Un xestor de referencias bibliográficas é unha aplicación informática que se utiliza para organizar as referencias bibliográficas procedentes de diferentes fontes de información. Permiten a creación de bases de datos persoais nas que o usuario pode recompilar, gardar, actualizar e ordenar un gran volume de referencias bibliográficas.
Os xestores traballan con navegadores web para capturar información na rede, e con procesadores de texto que permiten inserir citas bibliográficas e producir bibliografías nun formato bibliográfico determinado ou personalizado de xeito automático.
REFWORKS [acceso restrinxido]
Software de xestión bibliográfica subscrito pola Universidade da Coruña e, polo tanto, de acceso restrinxido a membros da comunidade universitaria.
Refworks permite a importación directa de referencias bibliográficas dende bases de datos como WoS ou Dialnet, e dende o catálogo CRUNIA. RefWorks admite a importación de arquivos en formato RIS dende Scopus ou Google Scholar, e arquivos en formato NBIB dende PubMed.
Refworks dispón da ferramenta "Save to Refworks" que traballa con navegadores web para engadir referencias bibliográficas de bases de datos e páxinas web, e da ferramenta "Write-n-Cite" que permite a citación en procesadores de texto como Ms Word e Google Docs [ambas no menú "Herramientas"]
Guía de RefWorks, elaborada polo Servizo de Biblioteca da UDC.
MENDELEY [acceso]
Este xestor bibliográfico desenvolvido pola empresa Elsevier dispón dunha versión en liña e outra local opcional (Mendeley Reference Manager).
Mendeley permite a importación directa de referencias bibliográficas dende a base de datos Scopus. Mendeley admite a importación de arquivos en formato RIS e BibTeX.
Mendeley dispón da ferramenta "Web importer" que traballa con navegadores web para engadir referencias bibliográficas de bases de datos e páxinas web, e da ferramenta "Citation plug-in" que permite a citación no procesador de textos Ms Word 365 e versións anteriores.
Mendeley ten a posibilidade de personalizar os formatos bibliográficos utilizando a ferramenta CSL Mendeley.
Guía de Mendeley, elaborada polo Servizo de Biblioteca da UDC.
ZOTERO [acceso]
Software libre de xestión bibliográfica que dispón dunha versión en liña e outra local indispensable para traballar con procesadores de texto, como a versión de escritorio de Ms Word e LibreOffice.
A importación de rexistros en Zotero faise a través de arquivos en formato BibTeX ou RIS dende bases de datos como Dialnet ou Scopus, ou dende o catálogo CRUNIA. Zotero tamén dispón da ferramenta "Zotero Connector" que traballa con navegadores como Chrome, Fifefox, Edge e Safari, e que permite capturar rexistros de bases de datos na web como PubMed e a información bibliográfica de sitios web.
Zotero ten a posibilidade de personalizar os formatos bibliográficos utilizando a ferramenta CSL.
Guía de Zotero, elaborada polo Servizo de Biblioteca da UDC.
ENDNOTE [acceso restrinxido]
Xestor bibliográfico en liña que forma parte da base de datos Web of Science. Cómpre crear unha conta de usuario en WoS para poder usalo.
EndNote permite a importación directa de referencias bibliográficas dende bases de datos como WoS, e dende o catálogo CRUNIA. EndNote admite a importación de arquivos en formatos como RIS, BibTeX ou NBIB de PubMed.
EndNote dispón da ferramenta "Cite While You Write" que permite traballar con procesadores de texto de escritorio como Ms Word (dispoñible no menú "Downloads").