A Universidade da Coruña restaurou en 2006 o espazo forestal situado entre as facultades de Ciencias e Filoloxía, eliminando a maior parte dos eucaliptos e reforestándoo con especies autóctonas representativas do bosque ou bosques galegos. Desde o inicio desta restauración, a UDC está a aplicar criterios de xestión ecolóxica e sustentábel deste espazo, que condicionan tanto as prácticas de xardinería e usos do espazo, como a realización de actividades formativas e de divulgación ambiental.
Unha década despois de ter iniciado os traballos de restauración, incorporouse a este espazo a figura de Custodia do Territorio, coa participación do Concello da Coruña a través do “Convenio especifico de colaboracion entre o Concello da Coruña e a Universidade da Coruña para a execución do proxecto de custodia e voluntariado ambiental no Monte da Fraga”, asinado por primeira vez no ano 2017, e renovado anualmente ata a actualidade.
A Universidade da Coruña ten no Campus da Coruña (Elviña-A Zapateira) un dos ámbitos espaciais preferentes para desenvolver as súas funcións de servizo público de educación superior. A súa posición dota os terreos incluídos no Plan parcial do Campus da Coruña de características especiais, e convérteo en espazo de confluencia, de contacto e de transición entre formas propias do crecemento urbano e formas específicas de explotación agraria e forestal do territorio.