A Coruña, 4 de xuño de 2026
Un equipo do Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e as Comunicacións da Universidade da Coruña participou recentemente no Science on Stage Festival 2026, celebrado en Klaipėda (Lituania), onde presentou diversas iniciativas desenvolvidas no marco do proxecto Talentos Inclusivos, unha proposta que promove a inclusión social e educativa de persoas con discapacidade a través da tecnoloxía.
A representación do CITIC estivo integrada por Javier Pereira, investigador principal do proxecto, e Irene Brage, project manager, que deron a coñecer diferentes desenvolvementos tecnolóxicos creados dentro do proxecto e compartiron experiencias con docentes e investigadores procedentes de toda Europa.
A participación neste encontro internacional foi posible tras a selección de Talentos Inclusivos por parte do xurado de Ciencia en Acción, que elixiu unicamente cinco proxectos para representar a España no festival, entre os gañadores das súas últimas edicións.
Durante a feira, o equipo mostrou varias solucións tecnolóxicas orientadas a mellorar a accesibilidade e a participación de persoas con discapacidade, entre elas Licornio, un dispositivo de apoio para a interacción con ferramentas dixitais; un taboleiro de pictogramas sobre emocións; videoxogos adaptados desenvolvidos en Scratch; e diversas adaptacións para facilitar o control de mandos de Nintendo Switch.
Ademais, a participación en Science on Stage serviu para dar visibilidade internacional a EDIGIT, proxecto Erasmus+ que constitúe a expansión europea de Talentos Inclusivos e que ten como obxectivo fomentar a educación dixital inclusiva mediante a colaboración entre centros educativos, entidades sociais e organizacións de distintos países.
O Science on Stage Festival reúne cada dous anos a docentes e profesionais da educación STEM de toda Europa para intercambiar boas prácticas, recursos innovadores e experiencias educativas que contribúan a espertar vocacións científicas e tecnolóxicas entre o alumnado.
A presenza do CITIC neste foro internacional reforza o recoñecemento de Talentos Inclusivos como unha iniciativa de referencia no ámbito da tecnoloxía inclusiva e pon en valor o traballo colaborativo entre investigadores, centros educativos e entidades sociais para construír solucións tecnolóxicas con impacto real na sociedade.
Sobre Talentos Inclusivos
Talentos Inclusivos é un proxecto desenvolvido polo CITIC (Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e as Comunicacións) da UDC (Universidade da Coruña) e ASPACE Coruña, e que conta co apoio da FECYT (Fundación Española para a Ciencia e a Tecnoloxía) do Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades; o Consello Social da UDC; o Concello da Coruña e a Xunta de Galicia.
O seu obxectivo é espertar vocacións STEM (Science, Technology, Engineering and Mathematics) entre os mozos e dar a coñecer a realidade da discapacidade a través de equipos colaborativos de traballo para resolver retos tecnolóxicos expostos por persoas con parálise cerebral.
A través deste proxecto, estudantes de educación secundaria e bacharelato de distintos institutos de Galicia deberán buscar solucións tecnolóxicas para unha serie de retos propostos por persoas usuarias de ASPACE Coruña, Amencer-ASPACE, APAMP e Cruz Vermella A Coruña, co apoio de persoas voluntarias de Inditex e persoal investigador do CITIC.
Máis información: https://talentosinclusivos.citic.udc.es/
Sobre o CITIC
O CITIC é un centro de investigación que potencia o avance e a excelencia en I+D+i aplicada ás TIC, creado en 2008 pola Universidade da Coruña. A actividade científica do centro estrutúrase en catro áreas de investigación principais: Intelixencia artificial; Ciencia e Enxeñería de Datos; Computación de Altas Prestacións; e Servizos e Redes Intelixentes, e unha área de investigación transversal a todas elas: a de Ciberseguridade.
O CITIC está acreditado como Centro de Excelencia e membro da Rede CIGUS para o período 2024-2027, o que avala a calidade e impacto da súa investigación. A acreditación, estruturación e mellora do CITIC está cofinanciada pola Xunta de Galicia e nun 60% pola Unión Europea no marco do Programa Operativo FEDER Galicia 2021-2027, co obxectivo temático de promover “unha Europa máis intelixente: transformación económica innovadora e intelixente” (ED431G 2023/01).
Publicado por: Gabinete de Comunicación da UDC