Discurso de toma de posesión de Julio Abalde Alonso para o segundo mandato

Sr. Presidente da Xunta de Galicia

Sra. Conselleira de Educación, Universidade e Formación Profesional

Sr. Alcaldesa da Coruña

Sr. Presidente do Consello Social

Sres. Reitores das universidade de Santiago e de Vigo

Autoridades, membros da comunidade universitaria, amigas e amigos todos:


Vaia por diante o meu sincero agradecemento a todos os presentes por ter a xentileza de se achegar hoxe ao Paraninfo e ser partícipes desta miña segunda toma de posesión como reitor da Universidade da Coruña.

Agradecemento persoal que fago extensivo ás institucións públicas e entidades privadas representadas e que nos honran compartindo con nós o arranque dunha nova etapa da UDC.

A nosa comunidade universitaria honroume ratificando a súa confianza en min e no meu equipo, logo dun proceso electoral participativo que, de novo, se desenvolveu de xeito exemplar. Podémonos felicitar por elo. A miña fonda gratitude polo apoio recibido. Espero estar á altura desa confianza e da xenerosidade da comunidade universitaria da Coruña e Ferrol.

As distintas visións, os diferentes proxectos ou as sensibilidades dispares non deben impedir nunca o debate sereno e a contraposición de ideas e experiencias. Coido que así se fixo de novo nos nosos campus e así llo agradezo ao profesor Martínez Abella e a todas as persoas que apoiaron a súa  candidatura.

Afronto un segundo mandato coa mesma ilusión que en 2016, con novos proxectos e coa bagaxe que achega a experiencia, sumamente enriquecedora, dos catro anos de xestión do meu primeiro mandato.

Novas ideas e compromiso renovado para unha universidade en expansión. Por iso propuxemos un programa de expansión sumando ideas e persoas. Un programa revitalizado, coherente, realista que imos poñer en práctica desde o primeiro minuto, completando actuacións xa en marcha e activando outras comprometidas para este período.

O meu equipo proponse liderar unha nova etapa para a que queremos contar con todos os membros da comunidade universitaria. Con todas e con todos sen excepción, porque, alén a obvia responsabilidade de cadaquén, os cambios acelerados da sociedade do noso tempo demandan de nós axilidade, altura de miras e resolución para ir por diante dos grandes desafíos que temos ante nós.

Co propósito de nos adiantar ás necesidades docentes, científicas  e de transferencia do futuro inmediato encaramos, con proxectos xa definidos, a maior expansión da Universidade da Coruña nos últimos anos.

Mediante a colaboración das administracións públicas e das empresas do sector proxectamos, como se sabe,  aproveitar instalacións da antiga Fábrica de Armas da Coruña para configurar un polo de formación, investigación e transferencia do sector das tecnoloxías da información e a comunicación, punteiro e clave par ao futuro de Galicia.

Cremos que este proxecto da Cidade das TIC é tamén un proxecto de cidade e de país, porque ten unha gran transcendencia para o progreso económico e o benestar da nosa sociedade, no contexto do novo modelo de economía do coñecemento no que xa estamos inmersos.

A expansión física inclúe a execución de dous proxectos relevantes no campus de Ferrol.

Por unha banda, imos construír un novo edificio para levar a el distintos servizos, ademais do Centro de Investigación de Industria Intelixente, especializado en industria 4.0 vinculada ao sector naval. Coa colaboración de Navantia e da Armada, pretendemos que se converta axiña nun centro de referencia no seu campo.

Tamén imos aproveitar unha cesión do Ministerio de Defensa para adaptar para usos universitarios o edificio da Residencia de Batallóns.

Esa ollada posta no futuro inmediato, esa desexo de nos anticipar ás necesidades e de liderar os cambios obríganos a unha permanente procura da excelencia e revisión da calidade do ensino que impartimos nas nosas facultades e escolas.

Calidade e tamén a necesaria versatilidade (rigorosa versatilidade, diría eu) para que a oferta docente estea en sintonía cos cambios fondos no coñecemento, as formas de o adquirir e nas destrezas e habilidades que se lle demandan aos profesionais altamente cualificados que se forman nas aulas.

A procura da calidade implica modernizar as titulacións, revisalas e actualizalas de xeito que os graos e os másteres faciliten un mellor acceso a un mercado laboral cambiante. A profesora Amparo Alonso lembraba, na súa lección inaugural do curso, os estudos que conclúen que tres de cada catro traballadores terán que cambiar ou adaptar o seu traballo contra o ano 2030.

Estamos a xestionar a integración dos estudos do Grao en Turismo nun centro propio da UDC (daquela, terán prezos públicos) e pretendemos que xa no curso 2020 se poida abrir a matrícula para o novo Grao en Nanociencia e Nanotecnoloxía.

