No ano 2013, no marco do I Plan de igualdade de oportunidades entre mulleres e homes, a Universidade da Coruña (UDC) elaborou un Protocolo para a prevención e protección fronte ao acoso sexual e acoso por razón de xénero. Este primeiro protocolo, aprobado no Consello de Goberno do 26 de novembro de 2013, foi aplicado durante máis dun lustro.
O 30 de novembro de 2019 o Consello de Goberno da UDC aprobou un novo texto para o Protocolo, que supuxo unha importante ampliación do ámbito de aplicación do Protocolo, estendéndose a casos de acoso non só por razón de sexo, senón tamén pola orientación sexual e identidade ou expresión de xénero.
En atención á experiencia adquirida nos últimos anos na aplicación do protocolo de 2019, xurdiu a necesidade de aprobar un novo Protocolo no que a prevención das violencias e o acompañamento ás vítimas constitúen os eixes centrais de actuación. A aprobación do novo texto pretende servir para dar acollida á Lei 3/2022, do 24 de febreiro, de convivencia universitaria, que establece un novo réxime disciplinario para o alumnado.
Este protocolo ten por obxecto promover a eliminación de toda forma de violencia, así como toda forma de discriminación e acoso sexual, por razón de sexo, orientación sexual, identidade de xénero, expresión de xénero ou características sexuais, incluíndo tanto medidas de prevención como de resposta fronte ás condutas sinaladas.
A Oficina para a Igualdade de Xénero (OIX) e a Unidade de Atención á Diversidade (ADI), a través do Servizo de Atención á Comunidade Universitaria LGTBIQ+, son os órganos responsables da aplicación deste protocolo, intervindo segundo a natureza do caso.
Correo electrónico confidencial:
Se es vitima ou coñecedora de algún caso de acoso sexual ou por razón de sexo podes denuncialo ante a Directora da Oficina para a Igualdade de Xénero a través do correo electrónico directora.oix@udc.es