de estruturación e de cohesión a escala territorial que permite o dispor dunha peza que en si mesma responde á lóxica da gran escala.
2- Unha Planificación sostíbel dos Campus a escala urbana.
Os Campus Universitarios entendidos como BARRIOS constitúen o marco principal de vida de 20.000 cidadáns e cidadás. Son contornos especialmente significativos utilizados por unha parte importante da poboación da Rexión Urbana A Coruña-Ferrol. O seu tamaño fai que a súa escala sexa a ideal para levar adiante un proxecto urbano medioambiental en que se poidan propor as orientacións estratéxicas que se adoptarán de cara á adaptación dos principios do desenvolvemento sostíbel na planificación do Campus a escala urbana para o que deberán terse en consideración os seguintes obxectivos a conseguir:
2.1.- Un Campus equilibrado entre o espazo edificado e a conservación do solo dedicado a espazos verdes, áreas agrícolas e áreas forestais. Un obxectivo prioritario debe esixir un enfoque en que a relación entre Natureza-Edificación aposte pola articulación entre as áreas destinadas a espazos verdes e as construcións, unha articulación que faga entrar en xogo novas variábeis máis aló da parcela e do edificio.
2.2.- Un Campus comprometido nunha política de conservación do solo, dos ecosistemas e dos contornos naturais. A relación entre a natureza e o contorno construído é fundamental na consecución dunha IDENTIDADE nos Campus Universitarios: parques públicos, espazos de ocio, áreas forestais, terreos agrícolas... A preservación dos espazos verdes, da protección do patrimonio natural e da biodiversidade, o acondicionamento das zonas húmidas.
2.3.- Un Campus en que se prime a mestura de funcións urbanas e que favoreza o equilibrio entre residencia e traballo. Fronte a unha concepción do Campus como espazo monofuncional, ao xeito dunha Parcelación de Facultades en que as pezas se van dispoñendo de forma autónoma e ensimesmada en cada un dos solares, fronte a unha concepción radicalmente monofuncional, é preciso recuperar os niveis de complexidade e de diversidade funcional propios da cidade europea; áreas destinadas a residencias deben ser capaces de se disporen adecuadamente no interior e nos bordos do ámbito co obxecto de crear a urdime necesaria para se constituíren nun auténtico tecido urbano a partir do que se estabelezan as condicións necesarias que permitan unha serie de espazos urbanos con calidade de vida para os seus usuarios.
2.4.- Un Campus en que se propoña a xestión ecolóxica no control dos desprazamentos e do tráfico rodado. A implantación do enfoque ecolóxico no Urbanismo dos Campus esixe unha nova maneira de pensar a "cidade" e, en particular, de xestionar os desprazamentos que teñen unha enorme influencia na calidade de vida das persoas usuarias. O principio de proximidade entre residencia e traballo debe conducirnos a poñer a énfase na mestura de usos no Campus Universitario. Unha medida que é fundamental para reducir as distancias entre os lugares de vivenda e o posto de traballo de miles de estudantes, profesores e profesoras e persoal administrativo e que favorecerá un reequilibrio entre a circulación de vehículos, a de bicicletas e peóns. A política de mobilidade urbana e de estacionamento debe privilexiar o transporte colectivo como premisa para a protección do medio ambiente e da preservación da calidade do ar e da vida nos contornos urbanos.
Hai diversas opcións que é conveniente asociar co obxecto de ampliar a oferta do transporte colectivo:
2.5.- Un Campus que asuma o aforro enerxético como obxectivo a conseguir.
Os equipamentos públicos, e entre eles os Campus, pola súa consideración como tales, deben implicarse decididamente na xestión da enerxía. Unha nova política enerxética a nivel de Campus implica impulsar medidas activas e medidas pasivas que permitan reducir o consumo de enerxías fósiles.
As posibilidades de aforro enerxético pasan por ter en conta toda unha serie de factores relacionados co planeamento que inflúen favorabelmente no aforro:
2.6.- Un Campus en que se potencie a protección da calidade do ar, da auga, e a redución das molestias xeradas polo ruído (contaminación atmosférica, contaminación da auga, contaminación acústica) deben ser referencias nos Campus para converter o ámbito do conxunto nun referente a nivel de control ambiental.
2.7.- Un Campus comprometido na xestión dos residuos, na súa eliminación e tratamento, o que constitúe unha preocupación cada vez máis presente a nivel internacional. Para o control do seu volume e o custo do seu tratamento debe anticiparse e fomentar no interior dos Campus a selección, a reciclaxe para o seu posterior aproveitamento enerxético.
2.8.- Un Campus que aposte pola preservación das áreas de interese a nivel do patrimonio arquitectónico e do patrimonio arqueolóxico. Un patrimonio arquitectónico que non se debe limitar aos edificios significativos senón que debe inducir ao respecto dos valores dos asentamentos e núcleos tradicionais de poboación que, rodeando os campus, forman parte esencial da paisaxe e se converten en elementos que configuran límites, que deben ser preservados da barbarie especulativa.
