Presentación das I Xornadas de Innovación Docente da UDC

O día 21 de outubro realizaremos na Normal * as I Xornadas de Innovación Docente da UDC, organizadas polo CUFIE, co apoio e impulso da Vicerreitoría de Oferta Académica e Innovación Docente. O seu obxectivo é estimular a posta en común e o intercambio de experiencias didácticas entre distintas áreas de coñecemento para, deste xeito, potenciarmos o traballo interdisciplinar e a actualización permanente do profesorado da UDC.

A innovación aplicada á práctica docente debe levar aparellada unha mellora da calidade dos procesos de ensino-aprendizaxe. Así mesmo, debe contribuír a xerar un cambio real, continuado no tempo e susceptible de ser aplicado a distintos ámbitos. A innovación é, en definitiva, unha ferramenta máis para a mellora da docencia.

As liñas temáticas seleccionadas para esta primeira edición son as seguintes:

  • Aplicación educativa das TIC: plataforma Moodle, edublogs, contidos multimedia educativos, portafolios dixitais, gamificación, Flipped Classroom, realidade virtual e aumentada, redes sociais e software educativo
  • Impulso da Responsabilidade Social Universitaria: aprendizaxe servizo, atención á diversidade, sustentabilidade e perspectiva de xénero
  • Innovación nos procesos de ensino-aprendizaxe: metodoloxías activas, procesos de avaliación da aprendizaxe, proxectos interdisciplinares, aprendizaxe integrada de contidos en linguas estranxeiras e divulgación científica.

Queremos animarvos a presentar as vosas experiencias e facer destas xornadas un punto de encontro e de diálogo para todas aquelas persoas comprometidas coa mellora da docencia universitaria, pois, como dixo Antonio Machado, «en cuestións de cultura e de saber, só se perde o que se garda e só se gaña o que se dá».

 

Nancy Vázquez Veiga
Vicerreitora de Oferta Académica e Innovación Docente
 

*Nota importante: Por falta de aforo vimos de mudar a sede de celebración das Xornadas. A nova sede é a Facultade de CC. de Educación, no campus de Elviña.