A Coruña, 13 de abril de 2026
O Centro Interdisciplinar de Química e Bioloxía (CICA) da Universidade da Coruña celebrou este sábado o CCK, o Congreso Científico InKrustado, no que o estudantado participante no programa Incrúst@ste -un total de 20-, expuxo os resultados da súa práctica experimental ante un tribunal especializado.
Dito tribunal seleccionou catro dos traballos presentados pola súa calidade e destreza na exposición e defensa deste. Como premio, os estudantes alongarán a súa estancia no CICA durante dúas semanas.
Entre os seleccionados, atópanse dous alumnos do IES Monelos: Antonio López Pichel, que traballou no grupo BioNanoChem e Lara Prego Ameneiros, que participou no grupo GIR-S. A investigación de Antonio López, titulada Sistemas Poliméricos como Modelos de Compartimentalización Intracelular, desenvolve un sistema baseado en polímeros sintéticos capaces de formar compartimentos artificiais que imitan a organización interna das células.
Pola súa banda, o experimento de Lara Prego, baixo o título Transferencia mitocondrial de condrocitos humanos, investiga como as células do cartílago poden intercambiar mitocondrias entre si, observando que este proceso aumenta cando as células están sometidas a dano inflamatorio.
Julia Losada Abad, do Colexio Maristas Cristo Rey, participou tamén co grupo de reumatoloxía, GIR-S. O seu traballo, titulado: Estudo in vitro de inhibidores naturais da enzima DPP4, analizou o potencial de extractos de algas mariñas para inhibir a enzima DPP4, implicada na regulación da glicosa, identificando especies con capacidade prometedora para o desenvolvemento de alternativas terapéuticas naturais.
Martín Calviño Gómez, do IES Rafael Dieste, realizou a súa práctica experimental no grupo UDCsolidos baixo o título: Calefacción natural: o potencial dos PBAs, explorou o uso de materiais coñecidos como PBAs (análogos do azul de Prusia) como sistemas capaces de xerar calor de forma pasiva, abrindo novas posibilidades para o desenvolvemento de tecnoloxías de calefacción máis sostibles
O tribunal do Congreso Científico estivo formado por:
Este evento está cofinanciado por FECYT, a Fundación Española para a Ciencia e a Tecnoloxía do Ministerio de Ciencia e Innovación, e tamén conta coa colaboración do Concello da Coruña e os Museos Científicos.
Con esta segunda fase, a sétima edición de “Incrúst@te: qué é un grupo de investigación? Introdución á investigación en Química e Bioloxía”, que comezou o pasado mes de setembro coas visitas escolares, chegaría ao seu fin. Os pósters gañadores do congreso estarán expostos na DOMUS ata o vindeiro 7 de maio.
Nova edición a partir de setembro
En setembro abriranse unha nova convocatoria para que os profesores de 4º da ESO, 1º de Bacharelato e Formación Profesional poidan solicitar visitas escolares e participar no programa do vindeiro curso.
Incrústate
Incrústate é unha iniciativa activa desde 2017 que busca fomentar a vocación científica nos máis novos para que poidan coñecer o sector de primeira man e dar a coñecer as titulacións da Facultade de Ciencias da UDC, ademais de dar visibilidade ao traballo do persoal investigador e ao papel da muller na Ciencia. Polas anteriores edicións realizadas pasaron xa máis de 1.700 estudantes.
Sobre o CICA
O Centro Interdisciplinar de Química e Bioloxía (CICA) creouse en 2015 como un centro de investigación de ciencias avanzadas e que, actualmente, conta con máis de 200 investigadores e investigadoras pertencentes a tres áreas científicas: Biomedicina; Alimentación, Contaminación e Saúde; e Nanociencia e Materiais Avanzados.
Desde 2024, o CICA conta co apoio financeiro da Unión Europea a través do Pograma Galicia FEDER 2021–2027 e forma parte da rede CIGUS da Xunta de Galicia, que acredita a calidade e impacto da súa investigación no sistema universitario galego.
A excelencia investigadora, a transferencia tecnolóxica e a transmisión de coñecemento á sociedade forman os tres piares sobre os que se fundamenta o centro de investigación. É recoñecido pola atracción de talento, a visibilidade da muller científica e a promoción da igualdade de xénero, contando cunha presenza feminina superior ao 50%.

Publicado por: Gabinete de Comunicación da UDC