Animados polo interese que durante estes dous anos espertaron as I e II Xornadas de Innovación Docente, volvemos convocarvos a unha nova cita para falarmos de innovación na educación superior, que é sen dúbida unha das vías para acadar unha mellora na calidade dos procesos de ensino-aprendizaxe. As III Xornadas de Innovación Docente da UDC, organizadas polo CUFIE, co apoio e impulso da Vicerreitoría de Oferta Académica e Innovación Docente, celebraranse esta vez durante dous días, 8 e 9 de novembro, na Facultade de CC. da Educación.
O seu obxectivo é estimular a posta en común e o intercambio de experiencias didácticas entre distintas áreas de coñecemento para, deste xeito, potenciarmos o traballo interdisciplinar e a actualización permanente do profesorado da UDC. Este ano tamén queremos darlle a palabra aos membros dos GIE para que presenten os proxectos nos que estiveron traballando durante o curso 2017-2018. Aproveitaremos a ocasión para facer a presentación oficial do libro dixital Contextos universitarios transformadores: retos e ideas innovadoras, que marca o inicio dunha publicación a través da que lle queremos dar difusión a unha selección dos traballos presentados nas xornadas
As liñas temáticas seleccionadas para esta terceira edición son as seguintes:
Queremos animarvos a presentar as vosas experiencias e facer destas xornadas un punto de encontro e de diálogo para todas aquelas persoas comprometidas coa mellora da docencia universitaria e que se esforzan curso tras curso por innovar na súa práctica docente e que, tal e como suxire Paulo Coelho, deciden percorrer un camiño que lles gustaría coñecer, deixando atrás o xa percorrido.
Nancy Vázquez Veiga
Vicerreitora de Oferta Académica e Innovación Docente