A Xunta de Facultade ou Escola é o Órgano Colexiado de Goberno do Centro.
Ten, entre outras, competencia para:
- Aprobar as liñas xerais da política académica do centro.
- Supervisar a xestión dos diferentes órganos de goberno e administración do centro.
- Propoñer a implantación de novas titulacións e a organización de cursos ou estudos de posgrao.
- Elaborar e aprobar as propostas de plans de estudo das titulacións que se impartisen no centro.
- Organizar as actividades docentes para a obtención dos títulos académicos do seu ámbito de competencia, e coordinar e supervisar o desenvolvemento dos contidos mínimos das materias impartidas neles polos departamentos, de acordo cos plans de estudo e cos obxectivos establecidos para cada titulación.
A Xunta de Centro estará composta por:
- O decano ou director, que a presidirá e convocará.
- Os vicedecanos ou subdirectores e o secretario, que o será tamén da Xunta.
- Todos os profesores e axudantes. Os que impartisen docencia en máis dun Centro serán membros da Xunta do Centro no que desenvolvan maioritariamente a súa actividade docente.
- Unha representación dos estudantes nunha proporción do 33 por cento dos membros da Xunta, correspondendo un 31 por cento ao primeiro e segundo ciclo e un 2 por cento a terceiro ciclo.
- Unha representación do persoal de administración e servizos nunha proporción do 10 por cento dos membros da Xunta.
Órganos unipersoais de centros
O decano ou director representa ao centro, exerce a súa dirección, preside e coordina a actuación dos seus órganos colexiados e executa os acordos destes.
O decano ou director será elixido pola Xunta de Centro, entre catedráticos ou profesores titulares do centro respectivo, e será nomeado polo reitor.
O seu mandato ten unha duración de catro anos con posibilidade de reelección.
Os vicedecanos ou subdirectores dirixen e coordinan a área de competencia que lles asigna o decano ou director.
Os vicedecanos ou subdirectortes serán nomeados polo reitor, por proposta do decano ou director, de entre os membros da comunidade universitaria do centro.
O secretario é o fedatario dos actos e acordos dos órganos colexiados de goberno e administración do centro.
O secretario será nomeado polo reitor por proposta do decano ou director do centro.