A revista Sao Paulo Medical Journal publica o estudo titulado“Health outcomes and medical response during a military deployment in Iraq: a prospective observational study of morbidity, treatments, and evacuations”, coa participación de alumnado de doutoramento e persoal investigador de diversas institucións, entre elas a Universidade da Coruña, Universidad Rey Juan Carlos, Universidad Complutense de Madrid e Universidad de Huelva, entre outras.
Este traballo analiza os resultados en saúde e a resposta médica durante o despregamento do continxente español en Iraq, avaliando a morbilidade, os tratamentos aplicados e a necesidade de evacuación sanitaria nun contexto operativo real.
O estudo forma parte da tese de doutoramento por compendio de publicacións do doutorando David Rodríguez Avellaneda, vinculada ao grupo de investigación, reforzando a formación avanzada e a xeración de coñecemento científico competitivo no seo do GISAP.
A publicación atópase en acceso aberto, facilitando a difusión dos resultados á comunidade científica e profesional. Entre os principais achados destaca o predominio de patoloxías non relacionadas co combate (fundamentalmente traumáticas, infecciosas e dixestivas), así como a elevada capacidade resolutiva da asistencia sanitaria no propio despregamento, cunha baixa taxa de evacuación médica.
Este traballo achega evidencia relevante para a planificación sanitaria, a prevención de lesións e a optimización dos recursos asistenciais en contornos operativos complexos, consolidando a colaboración interinstitucional e o impacto internacional da investigación desenvolvida no ámbito da saúde.
Publicado por: Grupo de investigación Saúde e Podoloxía