ORCID

Enlaces de interese

Rexistrarse en ORCID

Infoguía ORCID elaborada polo Servizo de Biblioteca da UDC

¿Sabes qué es ORCID ID y para qué sirve? (vídeo Universidad de Santiago de Chile)

 

Que é ORCID?

ORCID é unha organización sen ánimo de lucro e independente (non está comprometida con ningún grupo editorial). A súa misión é proporcionar unha ferramenta aberta (que favorece a interoperabilidade entre sistemas) que - respectando a privacidade e a protección de datos - permita crear conexións transparentes e fiables entre o persoal investigador, as súas contribucións, as organizacións das que depende, o financiamiento recibido, os equipamentos utilizados, premios recibidos etc.

 

Cales son os piares nos que se apoia ORCID?

Para cumprir con estes fins, o sistema ORCID prové tres servizos interrelacionados:

  • O propio identificador (código alfanumérico de 16 díxitos único, persistente e accionable)
  • O rexistro ou perfil de autor/a
  • Un conxunto de APIs (Application Programming Interfaces) que permiten a interoperabilidade entre os rexistros ORCID e as organizacións membros, de modo que o persoal investigador poida optar por conectar o seu identificador coas súas afiliacións e contribucións (ver máis abaixo "organizacións de confianza").

 

Que beneficios ofrece?
ORCID funciona hoxe en día como un "DNI dixital" no ámbito académico e científico. Foi deseñado para resolver o problema da ambigüidade nos nomes dos autores (que tantos problemas causa, sobre todo no ámbito hispano). Ao proporcionar un identificador único e duradeiro, ORCID asegura que cada investigador poida ser distinguido inequivocamente doutros con nomes similares ou idénticos, vinculando de forma fiable ao autor coas súas contribucións académicas e profesionais.
 
Por tanto, ORCID garante a correcta atribución dos teus traballos (publicacións, datasets etc.), aumentando a visibilidade e o recoñecemento da túa produción científica, independentemente das variacións na firma. Ademais, simplifica significativamente tarefas administrativas, como o envío de manuscritos a editoriais ou a solicitude de financiamento, xa que moitas plataformas permiten a conexión co perfil ORCID para autocompletar información, aforrando tempo e reducindo erros. Tamén facilita a interoperabilidade entre distintas bases de datos e sistemas institucionais. Por último, permite manter un rexistro centralizado e actualizado das actividades e contribucións ao longo da túa carreira.

 

Característica única: as "organizacións de confianza"
Un dos puntos máis orixinais do proxecto ORCID reside no concepto de "organizacións de confianza", que o diferencia doutros sistemas de identificación puramente autoxestionados. Aínda que ti vas controlar totalmente o perfil, ORCID establece un ecosistema onde entidades autorizadas e verificadas (como empregadores, editoriais ou axencias de financiamento), co teu permiso explícito, poden engadir e validar información directamente no perfil (ex. afiliacións, publicacións, actividades de revisión, concesión de subvencións). Esta capacidade para que terceiros fiables certifiquen datos directamente no rexistro ORCID, creando un fluxo de información bidireccional e autorizado, é o que lle confire unha capa de autoridade e fiabilidade superior á simple autoafirmación, facendo do perfil unha fonte de datos máis robusta e verificada dentro da comunidade científica.

 

 

Que información podes incluír no perfil de ORCID?
Ata hai pouco tempo, os datos curriculares do persoal investigador no perfil de ORCID agrupábanse en cinco apartados: biografía, emprego, educación, financiamento e obras. Recentemente engadíronse ata tres secciones máis:
 
  • Actividades profesionais. Aquí pódese consignar ata catro tipos diferentes de información: membresías (se se quere deixar constancia da pertenza a unha asociación ou sociedade ou se é membro dun organismo industrial), servizo (serve para reflectir traballos de voluntariado ou dedicación de tempo a organizacións), posicións convidadas (estancias – remuneradas ou non – do investigador nunha institución académica como profesor visitante, profesor emérito, investigador invitado) e distincións.
  • Revisión por pares. Permite incorporar no rexistro ORCID os traballos de revisión realizados para as editoriais científicas.
  • Research resources (infraestrutura ou medios de investigación). Neste apartado introdúcese información sobre os equipos utilizados polo persoal investigador, laboratorios especiais nos que traballan ou outro tipo de infraestrutura que utilizan.

Non todos estes apartados son visibles por defecto, xa que nalgúns casos non son cubertos directamente polo investigador/a, senón a través de organizacións de confianza. En concreto, é o caso das dúas últimas seccións.

 

Consellos importantes

Desde a biblioteca ofrecémosche apoio con calquera dúbida que poidas ter sobre como completar o teu perfil, non dubides en poñerte en contacto connosco. Algúns puntos crave son:

  • Comproba que o nome que aparece destacado no perfil corresponde coa túa firma normalizada. Debaixo, e en tipografía máis pequena, deberían aparecer as formas alternativas.
  • En "emprego", busca a UDC no buscador. A súa forma normalizada é Universidade da Coruña.
  • Para engadir publicacións e financiamento utiliza siempre que poidas o modo "buscar e enlazar", xa que iso garante ter metadatos de calidade e que non se dupliquen rexistros de obras.
  • Dentro do mesmo módulo "buscar e enlazar" dá permisos a organizacións de confianza para que actualicen o teu rexistro. Recomendamos facelo polo menos con CrossRef, a asociación das editoriais científicas, que asigna os DOI a nivel mundial. Así, cada vez que asigne o DOI a un artigo teu, incluirá os metadatos da publicación no teu rexistro sen intermediación algunha.
  • Si realizas actividades de revisión en revistas internacionais, sempre que poidas autoriza a editorial (desde a súa plataforma) para que poidan rexistrar ditas actividades en ORCID.
  • Sincroniza ORCID con Web of Science ResearcherID e con Scopus AuthorID. Asegúrate primeiro que non tes rexistros de autor duplicados nesas plataformas. Pídenos axuda na biblioteca.