Temos plans para mellorar e potenciar a nosa oferta de titulacións en liña e semipresenciais e para ampliar a oferta de cursos abertos e masivos (os coñecidos como MOOC) cunha especial atención ás posibilidades que ofrecen para estudantes dos países de fala hispana.

A experiencia acumulada ata agora evidéncianos que os plans de captación de alumnado de grao e de mestrado debe seguir paralela a ampliación do catálogo de dobres titulacións e de titulacións internacionais.

Do mesmo xeito imos mellorar a xestión dos programas de doutoramento, tanto nos controis de calidade como na súa xestión e na achega de ferramentas, como a nova aula de doutoramento, e de modalidades como o doutoramento industrial.

No marco temporal dos vindeiros catro anos completaremos e consolidaremos moitas das iniciativas modernizadoras e reformadoras que puxemos en marcha nos últimos anos no contexto da universidade pública de calidade pola que apostamos xa nos períodos anteriores en que estiveron á fronte da reitoría os profesores José María Barja e Xosé Luís Armesto.

No curso pasado e no presente incorporamos ao noso catálogo de titulacións os graos en Xestión Industrial da Moda, en Paisaxe, en Xestión Dixital de Información e Documentación, en Ciencia e Enxeñaría de Datos e en Creación Dixital, Animación e Videoxogos.

Así mesmo, perfilamos a oferta de másteres priorizando a súa calidade e o seu carácter interuniversitario.

Os plans de captación de alumnado, en calquera dos seus niveis, deben ir (e van) acompañados do maior rigor e esixencia na calidade académica. Nesa liña nos movemos cando impulsamos a obtención dos selos europeos de acreditación de títulos, tanto de grao como de mestrado.

Este é o camiño correcto, en consonancia con dúas liñas estratéxicas da Universidade da Coruña ás que me vou  referir brevemente.

A primeira delas é o proceso de internacionalización, que implica un significativo salto cualitativo da nosa Universidade, visible tanto na captación de alumnado estranxeiro, como nos títulos conxuntos, na extensión das aulas plurilingües, na formación internacional de doutorandos ou na consolidación da International Summer School.

O segundo aspecto é o proceso de especialización dos campus para fortalecer o noso posicionamento no sistema universitario español e facilitar sinerxías académicas e científicas co noso contorno social, cultural e económico. Para este proceso foi imprescindible orientar moitos esforzos cumprir os compromisos de estabilización do profesorado.

O Campus Industrial de Ferrol, o Campus Sustentabilidade e o Campus Innova da Coruña son o froito dunha traballada reconfiguración en que se implicou toda a comunidade universitaria, consciente da oportunidade de poñer en valor as nosas fortalezas e de abrir novas ventás de oportunidade para o traballo académico e científico interdisciplinar. Conscientes tamén de procurar unha cooperación máis estreita coas administracións públicas e coas empresas de sectores punteiros ou emerxentes das distintas áreas de coñecemento.

Formulamos o proxecto da Cidade das TIC sobre a base da experiencia acumulada polo centro singular, CITIC, Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e das Comunicacións, punto de confluencia de investigadores da universidade e das empresas do sector.

Traballamos para obter a cualificación de centros singulares para o CITEEC, en liña coa nova estrutura de centros de investigación que promove a Xunta de Galicia. Os dez laboratorios do CITEEC reúnen un nivel óptimo para ampliar a súa colaboración en proxectos de empresas e administracións españolas e para buscar novos horizontes no ámbito internacional.

Temos a confianza de que o novo escenario político e institucional na administración do Estado abra para todas as universidades españolas unha etapa de estabilidade e de ambición científica e innovadora, co obxectivo común de reducir a fenda co resto de Europa canto a porcentaxe do PIB destinado a I+D+i (os datos máis recentes de Eurostat, referidos a 2018, sitúan a España no 1,24 do PIB fronte ao 2,06 da Unión Europea).

Percíbese unha lenta mellora, pero non abonda. Só con que de verdade se executase o orzamento público adxudicado a investigación e innovación daríamos un salto cualitativo espectacular, pois a realidade é que en 2018 non se executou nin a metade do presupostado.

A excesiva burocracia pesa como unha lousa sobre os investigadores. No noso programa levamos algunhas medidas orientadas a paliar na medida do posible ese problema. Crearemos unha Oficina Europa para promover que os grupos de investigación participen no programa Horizonte Europa 2021-2027 co debido asesoramento para acceder aos seus fondos.

Universidade e investigación forman un binomio inseparable que ten o talento como elemento motriz común. Non aforramos nin aforraremos esforzos para captar e reter talento mellorando programas tan eficaces como o Intalent, financiado pola empresa Inditex, con resultados moi exitosos na captación de axudas Starting Grant, Ramón y Cajal ou Beatriz Galindo.

