Presentación das II Xornadas de Innovación Docente da UDC

«Se buscas resultados distintos, non fagas sempre o mesmo” (Albert Einstein)


Animados polo interese que o ano pasado espertaron as I Xornadas de Innovación Docente, este ano decidimos repetir a experiencia. As II Xornadas de Innovación Docente da UDC, organizadas polo CUFIE, co apoio e impulso da Vicerreitoría de Oferta Académica e Innovación Docente, celebraranse o día 27 de outubro na Facultade de CC. da Educación. O seu obxectivo é estimular a posta en común e o intercambio de experiencias didácticas entre distintas áreas de coñecemento para, deste xeito, potenciarmos o traballo interdisciplinar e a actualización permanente do profesorado da UDC.
A innovación aplicada á práctica docente debe levar aparellada unha mellora da calidade dos procesos de ensino-aprendizaxe. Así mesmo, debe contribuír a xerar un cambio real, continuado no tempo e susceptible de ser aplicado a distintos ámbitos. A innovación é, en definitiva, unha ferramenta máis para a mellora da docencia.
As liñas temáticas seleccionadas para esta segunda edición son as seguintes:

  • Aplicación educativa das Tecnoloxías da Información e da Comunicación (TIC): Plataforma Moodle, edublogs, contidos multimedia educativos, portafolios dixitais, gamificación, realidade virtual e aumentada, redes sociais, software educativo.
  • Impulso da Responsabilidade Social Universitaria: Aprendizaxe servizo, atención á diversidade, sostibilidade e perspectiva de xénero.
  • Metodoloxías activas: Aprendizaxe Basado en Proxectos, Aprendizaxe basado en Problemas, Método de Caso, Aprendizaxe Cooperativo/Colaborativo, Flipped Classroom, Design Thinking.
  • Recursos para a avaliación das aprendizaxes: Rúbricas, portfolios, diarios de aprendizaxe.
  • Xestión de centros e colaboración entre docentes: Traballo colaborativo entre docentes, comunidades de aprendizaxe docente, proxectos de formación en centros, proxectos interdisciplinares e proxectos interuniversitarios.

Ao igual que o ano pasado queremos animarvos a presentar as vosas experiencias e a facer destas xornadas un punto de encontro e de diálogo para todas aquelas persoas comprometidas coa mellora da docencia universitaria e que se esforzan curso tras curso por innovar na súa práctica docente e, tal e como dicía Einstein, non facer sempre o mesmo.
 

Nancy Vázquez Veiga
Vicerreitora de Oferta Académica e Innovación Docente