No panorama actual - onde cada vez é máis difícil alcanzar unha carreira profesional estable ou obter financiamento para a investigación - lograr unha alta visibilidade e impacto das túas contribucións convértese nunha peza clave de éxito. Atopámonos dentro dun ecosistema dixital complexo e globalizado e, neste contexto, a correcta atribución e o recoñecemento do teu traballo dependen de múltiples factores.
Sen unha estratexia adecuada, hai un risco crecente a que a túa produción científica poida quedar dispersa nas bases de datos internacionais, ser atribuída erroneamente a outros autores ou non contabilizarse adecuadamente as túas métricas (citas, índice h).
Hai moitas razóns para iso: a ambigüidade na firma elixida, os usos anglosaxóns na indexación de nomes hispanos, as variacións na firma ao longo do tempo ou a falta de normalización na filiación institucional, entre outros, son obstáculos comúns que poden afectar negativamente ao teu recoñecemento e aos procesos de avaliación (acreditacións, sexenios, financiamento).
Existen estratexias e ferramentas que che permiten xestionar eficazmente a túa identidade dixital como investigador/a. Nesta sección guiarémoste a través dos elementos clave para optimizar a túa presenza na web:
Normalización da firma: Empezaremos polo básico. Por que é esencial elixir unha firma académica normalizada e utilizala de forma consistente no tempo. Veremos que pasos seguir, así como as principais recomendacións (Fecyt, Iralis) totalmente adaptadas ao contexto hispano.
Filiación institucional: Cita sempre de forma correcta a túa filiación coa UDC. Elemento imprescindible e obrigatorio: a forma desenvolvida e en galego da nosa institución: “Universidade da Coruña”. Veremos a Instrución de 2016 da UDC e explicaremos as ideas clave que debes ter en conta.
Identificadores e Perfís de Autor: Presentarémosche as principais ferramentas deseñadas para asegurar unha identificación unívoca no mundo dixital. Cal é máis importante (ORCID), como funcionan, as súas vantaxes, limitacións e como mantelos actualizados:
ORCID: Considerado o "DNI" do investigador, é un identificador persistente que proporciona un perfil único e universal para os investigadores. Trátase dun proxecto aberto á comunidade científica (non aliñado con ningunha editorial), interoperable (ver a importancia das chamadas "organizacións de confianza") e cada vez máis imprescindible (por exemplo, para a avaliación científica, ANECA). Mostrarémosche como crealo e mantelo.
WoS ResearcherID: Identificador de Web of Science que permite agrupar publicacións, consultar citas e métricas, e visibilizar as túas actividades de revisión e edición.
Scopus Author ID: Identificador da base de datos Scopus, a súa finalidade é moi parecida á ResearcherID de WoS.
Google Scholar Citations: Todo investigador/a pode crearse un perfil público no buscador académico máis utilizado do mundo. Esencial para aumentar a túa visibilidade científica.
O Portal de Investigación da UDC: non só agrupa e visibiliza a produción científica da UDC, senón que che ofrece servizos útiles como a xeración de informes bibliométricos ou a descarga do CVN. Tamén che permite editar a túa firma.