A Coruña, 27 de abril de 2026
O Espazo de intervención cultural NORMAL da UDC acollerá ata o 15 de setembro a exposición “A Coruña, porto negreiro”, unha mostra que propón unha revisión crítica da memoria colonial da cidade e ao seu papel no tráfico transatlántico de persoas escravizadas.
Esta mostra expositiva fai un percorrido pola memoria colonial coruñesa e convida a recoñecer as pegadas que este legado deixou na arquitectura, na economía e no imaxinario urbano, ao tempo que interpela sobre como estas herdanzas continúan condicionando o presente. A través de documentos, mapas e imaxes dos séculos XVIII e XIX, revela as conexións entre progreso e violencia, así como as relacións económicas, as rutas e os silencios que sustentaron as relacións coloniais e o crecemento das cidades.
O acto de inauguración contou cunha presentación do proxecto no marco do cal se desenvolve esta exposición “A Coruña entre memorias: historia, colonialismo e identidade”. A continuación tivo lugar unha actuación de repentismo poético liderada por Quinny Martínez e Las Tamboreras del Caribe, para percorrer posteriormente os contidos da mostra.
Published by: Gabinete de Comunicación da UDC