Presentación das IV Xornadas de Innovación Docente da UDC

“Se houbese unha única verdade, non sería posible pintar centos de cadros sobre o mesmo tema”, Pablo Picasso

Animados polo interese que espertaron as tres xornadas de innovación docente que xa realizamos, volvémosvos a convocar a unha nova cita para falar de innovación na educación superior que é, sen dúbida, unha das vías para conseguir un avance na calidade dos procesos de ensino-aprendizaxe. As IV Xornadas de Innovación Docente da UDC, organizadas polo CUFIE, co apoio e impulso da Vicerreitoría de Oferta Académica e Innovación Docente, terán lugar durante os días 21 e 22 de novembro, na Facultade de Ciencias da Educación.

O seu obxectivo é estimular a posta en común e o intercambio de experiencias didácticas entre distintas áreas de coñecemento para, deste xeito, potenciar o traballo interdisciplinar e a actualización permanente do profesorado da UDC. Este ano queremos pór o foco no traballo que se está a desenvolver no seo dos GID, cuxo labor está a contribuír de maneira significativa a mellorar a calidade do ensino e á renovación do modelo educativo no marco das titulacións oficiais de grao e de máster. Por este motivo, as liñas temáticas seleccionadas para esta edición coinciden coas 8 liñas prioritarias de actuación definidas para os GID:

  • Metodoloxías activas en docencia presencial e semipresencial
  • Procesos e instrumentos de avaliación da aprendizaxe
  • Titorización e atención ao estudantado
  • Uso e aplicación de recursos tecnolóxicos para mellorar a aprendizaxe
  • Responsabilidade social universitaria
  • Emprendimento e empregabilidade
  • Instrumentos e recursos para mellorar a organización e o desempeño docente
  • Accións de divulgación e transferencia do coñecemento á sociedade

Aproveitaremos a ocasión para facer a presentación oficial do libro Compartir experiencias e coñecemento, que recolle os contidos das sesións impartidas na primeira edición do programa de Democratización do Coñecemento de Costa da Morte. Esta experiencia constitúe o punto de partida dun dos proxectos de innovación docente máis relevantes da Universidade Sénior.

Querémosvos animar a presentar as vosas experiencias. Sabemos que estas xornadas son un punto de encontro e de diálogo para todas aquelas persoas que se esforzan curso tras curso por innovar na súa práctica docente e que, inspirándonos na afirmación de Picasso, non se conforman con impartir unha materia da mesma maneira, senón que reflexionan sobre que poden facer para mellorar os resultados de aprendizaxe e levalo á práctica; en definitiva, son capaces de pintar centos de cadros sobre un mesmo tema.

Nancy Vázquez Veiga
Vicerreitora de Oferta Académica e Innovación Docente