Mencionaba antes a titulación en Paisaxe, primeiro grao compartido entre universidades galegas. Neste caso entre o campus de Lugo e o da Coruña. Xa existían mestrados e doutoramentos compartidos pero non no caso dos graos, cuxo desenvolvemento resulta máis complexo.

A nosa universidade e o campus de Ourense están traballando sobre o plan de estudos dun segundo grao compartido. Será o grao en Relacións Internacionais, que esperamos poder ofertar ao alumnado no curso 2021-2022. Na parte que nos corresponde impartirase na Facultade de Humanidades de Ferrol, que está en proceso de reformulación das súas titulacións.

As experiencias dos graos compartidos entre as universidades galegas agochan un valor particular e revelador da capacidade do sistema universitario galego para se fortalecer mediante a colaboración e a lealdade. Galicia será un país máis forte e con máis futuro canta máis calidade e eficiencia atesoure o seu sistema universitario.

Con ese mesmo espírito de colaboración e de suma de esforzos e recursos, afrontaremos este ano a negociación dun novo plan plurianual de financiamento 2021-2025.

Temos a oportunidade de establecer un novo marco que lle achegue aos campus un financiamento suficiente e incondicionado, co que se superen as moitas estreiteces das que veñen adoecendo desde os anos duros da crise.

Na Universidade da Coruña cremos necesario que se incremente a partida destinada ao financiamento estrutural das universidades galegas. Igualmente defendemos a mellora do financiamento por resultados, de xeito que poida incrementarse tamén no novo plan plurianual.

Promoveremos as reformas pertinentes para garantir o financiamento do 100% do incremento retributivo, así como que a administración autonómica asuma o custe dunha desexable e xusta igualación das taxas de grao e máster.

Teñamos moi presente o preocupante dato que xa subliñei na apertura do curso no sistema universitario español, un acto que presidiu en setembro o rei neste mesmo Paraninfo: as universidades españolas enfrontamos a nova década en manifesta inferioridade de condicións, pois os axustes e os recortes aplicados durante a crise deixáronnos con 10.000 millóns menos de financiamento.

Cómpre que  se reverta esta situación se de verdade apostamos polas universidades e polo seu papel central no cambio de modelo económico, o mesmo para formar profesionais do século XXI que para seguir achegando a investigación precisa para o progreso material e cultural do país.

Un recente estudo da CRUE establece –en termos estritamente económicos neste caso– que a universidade española xera un 2,12% do PIB e que lle devolve á sociedade 4,3 euros por cada euro que as administracións públicas invisten no seu financiamento.

A universidade segue a funcionar como ascensor social e segue a ser fundamental para a igualdade de oportunidades e a paa cohesión social. A educación superior é a base sobre a que asenta a os traballos cualificados e máis estables.

E a min congratúlame particularmente que o estudo do que falo (La contribución socioeconómica del sistema universitario español) constate que a Universidade forma cidadáns con valores.

Ás veces teño a impresión de que nós mesmos non somos conscientes abondo desta dimensión da institución universitaria, malia vilo certificando as enquisas de valores sociais ano tras ano.

De aí que no noso proxecto para os vindeiros anos lle outorguemos a importancia que ten de seu. Sirva como exemplo que as cuestións  de igualdade pasen ao primeiro nivel na estrutura do equipo de goberno  ou obxectivos como o de “papel cero”, a redución da pegada ecolóxica na UDC ou a extensión do programa Green Campus.

Dito doutro xeito e en termos coloquiais: predicar co exemplo. Traducir á xestión e organización cotiá o noso compromiso coa igualdade de oportunidades, contra calquera tipo de discriminación e no apoio a todas aquelas iniciativas e accións que teñen como horizonte facerlle fronte á emerxencia climática.

Señor presidente, asumo con ilusión renovada, forzas, ilusións e proxectos esta nova etapa á fronte da Universidade da Coruña.

Conto de novo cun magnífico equipo ao que se incorporan as profesoras Amparo Casares, María José Lombardía, Cristina López e María Jesús Movilla.

E quero aproveitar este acto simbólico para facer público recoñecemento do labor que desempeñaron ata hoxe mesmo polas vicerreitoras Araceli Torres e Margarita Amor.

Sei que conto tamén co compromiso de toda a comunidade universitaria e coa colaboración das administracións e entidades públicas e privadas para sumar ideas no nobre obxectivo de facer crecer a miña universidade, a nosa universidade, a universidade de todas e de todos.

Más nada. Moitas grazas.

 

A Coruña, 14 de xaneiro de 2020