Sr. Reitor da Universidade de Vigo,
Sra. Vicerreitora de Organización Académica da Universidade de Santiago,
Autoridades, membros da comunidade universitaria,
Ilustres profesores participantes nas Xornadas de Filosofía,
Amigas e amigos todos:
Van para alá máis de vinte anos que o profesor John Worrall visitou Galicia por primeira vez. Daquela fíxoo para expoñer a súa posición sobre os problemas que as revolucións científicas lles presentan á racionalidade científica, segundo a óptica de filósofos, historiadores e sociólogos da ciencia.
Desde entón foron varias as ocasións en que a Universidade da Coruña tivo a honra de contar co maxisterio de John Worrall, segundo acaba de relatar o seu amigo e anfitrión ferrolán, o profesor Wenceslao González, na súa completa e ilustrativa laudatio.
Hoxe este salón Concepción Arenal, escenario dalgunhas das conferencias do profesor, convértese en Paraninfo de excepción para acoller o acto simbólico de nomeamento de John Worrall como doutor “honoris causa” da Universidade da Coruña.
Profesor Worrall, en nome propio e no de toda a nosa comunidade universitaria, quero felicitalo calorosamente e agradecerlle que aceptase a máxima distinción académica da nosa institución.
Honrámonos coa súa incorporación ao Claustro honorífico da UDC, que se enriquece engadindo o seu perfil académico e o seu prestixio científico internacional aos referentes da nosa identidade institucional universitaria.
O preciso percorrido do profesor González pola vida e a obra do novo doutor honoris causa permítenos coñecer polo miúdo o alcance da súa traxectoria e da súa pegada persoal no ámbito da filosofía da ciencia.
John Worrall é un mestre discípulo de mestres. Discípulo dalgúns dos grandes mestres contemporáneos da filosofía da ciencia e presente el mesmo, con voz propia, na primeira liña da actividade académica, dos grandes debates teóricos sobre a razón última, os enfoques e a metodoloxía da investigación científica.
De seguro non sen entenderá a evolución da filosofía e da metodoloxía da ciencia no século XX, e no que levamos do XXI, sen coñecer as contribucións do doutor Worrall desde as máis altas responsabilidades incluídas na súa produtiva biografía.
Desde logo, desde a súa cátedra na London School of Economics, e tamén como editor do British Journal for the Philosophy of Science ou como presidente da British Society for Philosophy of Science. Son desempeños que, por si sós, avalan a concesión do doutoramento de honra coa unanimidade que xerou a súa proposta.
Mais a laudatio resumiu ben a excelencia intelectual do profesor Worrall como mestre con voz propia no selecto ámbito da filosofía e metodoloxía da ciencia e nas súas controversias máis complexas.
En 1989, o mesmo ano en que nacía a Universidade da Coruña, Worrall formulaba a súa revisión dos principios do realismo científico, que causaría un singular impacto nos estudos sobre a filosofía da ciencia e os piares do método científico.
O enfoque de Worrall, bautizado como realismo estrutural, incorporou ao debate unha concepción innovadora, audaz e integradora para conciliar as teses clásicas do realismo coas dos filósofos englobados xenericamente baixo a etiqueta de “antirrealistas” ou, segundo sexa o caso, “instrumentalistas”.
Os postulados do noso novo doutor honorífico, esa teoría que recolle en propia e atinada expresión “o mellor de ambos os mundos”, teñen sido desenvoltos por unha importante nómina de pensadores, que configuran unha prestixiosa escola de filosofía da ciencia.
A Universidade da Coruña ten a honra de ser unha das plataformas académicas e científicas participantes, de forma activa, nos principais debates actuais neste ámbito do coñecemento.
Acabamos de ter a oportunidade de lle escoitar ao profesor Worrall unha excelente lección maxistral pola que tamén o quero felicitar.
Resulta moi oportuna a súa análise sobre o entramado metodolóxico subxacente na investigación médica, un territorio científico de enorme dinamismo e transcendencia na actualidade. Os rápidos avances no coñecemento, a magnitude dos proxectos de investigación e as súas implicacións éticas e de todo tipo esixen unha rigorosa reflexión crítica.
