Presentación

Ensináronme que o camiño do progreso non era rápido nin fácil
Marie Curie

Hai uns días o Ministro de Universidades, Joan Subirats, afirmaba que as universidades non podían ser laboratorios onde o único importante fose a investigación, senón que tamén se tiña que dar importancia á docencia. Non cabe ningunha dúbida de que a universidade está obrigada a ofrecer unha docencia de calidade, pois a nosa prioridade debe ser a formación do alumnado. O equilibro docencia-investigación, aínda que necesario, non é sinxelo. Con todo, o profesorado cada vez é máis consciente de que tan importantes son os progresos que realiza a través do seu labor investigador como os vinculados ao ámbito docente. Tomando prestadas as palabras de Marie Curie, o camiño cara á excelencia docente non é nin rápido nin fácil, pero é o único camiño que nos conducirá ao progreso.

O avance e o progreso na formación do noso estudantado non se freou a partir de marzo de 2020 debido a que o profesorado universitario foi quen de reaccionar con firmeza, decisión e entrega fronte a unha situación extremadamente complicada. Ante o difícil reto de seguir formando o noso alumnado, aprendemos a facer un uso intensivo da tecnoloxía para poder manter a actividade docente. Conseguímolo. Preguntabámonos, con todo, como iamos poder seguir innovando nesas condicións. Tamén o conseguimos, como puidemos comprobar durante o transcurso das V Xornadas de Innovación Docente, dedicadas unicamente á posta en común das experiencias de adaptación da docencia ao medio virtual. Innovar en circunstancia tan adversas non foi doado, pero a dificultade deste contexto propiciou o xurdimento da innovación. O noso modo de concibir a docencia viuse dalgunha maneira condicionado polo aprendido durante estes dous anos. Agora estamos en disposición de dar un paso máis: utilizar o aprendido e o implementado a nivel tecnolóxico para seguirmos avanzando na calidade do ensino universitario.

Contextos Universitarios Transformadores: a innovación como eixo vertebrador da docencia é o título das VI Xornadas de Innovación Docente, organizadas polo CUFIE co apoio e impulso da Vicerreitoría de Planificación Académica e Innovación Docente. Este ano recuperaremos a presencialidade. O día 20 de maio teremos unha xornada totalmente presencial, cunha conferencia plenaria e unha serie de obradoiros. Aínda que tamén manteremos unha fase asíncrona e virtual, na que poderán verse as vídeo-comunicacións que presente o noso profesorado en Stream. As liñas temáticas seleccionadas para esta edición son as seguintes:

  •          Metodoloxías activas en docencia presencial e semipresencial
  •          Mellora de procesos e instrumentos de avaliación da aprendizaxe
  •          Titorización e atención ao alumnado
  •          Uso e aplicación de recursos tecnolóxicos para a mellora da aprendizaxe
  •          Fomento da responsabilidade social e ambiental universitaria
  •          Emprendemento e empregabilidade
  •          Instrumentos e recursos para a mellora da organización e o desempeño docentes
  •          Accións de divulgación e transferencia do coñecemento á sociedade
  •          Creación de recursos educativos en aberto
  •          Accións de innovación educativa para a inclusión, a diversidade e a igualdade de xénero

Animámosvos a presentar as vosas experiencias e facer destas xornadas un punto de encontro e de diálogo para todas aquelas persoas comprometidas coa mellora da docencia universitaria e a procura da excelencia docente.

 

Nancy Vázquez Veiga

Vicerreitora de Planificación Académica e Innovación Docente