A sétima edición do Congreso Científico InKrustado (CCK) recoñeceu o traballo dos 20 participantes no programa Incrústate do CICA

Nota de prensa

13/04/26 14:06

  • Institucional
  • Catro estudantes de tres centros educativos da Coruña foron seleccionados pola calidade dos seus traballos e alongarán a súa estadía no centro de investigación da UDC durante dúas semanas.
  • O congreso, que por terceira vez consecutiva acolle a Domus, complementa a experiencia das estancias de tres días no CICA realizadas no mes de marzo xunto aos grupos de investigación.
  • O programa de divulgación científica Incrúst@te, que cumple sete anos vixente, está cofinanciado por FECYT e busca fomentar a vocación científica nos máis novos.

A Coruña, 13 de abril de 2026

O Centro Interdisciplinar de Química e Bioloxía (CICA) da Universidade da Coruña celebrou este sábado o CCK, o Congreso Científico InKrustado, no que o estudantado participante no programa Incrúst@ste -un total de 20-, expuxo os resultados da súa práctica experimental ante un tribunal especializado. 

Dito tribunal seleccionou catro dos traballos presentados pola súa calidade e destreza na exposición e defensa deste. Como premio, os estudantes alongarán a súa estancia no CICA durante dúas semanas.  

Entre os seleccionados, atópanse dous alumnos do IES Monelos: Antonio López Pichel, que traballou no grupo BioNanoChem e Lara Prego Ameneiros, que participou no grupo GIR-S. A investigación de Antonio López, titulada Sistemas Poliméricos como Modelos de Compartimentalización Intracelular, desenvolve un sistema baseado en polímeros sintéticos capaces de formar compartimentos artificiais que imitan a organización interna das células.

Pola súa banda, o experimento de Lara Prego, baixo o título Transferencia mitocondrial de condrocitos humanos, investiga como as células do cartílago poden intercambiar mitocondrias entre si, observando que este proceso aumenta cando as células están sometidas a dano inflamatorio.  

Julia Losada Abad, do Colexio Maristas Cristo Rey, participou tamén co grupo de reumatoloxía, GIR-S. O seu traballo, titulado: Estudo in vitro de inhibidores naturais da enzima DPP4, analizou o potencial de extractos de algas mariñas para inhibir a enzima DPP4, implicada na regulación da glicosa, identificando especies con capacidade prometedora para o desenvolvemento de alternativas terapéuticas naturais.

Martín Calviño Gómez, do IES Rafael Dieste, realizou a súa práctica experimental no grupo UDCsolidos baixo o título: Calefacción natural: o potencial dos PBAs, explorou o uso de materiais coñecidos como PBAs (análogos do azul de Prusia) como sistemas capaces de xerar calor de forma pasiva, abrindo novas posibilidades para o desenvolvemento de tecnoloxías de calefacción máis sostibles

O tribunal do Congreso Científico estivo formado por: 

  • Claudia Bazán Cobelo: graduada en Química e máster en Investigación Química e Química Industrial pola UDC. Desde 2025 desenvolve o seu doutoramento no marco do Programa Oficial de Doutoramento en Química Ambiental e Fundamental, no grupo NANOSELF do CICA.
  • Jose Manuel Viñas Diéguez: licenciado en Bioloxía pola Universidade de Santiago de Compostela (USC). Conta cunha ampla traxectoria de 25 anos como profesor de Bioloxía e Xeoloxía en Educación Secundaria. Actualmente exerce como asesor STEM no Centro de Innovación Educativa e Dixital de Galicia (CIEDix).
  • Juan González Seijas: estudante de segundo curso do Grao en Biotecnoloxía (USC). Recentemente foi elixido director da feira de divulgación Open Science de Cambre para a edición deste ano 2026.
  • Marta Vila Taboada: doutora pola Universidade da Coruña (UDC) e profesora da Facultade de Ciencias. Ao longo da súa traxectoria académica, formou parte da Comisión de Normalización Lingüística da devandita facultade.

Este evento está cofinanciado por FECYT, a Fundación Española para a Ciencia e a Tecnoloxía do Ministerio de Ciencia e Innovación, e tamén conta coa colaboración do Concello da Coruña e os Museos Científicos.

Con esta segunda fase, a sétima edición de “Incrúst@te: qué é un grupo de investigación? Introdución á investigación en Química e Bioloxía”, que comezou o pasado mes de setembro coas visitas escolares, chegaría ao seu fin. Os pósters gañadores do congreso estarán expostos na DOMUS ata o vindeiro 7 de maio. 

Nova edición a partir de setembro 

En setembro abriranse unha nova convocatoria para que os profesores de 4º da ESO, 1º de Bacharelato e Formación Profesional poidan solicitar visitas escolares e participar no programa do vindeiro curso.  

Incrústate 

Incrústate é unha iniciativa activa desde 2017 que busca fomentar a vocación científica nos máis novos para que poidan coñecer o sector de primeira man e dar a coñecer as titulacións da Facultade de Ciencias da UDC, ademais de dar visibilidade ao traballo do persoal investigador e ao papel da muller na Ciencia. Polas anteriores edicións realizadas pasaron xa máis de 1.700 estudantes.  

Sobre o CICA

O Centro Interdisciplinar de Química e Bioloxía (CICA) creouse en 2015 como un centro de investigación de ciencias avanzadas e que, actualmente, conta con máis de 200 investigadores e investigadoras pertencentes a tres áreas científicas: Biomedicina; Alimentación, Contaminación e Saúde; e Nanociencia e Materiais Avanzados.  

Desde 2024, o CICA conta co apoio financeiro da Unión Europea a través do Pograma Galicia FEDER 2021–2027 e forma parte da rede CIGUS da Xunta de Galicia, que acredita a calidade e impacto da súa investigación no sistema universitario galego.   

A excelencia investigadora, a transferencia tecnolóxica e a transmisión de coñecemento á sociedade forman os tres piares sobre os que se fundamenta o centro de investigación. É recoñecido pola atracción de talento, a visibilidade da muller científica e a promoción da igualdade de xénero, contando cunha presenza feminina superior ao 50%. 

20260413 Inkrústate 1

Publicado por: Gabinete de Comunicación da UDC