Ademais do profesor Worrall, outras figuras destacadas da filosofía da ciencia teñen exercido aquí, non campus de Ferrol, o seu maxisterio.
E seguen a facelo grazas ao nivel de excelencia das xornadas que organiza todos os anos o profesor González.
A través das Xornadas de Filosofía e Metodoloxía Actual da Ciencia, Ferrol e a Universidade da Coruña teñen presenza internacional nun espazo do coñecemento restrinxido e moi esixente. Comprácenos que nos acompañen neste acto solemne os relatores participantes desde mañá no encontro deste ano.
As xornadas están de aniversario. Cumpren agora o seu primeiro cuarto de século. Vinte e cinco anos reunindo en Ferrol os máis prestixiosos profesores. Vinte e cinco anos levando aos seus programas as cuestións esenciais do debate sobre teoría e metodoloxía da ciencia e mantendo a Universidade da Coruña nun recoñecido nivel de excelencia.
O nomeamento de John Worrall como doutor honoris causa marca un fito na curta historia da nosa Universidade e realza o aniversario das xornadas, en que tamén intervén o noso homenaxeado.
▪
Unha das características do noso tempo vén definida polos extraordinarios avances da ciencia e da tecnoloxía e pola rapidez coa que se anchean as fronteiras do coñecemento.
Sucede isto tanto no ámbito das ciencias básicas como no das aplicadas, se é que convencionalmente podemos, nesta altura, seguir facendo esta segmentación.
Pode que algúns se ceguen ou se deixen cegar polos potentes faros das innovacións seguidas que a ciencia e a tecnoloxía achegan ás nosas vidas, á nosa economía, á nosa cultura.
E pode que a cegueira os leve a interiorizaren unha visión deformada da realidade do ser humano e do sentido profundo e integrador do progreso.
Craso erro, desde logo. Do mesmo xeito que a ciencia é cultura, tampouco ten sentido a ciencia sen cultura. De feito, imos comprobando como ese ritmo acelerado do progreso tecnolóxico vai acompañado da necesidade imperiosa de contextualizalo e incardinalo nun progreso social e cultural que ten que ser integral e integrador.
As múltiples achegas humanísticas (directas ou indirectas, evidentes ou subxacentes, pero sempre presentes) permítennos entendernos a nós mesmos e comprender o que somos, o que queremos ser e como seguir os camiños correctos para que ningunha dimensión humana deixe de enriquecernos: coñecemento, reflexión, valores, creatividade, espírito crítico.
O doutoramento honoris causa do profesor Worrall agocha tamén un recoñecemento ao campo do saber en que el é unha referencia imprescindible: a filosofía da ciencia. Un recoñecemento aos que pensan sobre como pensamos, aos que reflexionan sobre a cualidade da arquitectura metodolóxica interna sobre o que opera a investigación científica.
Coa incorporación honorífica de John Worrall a Universidade da Coruña tamén reivindica esa visión integradora do saber á que acabo de me referir.
Coido importante salientar hoxe aquí, no Campus Industrial de Ferrol, esa idea motriz, a do traballo universitario pola formación integral e non só pola instrución. Unha concepción que tivemos e temos moi presente no recente proceso de reconfiguración dos nosos campus da Coruña e de Ferrol e cuxa transversalidade, básica, é una mostra de fortaleza da Universidade.
Prezado profesor Worrall: reitérolle os parabéns meus, do equipo de goberno da Universidade da Coruña e do conxunto da nosa comunidade universitaria.
Comprácenos que a súa longa relación co noso campus se coroe agora con este nomeamento.
Prezado profesor Worrall, este 11 de marzo é unha xornada importante. A metodoloxía e a predición científicas aínda non son quen de adiantarnos como lle irá esta noite en Anfield ao seu querido Liverpool pero, pase o que pase, eles (como di o seu himno) nunca camiñarán sós e tamén nós, co seu doutoramento honoris causa, sentirémonos, desde hoxe, máis e mellor acompañados académica e cientificamente.
Máis nada.
Boa tarde e moitas grazas a todas e a todos pola súa asistencia.
Ferrol, 11 de marzo de 2020