Resumo de proxectos PCC 2015

Adriana Ávila Álvarez, contratada doutora da facultade de Ciencias da Saúde, viaxará coa corporación "El mejor amigo del hombre" a Colombia, para desenvolver un proxecto que favoreza a formación cidadá, as competencias comunitarias, e a resolución de conflitos a través dunha técnica que é a Educación Asistida por Animais. A dita técnica é realizada por un/unha profesional da educación, en conxunto cun/cunha profesional en educación canina e un ou varios animais. Deste xeito, trátase de favorecer a nenos e nenas de 7 a 10 anos en exclusión social, con estas actividades satisfactorias, que promovan a colaboración, a cooperación, o diálogo, a emoción, e a comunicación preverbal e verbal. Alén diso, tamén se incluirán aos mozos e mozas de 14 anos que deixaron os estudos nos procedemento de ensinanza e aprendizaxe dos cans como un recurso de reinserción sociolaboral.

 

José Manuel López Vilariño, coordinador do Centro de Investigacións Tecnolóxicas -CIT, viaxará coa Fundación Heifer a Ecuador, para apoiar a ONG na súa labor de fomentar una agricultura sostible dende un punto de vista ecolóxico e de protección da biodiversidade como medio de mellora da seguridade alimentaria e de desenvolver a economía de pequenas asociación de mulleres indíxenas marxinadas.

 

Plácido Lizancos Mora, profesor titular do departamento de representación e teoría arquitectónica, viaxará coa ONG Arquitectos sen Fronteiras a Mozambique. Participará ofrecendo apoio para asistir ao equipo directivo e restante comunidade académica da Universidade Pedagóxica de Maxixe na análise do plano docente do centro, no estudo das súas necesidades e de ai en diante establecer un plan de acción que permita o fortalecemento institucional e académico deste centro.


Sandra Martínez Costa, profesora contratada doutora do departamento de Humanidades da facultade de Ciencias da Comunicación, viaxará coa ONG Ayuda en Acción a Nicaragua, para colaborar coa ONG a través da realización de reportaxes, recollida de imaxes e recollida de testemuños das persoas que está a vivir en situación de pobreza en Nicaragua, así como difundir e documentar as tarefas que a ONG e os voluntarios e voluntarias están a facer alí. Como fin último proponse unha exposición do material fotográfico ou de vídeo.

 

Thais Pousada García, profesora colaboradora da facultade de Ciencias da Saúde, viaxará coa “Asociación Nuestros Ahijados” a Guatemala, para colaborar nun centro de saúde na atención dos bebés, a hixiene e alimentacións dos nenos e nenas con patoloxías relacionadas coa desnutrición e, máis especificamente, participar no proceso de rehabilitación e atención aos nenos e nenas con discapacidade e a súa atención básica de saúde.