Visita dos clústeres galegos ao CITIC

27/04/26 10:57

O ámbito das tecnoloxías da información e comunicación foi a seguinte parada do ciclo de visitas de UDC Conecta

O Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e das Comunicacións (CITIC) da Universidade da Coruña acolleu o pasado 24 de abril unha nova sesión do ciclo de visitas impulsado pola Oficina de Transferencia de Coñecemento no marco do programa UDC Conecta.

Esta iniciativa continúa fortalecendo o contacto directo entre os clústeres galegos e os centros de investigación da UDC, co obxectivo de dar a coñecer as súas capacidades científico-tecnolóxicas e favorecer a identificación de oportunidades de colaboración co tecido produtivo.

Na xornada participaron representantes do Clúster Galego da Industria do Deporte e o Benestar, Clúster Saúde de Galicia, Ageinco e o Clúster da Función Loxística de Galicia, xunto con entidades como Gesuga, Paz Rodríguez, Gestcalor, Sigillum Knowledge Solutions, CT Engineering Group e Navantia.

Durante a sesión, presentáronse as principais liñas de investigación e transferencia do CITIC, que actualmente conta con máis de 50 proxectos activos en colaboración con empresas de sectores como a biotecnoloxía, o aeroespacial, a industria 4.0, a saúde ou o naval. Entre os proxectos destacados, déronse a coñecer iniciativas como PILLAR-Robots, centrada no desenvolvemento de robots autónomos con aprendizaxe continua, ou SPACIOUS, orientada á creación dunha plataforma científica na nube para a explotación de datos de misións espaciais.

A xornada incluíu tamén unha visita polas instalacións do centro, na que as persoas asistentes puideron coñecer exemplos de investigación aplicada no Demostrador Tecnolóxico, como un sistema baseado en intelixencia artificial para a detección de pólipos ou a aplicación FlatCITY, que emprega tecnoloxía IoT para identificar barreiras en contornas urbanas e mellorar a mobilidade das persoas. O percorrido completouse coa visita á Sala de Robótica, ao Centro de Procesado de Datos e á Sala de Realidade Virtual, onde se presentou un supermercado virtual orientado á recuperación da autonomía en persoas con discapacidade.

O ciclo de visitas concluirá o 14 de maio cunha sesión no Servizo de Apoio á Investigación (SAI).

Fotografías da visita

Publicado por: Oficina de Transferencia de Coñecemento