Xuntanza do reitor coa comunidade da Facultade de Informática

Nota de prensa
14/02/19 11:19
  • Institucional

A Coruña, 13 de febreiro de 2019.- Logo de visitar a ETS de Enxeñaría de Camiños, Canais e Portos, o reitor da Universidade da Coruña, Julio Abalde, mantivo unha reunión o pasado luns coa comunidade da Facultade de Informática, á que acudiu xunto coa vicerreitora de Estudantes, Participación e Extensión Universitaria, Margarita Amor, e o vicerreitor de Profesorado e Planificación Docente, Alberto Valderruten.

Abalde abriu o encontro explicando o proceso que levou a establecer as especializacións da Universidade da Coruña como Campus Sustentabilidade e Campus Innova, logo de poñer en marcha o Campus Industrial de Ferrol, e que foron froito dunha análise de fortalezas e debilidades para detectar as potencialidades de docencia e investigación, e da decisión do equipo de goberno de potenciar a investigación e a transferencia de coñecemento á empresa. Así mesmo, lembrou que unha das consecuencias desta especialización foi a implantación dos novos títulos de grao que comezaron este curso: Grao en Xestión Industrial da Moda, no Campus de Ferrol, primeiro multilingüe en inglés de Galicia ( cun 40% das materias impartidas en inglés), e o Grao en Paisaxe, conxuntamente coa Universidade de Santiago de Compostela, primeiro título de grao interuniversitario do SUG. A estes sumaranse o vindeiro curso os graos en Ciencia e Enxeñaría de Datos; Creación Dixital, Animación e Videoxogos; Xestión da Información e da Documentación Dixital e o grao Dual en Enxeñaría Eléctrica.

Investigación

No que atinxe á investigación, o reitor sinalou o interese en estruturala arredor dos centros tecnolóxicos e sistemas como agrupacións estratéxicas que permitan ir a vías de financiamento mellores. Tamén se apoia institucionalmente aos investigadores para que concorran a convocatorias europeas. O último ano, dixo o reitor, aumentou o número de solicitudes e acadouse un récord de financiamento en proxecto europeos con máis de dous millóns de euros. Neste sentido, Abalde lamentou que as universidades galegas non conten en Europa co apoio da Comunidade Autónoma como teñen as universidades catalás e do País Vasco. Outro aspecto no que se traballou con éxito nos últimos tempos foi no soporte institucional da Reitoría á transferencia de coñecemento cara á empresa. A nova Cátedra Hijos de Rivera de Desenvolvemento Sustentable vén a unirse a unha longa listaxe de cátedras institucionais con empresas. “Somos a universidade do SUG con máis graos con opcións de docencia en inglés así como con convenios con universidades estranxeiras para que o alumnado obteña un dobre título internacional”, manifestou o reitor sinalando tamén que está a aumentar o número de estudantes estranxeiros para cursar o grao ou o mestrado completo. Sobre o tema do plantel de persoal, ademais de que a UDC é a universidade galega con máis profesorado novo, foi a única que mantivo a súa plantilla mesmo nos peores anos da crise. Esta foi unha das prioridades da política de goberno da Reitoría dos últimos anos, xunto coa de manter as axudas ao estudantado, o que supón que todo o resto das partidas se vexan diminuídas.

Neste breve panorama do estado da UDC, o reitor explicou que as especializacións dos campus, concibidas como un aglutinador e un apoio á docencia e á investigación supoñen tamén un cambio de filosofía e de xestión académica. As propostas de títulos, por exemplo, explicou Abalde, antes partían dos centros, pero agora non ten por que ser así, poden partir da Reitoría.

Unha das profesoras abriu a quenda de intervencións pedindo ao reitor que explicase o custe que supón para a UDC as subvencións que reciben os grupos de referencia competitiva. O reitor concretou que o que recibe a universidade por estas axudas son custes indirectos que a penas cobren os gastos derivados de luz, auga e apoio administrativo e que non se poden usar para os gastos correntes universitarios. Dito isto, matizou o reitor, “oxalá tivésemos máis subvencións deste tipo”. Preguntado pola nova Lei de contratación, Abalde adiantou que vén de ser recentemente modificada sen que aínda se saiba cómo vai afectar.

Cidade das TIC

Outro dos profesores quixo saber máis detalles sobre o proxecto Cidade das TIC que o reitor explicou xa en Claustro, Consello de Goberno e nunha reunión á que convocou a todos os directores e decanos de centros da UDC logo do encontro no Ministerio de Defensa. Abalde lembrou que esta iniciativa parte da UDC e do Cluster TIC de Galicia a través da relación que se mantén no CITIC. “As empresas tecnolóxicas da Coruña queren ter unha relación máis intensa coa UDC nun espazo próximo ao campus”, explicou, “e a UDC deu resposta elaborando unha proposta de creación dun campus tecnolóxico especializado nas TIC, que sexa un espazo de investigación, innovación e recursos xeralizados, onde poder ubicar tanto empresas consolidades como start ups, aceleradoras de empresa, spin off da universidade, etc.”.

O financiamento deste proxecto tería que ser público e privado pero en ningún caso tería que ser a conta da Universidade. “A UDC aporta talento”, asegurou categórico o reitor.

O decano, Luis Hervella, interveu para felicitar ao reitor por este proxecto. “A idea paréceme moi boa e oxalá funcione”, declarou. Así mesmo introduciu outros temas na conversa como o novo horario do persoal de administración e servizos que, dixo, afectaría á apertura do centro en setembro, ou o estado da fachada da facultade necesitada de acondicionamento. No tema dos horarios, Abalde manifestou que o prioritario é a atención docente e que na mesma normativa se establece a aplicación do horario. Con respecto ás obras da facultade, explicou a situación económica da Universidade da Coruña que, sen ser de emerxencia segue a ser preocupante, e lembrou as prioridades de gasto destes últimos anos: manter o plantel de persoal e as axudas ao estudantado. A UDC dispón só dun millón de euros para todas as obras da Universidade e pintar a fachada suporía un custe de 600.000€. “É unha cuestión de prioridades”, rematou.

Sobre as posibilidades de que o persoal contratado para proxectos de investigación imparta docencia, tema sobre o que preguntou outro profesor, o reitor sinalou que a actual normativa non o permite e adiantou que se está elaborando un estatuto do PDI que crea novas figuras, entre elas a do investigador docente. Este mesmo profesor pediu que se mellorasen os procedementos e a xestión dos proxectos de investigación, que “ten moita marxe de mellora na xestión administrativa”, segundo indicou este docente, no que coincidiu o reitor. Abalde indicou a necesidade de mellorar neste sentido aínda que apuntou que moitos dos procesos viñan dados pola procedencia dos fondos europeos.

Publicado por: Gabinete de Comunicación da UDC