A exposición “Emigrantas: emerxer do silencio” pode visitarse no Quiosco Alfonso (A Coruña) entre o 11 de marzo e o 3 de maio. A mostra, organizada polo Consello da Cultura Galega e comisariada por Antía Pérez Caramés, Keina Espiñeira e María Alonso Alonso, conta co deseño expositivo de Uqui Permui.
“Emigrantas: emerxer do silencio” recupera e dá visibilidade ás experiencias das mulleres galegas nos procesos migratorios, relatos que durante décadas permaneceron ausentes das versións oficiais da historia. A través de arquivos históricos, instalacións artísticas, materiais audiovisuais, correspondencia, obxectos e testemuños gravados, a exposición ofrece unha visión ampla e rigorosa das múltiples dimensións da emigración feminina: a partida, a chegada, o traballo, a aprendizaxe, a resistencia, a vida comunitaria e o retorno.
A Biblioteca de Socioloxía e Ciencias da Comunicación colaborou neste proxecto mediante a elaboración dunha guía bibliográfica que reúne recursos documentais relacionados coa temática da mostra, procedentes da Biblioteca da Universidade da Coruña e da Biblioteca do Consello da Cultura Galega.
A imaxe da portada da guía é obra de Uqui Permui.
A exposición constitúe unha invitación a analizar e comprender en profundidade os relatos das emigrantas, a revisión crítica dos silencios herdados e a reconstruír, de maneira colectiva, unha memoria compartida que contribúe a interpretar o presente á luz do pasado.
Publicado por: Biblioteca de Socioloxía e CC. da Comunicación