Coñece a UDC Saudable

A UDC Saudable é a unidade de vida saudable e benestar da Universidade da Coruña, dependente da Vicerreitoría do Campus de Ferrol e Responsabilidade Social, cuxa función é coordinar e desenvolver actuacións de promoción da saúde  benestar para a comunidade universitaria e a cidadanía da contorna.

UDC Saudable é a iniciativa da Universidade da Coruña orientada a promover unha cultura universitaria baseada no benestar, a saúde e a sustentabilidade. Nace o 28 de novembro de 2014 coa adhesión á Rede Española de Universidades Saudables.

A Unidade UDC Saudable traballa para consolidar a UDC como un contorno seguro, saudable e activo, mediante accións coordinadas entre facultades, escolas e distintos servizos universitarios. Estas actuacións fomentan estilos de vida saudables, impulsan programas orientados á mellora do benestar e favorecen a participación en actividades de lecer, convivencia e cohesión social.

A universidade concíbese como un ecosistema vivo no que estudar, traballar e investigar debe ir da man do coidado físico, emocional e social. Neste marco impúlsanse iniciativas que contribúen a un estilo de vida equilibrado e ao desenvolvemento dunha universidade sostible, inclusiva e socialmente comprometida.

UDC Saudable mantén ademais unha colaboración activa coa Rede Española de Universidades Promotoras de Saúde (REUPS), xunto con universidades de todo o país, ministerios e administracións públicas, co obxectivo de avanzar de forma conxunta na promoción da saúde e na creación de contornos universitarios máis saudables.

Marco normativo e respaldo institucional

A Lei orgánica 2/2023, do 22 de marzo, do sistema universitario apoia legalmente as iniciativas vinculadas á promoción da saúde e do benestar no ámbito universitario. Esta norma recoñece, entre os dereitos do estudantado, o acceso ao coidado da saúde mental e emocional, tal como se recolle no artigo 33, que establece:

e) [...] ao coidado da saúde mental e emocional, nos termos dispostos pola normativa universitaria. [...]

Así mesmo, o seu artigo 43  establece a obrigatoriedade de dispoñer de estruturas específicas nas universidades:

Artigo 43. Unidades básicas
1. As universidades contarán con [...] servizos de saúde e acompañamento psicolóxico [...] dotados con recursos humanos e económicos suficientes. [...]

No ámbito propio da Universidade da Coruña, os Estatutos da UDC (2025) recoñecen explicitamente a saúde e o benestar como dereitos da comunidade universitaria mediante a creación da Unidade de Vida Saudable e Benestar (artigo 159). Esta unidade constitúe a nova base estrutural da marca UDC Saudable, dotándoa do apoio xurídico necesario para garantir a institucionalización e a sustentabilidade a longo prazo das estratexias de promoción da saúde e do benestar na universidade.

Ao longo dunha década, a UDC Saudable consolidouse como un proxecto transformador da UDC coa responsabilidade do seu director profesor Sergio Santos del Riego. Descríbense tres etapas históricas:

Os comezos e construción comunitaria (2014–2019): a UDC incorporou a saúde como dimensión esencial da súa misión. A UDC Saudable creceu desde abaixo, cunha forte orientación comunitaria, comunicación activa e integración en redes nacionais e internacionais. É cando se sentan as bases de investigación, educación e colaboración que definiron o ADN do proxecto.

O coidado e saúde mental en tempos de crise (2020–2023): etapa que coincide coa pandemia da covid-19, en que a atención se centrou no benestar emocional. Creouse Afrontemos, consolidouse a Escola UDC Saudable de Alimentación no CUR e integrouse a perspectiva One Health, reforzando programas de alimentación saudable, actividade física e promoción de espazos de saúde en rede con entidades externas.

A institucionalización e campus promotores de saúde (2024–2030): a UDC Saudable alcanza madurez institucional coa creación da Unidade de vida saudable e benestar nos Estatutos e o lanzamento do Plan de Vida Saudable e Benestar 2025–2030. Consolídase o Campus Sen Fume e intégranse progresivamente enfoques de humanismo tecnolóxico, benestar dixital e contornos promotores de saúde, reforzando a colaboración universidade–sociedade.