Dúas décadas atrás as revistas científicas (tanto en papel como en electrónico) habituaban publicar os seus números en formato pechado, ao que só se podía acceder previa compra do fascículo ou mediante subscrición á revista. Por suposto, a titularidade dos dereitos de autor de carácter patrimonial (que habilita o control exclusivo sobre accións tales como a reprodución, distribución, comunicación pública e transformación da obra) quedaban en mans da editorial de forma indefinida.
Ao longo dos últimos anos, e grazas ás presións de investigadores, institucións académicas, axencias financiadoras, gobernos etc., as revistas científicas víronse obrigadas a ofrecer algún tipo de vía aos autores para que os resultados das investigacións financiadas polo conxunto da sociedade poidan difundirse en aberto. Desta forma, nacen as políticas de autoarquivo das revistas científicas, as cales permiten (ou non) aos autores depositar algunha das versións do artigo en repositorios (institucionais ou temáticos), páxina web dos autores, páxina da universidade etc.
Nun primeiro momento, estas políticas eran sinxelas. De feito, clasificábanse en base a 4 cores (aínda o segue facendo así o proxecto Dulcinea, para as revistas científicas españolas):
Pero estas políticas complicáronse moito nos últimos anos, sobre todo para o caso das revistas híbridas (aquelas que combinan nos seus números artigos "pechados" con artigos publicados "en aberto", previo pago, neste último caso, de cantidades non pequenas por parte dos autores).
Para manter restrinxido ao máximo a difusión en aberto dos traballos e, á vez, cumprir coas esixencias das axencias de financiamiento - polo menos das máis importantes - as revistas foron incorporado unha serie de criterios e condicións segundo os cales permiten (ou non) o autoarchivo: a existencia dun mandato dunha axencia financiadora, a versión do artigo que pode difundirse en aberto (preprint, version aceptada - ou postprint - e versión final do editor), a retención ou non do copyright por parte da editorial, os lugares aos que se poden subir as distintas versións do artigo, as declaracións e ligazóns á páxina da editorial que deben incluírse no texto etc. Todo iso fai bastante complicado entender estas políticas.
Para iso, o JISC (axencia sen ánimo de lucro do Reino Unido), ofrece a plataforma Open Policy Finder (antes Sherpa Romeo) que agrega e presenta as políticas de acceso aberto de editoriais e revistas de todo o mundo, informando, de maneira actualizada, de cales son as políticas e condicións de copyright das editoriais e como estas poden afectar ao seu posterior auto-arquivo ou depósito en repositorios institucionais ou temáticos.