Financiamento:
Xunta de Galicia (Incite) e UE (FEDER)
Período: 2007-2013
Un dos obxectivos do noso grupo de investigación é a participación en proxectos de I+D financiados en convocatorias públicas. Unificando as diferentes liñas de investigación dos integrantes do grupo, xurdiu unha proposta común de estudo de textos literarios, ensaísticos e cinematográficos que promoven unha visión ecocrítica da cultura e literatura contemporáneas.
O noso proxecto de investigación, titulado "Ecoloxía humana: as literaturas e culturas de Estados Unidos desde a etnocrítica e a ecocrítica" foi presentado na convocatoria do "Programa de promoción xeral de investigación do Incite 2007" da Consellería de Innovación e Industria, conseguindo subvención para un periodo inicial de 3 anos (ref. PGIDIT07PXIB104255PR).
No DOG do 31 de agosto de 2007 publicouse a resolución das axudas convocadas pola Consellería de Educación e Ordenación Universitaria para a consolidación e a estruturación de unidades de investigación competitivas do SUG (Sistema Universitario de Galicia). Ao grupo de investigación CLEU outorgóuselle financiación por un período de dous anos, prorrogables por outro, dentro da "modalidade de grupos emerxentes promovidos por investigadores mozos". O importe da segunda anualidade foi cofinanciado polos fondos FEDER (Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional) 2007-2013.
Grazas a esta axuda, puidemos fortalecer a estrutura do grupo a través da incorporación de persoal de apoio e a promoción de actividades de difusión. A nosa intención é continuar mellorando e consolidando a proxección internacional do grupo, co incremento no número de publicacións e a participación en proxectos e redes internacionais.