O proxecto a tres anos consistirá en asesorar e formar en sustentabilidade ao alumnado e profesorado dos centros educativos de A Mariña de Lugo, para, de forma progresiva, avanzar no deseño dun Plan de Sustentabilidade para a aula ou o centro educativo.
Actividades formativas, asesoramento técnico, e visitas guiadas ao campus da UDC son as tres vertentes de acción do proxecto. As accións propostas buscarán unha formación completa e durable no tempo, coa incidencia en tres niveis: persoal-familiar (fogar), centro de estudo, e comunidade local, mellorando o coñecemento para camiñar cara un estilo de vida e unha sociedade máis sustentable.
As actividades formativas desenvolveranse durante a “Semana Sustentable” do 20 ao 24 de abril, achegando obradoiros e palestras de temáticas variadas, entre elas o aforro de recursos naturais a través de eco-auditoría da auga e dos residuos, cálculo da pegada ecolóxica, experiencia práctica de compostaxe, limpezas do entorno natural e vida saudable.
Ademais, a UDC acollerá visitas de alumnado para coñecer in situ proxectos de sustentabilidade xa en funcionamento: depuración por humidal, sistemas urbanos de drenaxe sustentable, enerxías alternativas, compostaxe, servizos ecosistémicos.
O terceiro piar do proxecto consiste en asesorar e formar en sustentabilidade ao alumnado e profesorado dos centros educativos de A Mariña, para, de forma progresiva, avanzar no deseño dun Plan de Sustentabilidade para a aula ou o centro educativo, co obxectivo principal de que ao remate do trienio, o centro sexa autónomo para acreditarse externamente nos estándares de sustentabilidade, se así o desexa.
O proxecto conta co aval da boa acollida do seu precedente “A Mariña Ambiental” que se desenvolveu entre os anos 2022 e 2024 e conseguiu chegar a máis de 2.400 alumnos e alumnas dos niveis educativos de infantil, primaria e secundaria da comarca lucense de A Mariña.
Con esta iniciativa, ponse de manifesto o interese da comunidade educativa na formación para a sustentabilidade desde as idades temperás.
A sustentabilidade, eixo estratéxico da UDC, refórzase coa ampliación do Programa Green Campus, e consegue o recoñecemento internacional da valoración Green Metric 2025 situándose entre o 20% das Universidades máis sustentables do mundo, e no Top 10 das Españolas.
A Fundación Alcoa colabora con diferentes organizacións e institucións amparando proxectos en beneficio das comunidades nas que a compañía está presente, principalmente nas áreas de educación, medio ambiente e sustentabilidade.
O prazo de solicitude para os centros de ensino está aberto ata o 6 de marzo, para concertar a participación no ano 2026.
No apartado web da Oficina de Sustentabilidade da UDC pode consultarse o detalle do proxecto:
https://udc.es/gl/sociedade/medio_ambiente/curso/a-marina-sustentable/
Contacto Tlf.: 981 167 000, Ext. 5626 / 5688
Correo-e: oficina.sustentabilidade@udc.gal / direccion.oficina.sustentabilidade@udc.gal
Publicado por: Oficina de Sustentabilidade