O III Plan de igualdade 2024-2027 nace para dar resposta aos novos cambios lexislativos e co irrenunciable obxectivo de impulsar a igualdade e a equidade entre homes e mulleres dentro da nosa institución.
O diagnóstico previo á elaboración do III Plan de Igualdade puxo de manifesto a persistencia de certas asimetrías de xénero que afectan á comunidade universitaria. Os estereotipos de xénero visibilízanse na configuración do estudantado nos graos, de modo que a presenza de homes é moi pequena naqueles relacionados cos coidados, mentres que a de mulleres é moi reducida naqueloutros do ámbito de certas enxeñarías. Esta situación, aceptada e normalizada socialmente, é un síntoma das desigualdades, posto que unha sociedade debe construírse de forma equilibrada e conxunta ou, de non ser así, será imposible eliminar as desigualdades.
Deseñar e redactar o III Plan de igualdade da Universidade da Coruña foi unha tarefa colectiva que contou coa implicación de múltiples persoas, pertencentes a diferentes espazos, que puideron achegar a súa experiencia desde o seu compromiso coa igualdade e cos valores democráticos. Este novo plan é debedor dos traballos que cristalizaron nos dous anteriores plans de igualdade que supuxeron o principio dunha liña de traballo que buscaba resultados a curto, medio e longo prazo. Conscientes de que aínda queda un longo camiño por percorrer, este III Plan contribúe a marcar liñas estratéxicas de acción realistas e que apostan por unha universidade que implemente políticas con perspectiva de xénero conducentes a que a comunidade universitaria tome conciencia das diversas problemáticas relacionadas coas violencias machistas, as fendas de xénero e as desigualdades normalizadas cara ás mulleres. Trátase de seguir deconstruíndo a cultura machista para construír unha nova cultura de equidade.