A Coruña, 13 de abril de 2026
A Universidade da Coruña vén de resolver as bolsas InMotion, polas que un total de 24 estudantes de doutoramento realizarán estadías no estranxeiro, concretamente nun total de 11 países. Unha iniciativa que se enmarca na colaboración entre a Universidade da Coruña, a través da súa Escola Internacional de Doutoramento (EID), e a empresa Inditex para impulsar estancias predoutorais en centros de investigación de referencia noutros países e favorecer así a internacionalización dos estudos de doutoramento.
O obxectivo da convocatoria InMotion, que conta para este curso cun orzamento de 130.000 euros, sufragado integramente por Inditex, é facilitar a estancia de ata tres meses co fin de poder completar os seus estudos, de modo que o estudantado participante poida optar á mención internacional de doutoramento.
No último lustro (2021-2025), o programa InMotion sufragou un total de 129 estancias predoutorais (62 homes e 67 mulleres), distribuídas en diferentes países dos cinco continentes. A meirande parte en Europa, cun total de 100; 16 en América do Norte; 11 en América do Sur; 1 en Asia y 1 en Oceanía. Con respecto á distribución por países de preferencia, as seleccións máis frecuentes foron: Portugal (20), Reino Unido (16), Estados Unidos (11), Francia (7), Alemania, Holanda e Italia (entre 5 y 6).
Polo que respecta ás áreas de coñecemento, a maior parte das solicitudes refírense á área de ciencias, que engloba o 27; seguida por ciencias sociais e xurídicas, co 21% das estancias e por enxeñaría e arquitectura, co 13%.
Nos últimos anos, a porcentaxe de teses con mención internacional defendidas na Escola Internacional de Doutoramento incrementouse dun 35,77% no ano 2021 a un 38,26% en 2025. Dun total de 467 teses defendidas na UDC nestes últimos cinco anos, 179 obtiveron mención internacional, das que 120 foron financiadas grazas a este programa InMotion.
Foto: algúns dos estudantes que participarán no programa InMotion este ano xunto con persoal da Escola Internacional de Doutoramento da UDC.
Publicado por: Gabinete de Comunicación da UDC