Discurso de toma de posesión de Ricardo Cao Abad como reitor da Universidade da Coruña (2024)

Sr. presidente da Xunta de Galicia, sres. reitores das Universidades de Santiago de Compostela e Vigo, sra. alcaldesa da Coruña, sres. presidentes dos Consellos Sociais das Universidades da Coruña e de Vigo, sra. presidenta do Consello Social da Universidade de Santiago de Compostela, Profesor Julio Abalde, ata hai uns intres, reitor en funcións da Universidade da Coruña, autoridades políticas, civís e militares, representantes das organizacións sindicais, sociais e empresariais, colegas da Universidade da Coruña e doutras universidades, cidadáns e cidadás, queridas amigas, amigos e familiares:

Ser reitor dunha universidade pública é unha das misións máis honrosas que pode ter un profesor universitario. O día 4 de decembro celebráronse eleccións á Reitoría na nosa universidade, nas que obtiven a confianza maioritaria da Comunidade Universitaria. Nelas tivemos ocasión de contrastar as propostas dos dous candidatos que concorremos a estas eleccións. Ao profesor Navarrina, o outro candidato, deséxolle o mellor nesta nova fase da súa carreira académica. Os logros das persoas que conformamos a UDC permiten facer, cada día, unha universidade mellor.

Nestas 6 semanas de transición tiven ocasión de lembrar a miña incorporación á UDC, como profesor titular interino de universidade, en outubro do 1991; cando eu tiña 25 anos de idade, despois de defender a miña tese de doutoramento na Universidade de Santiago de Compostela en novembro do 1990. Levo traballando máis de media vida nesta nosa benquerida Universidade da Coruña. Estou moi agradecido á UDC por permitirme desenvolver como docente, investigador e como persoa e gardo lembranzas inesquecibles destes máis de seis lustros.

O pasado día 4 de decembro sentinme inmensamente feliz, mais tamén inmensamente honrado e cunha grande responsabilidade. A miña ledicia tamén veu da ilusión coa que o novo Equipo de Goberno afrontamos este mandato, por primeira vez de 6 anos de duración e sen posibilidade de reelección, por aplicación da Lei Orgánica do Sistema Universitario.

A nosa universidade cumpriu 34 anos recentemente. Os 32 anos da miña pertenza á UDC permítenme ter unha visión bastante completa da súa evolución. E tamén do Sistema Universitario Galego no seu conxunto, pois seguramente debín ser dos primeiros docentes en ter dado aulas nas tres universidades galegas desde que se produciu a segregación da UDC e a UVigo. Fun testemuña de 12 dos 13 anos dos mandatos do reitor José Luis Meilán, no que a UDC estableceu a maior parte da súa estrutura inicial. Os oito anos como reitor de José María Barja, serviron para normalizar a Universidade da Coruña, para estabilizala e para poñela a traballar con velocidade de cruceiro. Os catro anos de mandato do reitor Xosé Luís Armesto (co que tiven a honra de compartir labores de goberno como vicerreitor de investigación) foron decisivos, ao meu xuízo, para poñer como prioridade as persoas, ademais de para gobernar apertando os dentes, polas restricións impostas neses anos. Julio Abalde, que hoxe finaliza o seu segundo mandato, levou a cabo unha renovación nas titulacións e estruturas da UDC, intensificou os programas de captación de talento e estableceu unha crecente conexión coa Sociedade e co tecido produtivo.

Moitas cousas mudaron (para ben) na UDC, mais aínda hai reformas por facer, algunhas ameazas que contornar e grandes oportunidades que aproveitar.

O lema da acción de goberno que pretendo levar a cabo pode resumirse na frase

A universidade pública (a UDC) facémola entre todas as persoas; por e para todas as persoas

Toda a Comunidade Universitaria ten que ser escoitada mais tamén ten que poñerse mans á obra para facer da UDC a mellor universidade posible. Desde logo, tal ha ser o caso deste Equipo de Goberno que desempeñará o seu labor desde hoxe.

Permitídeme resumir as nosas propostas de cara ao futuro tomando tres versos do fermoso himno galego (que hoxe escoitaremos ao final deste acto): Os tempos son chegados, Esperta do teu sono e Os bos e xenerosos.

Os tempos son chegados de facer unha aposta clara e inequívoca pola universidade pública de calidade. A LOSU entrou en vigor hai nove meses. Trátase dunha norma que seguramente quedou escasa para as expectativas fixadas. Mais contempla aspectos ben positivos, entre eles o aumento do financiamento ás universidades públicas ata chegar ao 1% do PIB no ano 2030. Temos que aproveitar o establecido na LOSU para conseguir que as administracións públicas, e nomeadamente a Xunta de Galicia, incrementen o financiamento ás universidades. A UDC ten que ser teimuda nas súas demandas, mais tamén ten que ser propositiva no xeito de poñer en práctica ese aumento do financiamento. Trátase de reverter o moi cuantioso retroceso orzamentario que, no caso da UDC, se produciu entre os anos 2009 e 2021. Ademais dun aumento do financiamento universitario, é absolutamente indispensable unha axeitada redistribución dos fondos, incrementando a parte estrutural do plan de financiamento en lugar das achegas mediante convenios específicos, sobre todo porque moitos deles cobren necesidades estruturais.

O adianto electoral na convocatoria das Eleccións ao Parlamento de Galicia fixo que, nesta ocasión, o acto de toma de posesión dun novo reitor da UDC se produza en plena precampaña electoral. Nestas circunstancias, creo representar a opinión unánime dos reitores das tres universidades públicas galegas cando pido a todas as forzas políticas que concorren a estas eleccións que escoiten ás universidades para elaborar as súas propostas en materia de financiamento do Sistema Universitario de Galicia (SUG), que aposten pola Ciencia, a Investigación e a Innovación, que establezan mecanismos para reforzar o SUG, por medio de normativa que favoreza os títulos e centros interuniversitarios e que nos apoien para desenvolver eficientemente proxectos e centros de investigación, cunha axeitada planificación plurianual das convocatorias e da súa execución.

Con esperta do teu sono refírome á necesidade de acometer cambios, algúns deles estruturais, que despexen as ameazas que axexan a universidade pública e aproveiten as oportunidades que se albiscan. A renovación xeracional do persoal, e nomeadamente a do PDI, é unha necesidade urxente. Tamén o é intensificar a participación da Comunidade Universitaria nos órganos de goberno e nos procesos de decisión, afondando na corresponsabilidade na gobernanza, mudando o que haxa que mudar (unha vez acordado e polo convencemento) e traballando arreo de cara aos obxectivos fixados.

Co verso os bos e xenerosos (as boas e xenerosas) quero resumir algúns aspectos que considero fundamentais e que están no ADN da acción de goberno desenvolvida nos últimos 20 anos na UDC: a igualdade de oportunidades para o estudantado e tamén para o persoal, a xustiza social e a rendición de contas; mais tamén aspectos como o aumento da eficiencia na xestión e a consecución dos obxectivos de desenvolvemento sustentable.

Estes asuntos e moitos outros foron tratados polo miúdo no noso programa electoral para as pasadas eleccións á Reitoría. Para elaboralo tiven a fortuna de contar coa axuda e o apoio dunha ampla parte da Comunidade Universitaria.

O proceso de escoita individual (levado a cabo nos meses de maio a xullo) permitiume conformar o equipo de persoas que me acompañarán nesta andaina. Logo levamos a cabo unha escoita colectiva (nos meses de setembro a novembro) que nos permitiu pulsar a opinión de máis dun milleiro de persoas entre estudantes, persoal técnico, de xestión, administración e servizos, así como persoal docente e investigador en máis de 30 encontros previos á campaña electoral propiamente dita. Tres ideas xurdiron con forza nese proceso: humanización, equidade (incluíndo a igualdade e a atención á diversidade) e participación. A nosa acción de goberno vaise guiar por estes principios, e porase en práctica de xeito inminente na elaboración duns novos Estatutos e na reforma da relación de postos de traballo.

O incremento da internacionalización da universidade, a captación selectiva de talento docente e investigador, así como a retención do talento xurdido na propia UDC serán elementos claves no futuro inmediato. Estes procesos podemos (debemos) facelos tecendo alianzas estratéxicas, tamén co sector produtivo e con outros axentes sociais.

Magníficos exemplos do anterior, desenvolvidos nos mandatos do reitor Julio Abalde, son o Centro Mixto de Investigación constituído entre a UDC e a empresa pública Navantia, a Cidade das TIC, o programa InTalent, financiado pola empresa Inditex, mais tamén o espectacular incremento no número de Cátedras institucionais e de empresa. E con certeza serano a implantación das microcredenciais, dentro da chamada aprendizaxe ao longo de toda a vida (lifelong learning), a intensificación dos doutoramentos industriais, xa existentes na UDC, e o desenvolvemento de fórmulas imaxinativas que permitan reter o talento mediante apostas conxuntas entre a universidade e o sector produtivo ou outras administracións públicas, como as que teñen competencias en sanidade ou servizos sociais, e especialmente en áreas nas que a demanda de profesionais con alta cualificación é moi superior á oferta. Por poñer só un exemplo, a intelixencia artificial e a ciencia de datos están sendo disciplinas indispensables para acometer cambios que melloren a calidade de vida dos seres humanos, e deben de estar sometidas a unha regulación axeitada por parte das axencias de supervisión que se creen na Unión Europea ou nos distintos Estados, como a AESIA, con sede na Coruña.

Mellorar as condicións de vida das persoas é unha das consecuencias dunha aposta clara e inequívoca pola Educación como servizo público. Un exemplo indubidable, que aconteceu xusto ao principio do segundo mandato do reitor Julio Abalde, foi a loita contra a pandemia da COVID-19. A Ciencia e a Investigación, así como a súa aplicación e transferencia, son os elementos que caracterizan á Universidade Pública de Calidade que defendemos e defenderemos desde este Equipo de Goberno.

Nestas datas nas que estamos a vivir as terribles consecuencias da violencia que demasiadas veces levamos a cabo os seres humanos, gustaríame facer aquí un voto pola concordia, polo diálogo e pola resolución pacífica dos conflitos. A guerra e o exterminio son os inventos mais desprezables do Xénero Humano. Temos que esixir que esta violencia cese en todos os lugares do planeta nos que está presente actualmente, moi concretamente en Gaza e o resto do Oriente Medio, en Ucraína, Burkina Faso, Somalia, Sudán,... e tantos outros lugares imposibles de citar agora neste discurso.

Gustaríame rematar expresando o meu agradecemento a moitas persoas. En primeiro lugar a aquelas que fixeron, fan e farán posible este longo proxecto de Universidade Pública Galega e de Calidade que actualmente representa a UDC. Grazas ao reitores que me precederon: José Antonio Portero, José Luis Meilán, Alfonso Barca (reitor en funcións, falecido subitamente neste mes), José María Barja, Xosé Luís Armesto (hoxe ámbolos dous aquí presentes) e Julio Abalde, que hoxe remata o seu segundo mandato. Grazas tamén ás persoas integrantes dos seus equipos de goberno. Quero lembrar hoxe ao Profesor Gustavo Rego, un dos nosos bos e xenerosos, falecido neste Nadal de xeito repentino, co que tiven a honra de compartir equipo de goberno sendo el vicerreitor de Profesorado. As grandes cualidades que atesourou Gustavo: empatía, serenidade, capacidade de escoita e diálogo, inmenso respecto ás persoas, mesmo ás que opinaban ben distinto a el, serán para min un exemplo a seguir durante o meu mandato.

Grazas ás compañeiras e compañeiros do grupo de investigación de Modelización, Optimización e Inferencia Estatística (MODES), que tiven a honra de coordinar durante mais de 20 anos, así como ás compañeiras e compañeiros do CITIC e da Facultade de Informática. Grazas tamén a moitas outras e moitos outros colegas da Universidade da Coruña e das Universidades irmás de Santiago de Compostela e Vigo.

Inmensas grazas ás marabillosas 8 mulleres e 3 homes que me acompañan neste Equipo de Goberno que acaba de tomar posesión. A vosa xenerosidade, traballo (durante a precampaña, a campaña electoral e neste intenso período de transición que hoxe remata), forza e compañeirismo serán elementos determinantes para a nosa acción de goberno.

Grazas inesgotables á miña familia. Os últimos 90 anos desta historia persoal comezaron a escasos 200 metros, en liña recta, de onde nos atopamos agora, na Praza da Fariña da Cidade Vella coruñesa, onde naceu o meu pai. E tamén no lugar do Regueiro, na Moura, moi preto da Fonte Nova, hoxe parte do Polígono da Agrela, onde naceu a miña nai. Grazas aos meus pais, Cardecho e Finita, que co seu exemplo e coherencia inculcáronme valores que tamén son fundamentais para a actividade académica e para o servizo público; valores que comparto cos meus irmáns Jorge e Pablo. Grazas aos meus fillos, Daniel e Gonzalo, dos que estou enormemente orgulloso e dos que teño o inmenso pracer de aprender constantemente. E finalmente a Aurora, a miña compañeira e testemuña neste paso polo Mundo, a quen cada vez admiro máis. A súa honestidade, os seus fondos principios e a súa tenacidade son para min exemplos a seguir. Grazas, Aurora, por estares sempre aí.

 

Moitas grazas pola vosa atención.