Neste sentido os LÍMITES dos Campus deben ser obxecto de especial atención. Os gobernos dos Campus non poden permanecer indiferentes, non poden ser neutrais ante a proliferación de iniciativas que poñan en perigo a integración do Campus na cidade, que hipotequen o seu desenvolvemento futuro, que bloqueen a súa capacidade de interconexión con outros barrios, en fin, que en contra de toda lóxica urbanística cualificada, convertan o contorno do Campus nunha periferia degradada en que se acumulen de xeito desordenado actuacións arquitectónicas e urbanísticas conformadoras de paisaxes vergoñentos que, lonxe de servir de modelo e referente a imitar, son auténticos exemplos do desleixo, impropios dunha sociedade culta e responsábel no ámbito da educación e da formación dos universitarios da Galiza do século XXI.
3- Unha Planificación Sostíbel dos Campus a escala do espazo público.
Os Campus son ámbitos en que o "público" é determinante: pola súa consideración como servizo público; pola excepcional dimensión de equipamento público no seu conxunto que o converten en parte fundamental do sistema de Equipamentos Públicos; pola cantidade e densidade dos Edificios públicos que se albergan no seu interior. O equipo de Goberno dos CAMPUS ten nos espazos libres de uso público a oportunidade de configurar modelos dos valores sociais e culturais que quere afirmar. A calidade do espazo público nun Campus Universitario é algo máis que a correcta execución do axardinamento das parcelas e a dotación de beirarrúas e calzadas para a circulación e o aparcamento.
A calidade de vida das urbanizacións residenciais vai moito máis aló dun viario correctamente pavimentado e da urbanización das zonas verdes de que dispoñen. A forma urbana, entendida nun sentido amplo como forma do espazo urbano, dese espazo intermedio entre os edificios debe ser afirmada na súa especificidade. Se conseguimos superar a visión do espazo público como inevitábel baleiro entre edificios susceptíbel unicamente de operacións de maquillaxe, baleiro urbano que resta unha vez construídas as edificacións, estaremos en disposición de recuperar o Proxecto do Espazo Público como "ágora", como lugar de encontro e de convivencia, de participación colectiva, espazo en que se produce a apropiación do Campus polo colectivo Universitario e pola cidadanía no seu conxunto. Velaí a capacidade de influír positivamente na vertebración do Campus, tanto desde un punto de vista físico-formal, como desde un punto de vista de cohesión social e de fixación de identidade cultural. Rachar dunha vez por todas coa concepción do Campus como "ghetto", como polígono de Facultades en que o espazo público está reservado, nunha ampla superficie, a resolver os problemas derivados da voracidade do transporte privado, un espazo que é sometido a unha dinámica de pavimentación masiva dos espazos libres, convertidos en grandes praias de aparcamentos, como consecuencia inevitábel da ausencia de políticas de transporte público, de opcións de diversidade funcional, de ausencia de vontade de integración urbana no tecido da cidade, de negación da relación entre Facultades, sintomaticamente separadas entre si, reflicte ben ás claras o modelo de sociedade inherente aos sucesivos Equipos de Goberno. É urxente, pois, enunciar outro modelo ben diferente ao demandado até o de agora polos responsábeis políticos na xestión do Campus. O Campus entendido como un "ghetto", illado do resto da cidade, o Campus entendido á maneira dos Polígonos Industriais da década dos sesenta, un "polígono" de Facultades en que cada edificio se ergue sobre a súa parcela, pechándose sobre si mesmo sen a máis mínima vontade de se relacionar, mesmo, co seu contorno máis próximo. O resultado está á vista: unha paisaxe empobrecida, resultado inevitábel do desenfoque das preguntas, unha e outra vez mal enunciadas polos responsábeis políticos, que non foron outros que os equipos de Goberno da Universidade. Unha oportunidade perdida que será preciso reconducir na medida do posíbel, presentando axeitadamente as cuestións, en coherencia cun novo modelo de Campus que dote o espazo público do protagonismo que merece. Un espazo público que, apoiándose na importancia da diversidade funcional e social do fragmento urbano, incorpore prácticas de desenvolvemento sostíbel:
4- Unha Planificación Sostíbel dos Campus á escala dos edificios: Arquitectura e calidade medioambiental.
Os edificios do Campus son Edificios Públicos e, como tales, están ao servizo do público. Teñen un valor simbólico que os converte en "signo", en soporte de significado. A ubicación, a maneira de se emprazar no lugar, a relación cos outros edificios, co espazo que os rodea e co espazo público que eles mesmos xeran, son cuestións determinantes polas que as Facultades e as Escolas, crean e estruturan a identidade do Campus.
Teñen un valor cultural que vai máis aló da súa dimensión funcional, un valor como referentes urbanos en que as innovacións programáticas, a ecoloxía, e a calidade arquitectónica poden combinarse con éxito co obxectivo de dotar de confort aos usuarios. O control público da edificación no interior dos Campus converten estes espazos en lugares privilexiados para incorporaren a focaxe medioambiental a todo o proceso de proxecto, construción e mantemento dos edificios en aspectos como: